O 'cumio' de Feijóo coas deputacións e as cidades fai un ano no conxelador

Feijóo, na recepción a Manuel Baltar © Xoán Crespo

No conxunto do Estado o PP formulou as eleccións municipais das que este martes se fai un ano como a penúltima tirada da súa carreira a La Moncloa. En Galicia, como unha extensión da vitoria de Alberto Núñez Feijóo nas autonómicas de 2009. Impulsados pola crise e o desgaste do gabinete de José Luis Rodríguez Zapatero os conservadores galegos vían naqueles comicios do 22 de maio a oportunidade de varrer do mapa político do país unha das figuras que máis dores de cabeza lles viñan dando durante máis dunha década, os bipartitos urbanos, e para iso converteron o presidente da Xunta nunha caste de candidato total. Os seus aspirantes ás alcaldías eran "315 Feijóos", aseguraban dende a dirección popular, que encomendaban ao "efecto Feijóo" un ambicioso obxectivo: lograr "sete dos sete" gobernos das cidades e as catro deputacións. Despois desa vitoria, avanzaba o propio xefe do Goberno galego, "sentaría" cos titulares das alcaldías das cidades e das presidencias provinciais para "planificar mellor" e "coordinar" políticas e investimentos.

Eses comicios foron favorables para o PPdeG, aínda que non tanto como prognosticaban e lonxe do pleno de cidades e provincias. Agás na provincia da Coruña, a máis próxima ao presidente, onde as tres cidades e mais a deputación foron tinguidas de azul polo electorado, a marea conservadora non foi tal. En Lugo, Ourense e Pontevedra formáronse senllas coalicións -dirixidas polo PSdeG nos dous primeiros casos e polo BNG, no terceiro- e en Vigo Abel Caballero logrou o voto nacionalista para a súa investidura á fronte dun goberno municipal en solitario. No que atinxe aos entes provinciais, no lugués resistiu o bipartito que encabeza o socialista José Ramón Gómez Besteiro. Malia ao cumprimento só parcial dos seus prognósticos Feijóo mantiña a promesa de celebrar os encontros con alcaldes e presidentes das deputacións. Unha vez "clarificado o escenario" electoral tocaba "volver unir ao país" cunha coordinación que debía ser o "proxecto estrela" para "ser máis útiles aos galegos". Cumpría "esquecer os localismos, optar pola multiplicación e estar á altura dun pobo que vive en provincias, concellos ou cidades pero que constitúe unha unidade", a "Galicia única".

Feijóo prometeu que o encontro serviría para "volver unir o país" e "planificar mellor" os investimentos en cidades e provincias

Cando se ían facer dous meses das eleccións, o 18 de xullo, Feijóo reafirmaba a mensaxe. Nunha xuntanza en Pontevedra con líderes provinciais do PP e en presenza de Mariano Rajoy o presidente aseguraba que "se apoiaría nas catro deputacións coa fin de buscar sinerxias, prestar máis e mellores servizos e facelo ao menor custo". "Non procede falar de eliminar institucións, senón de gobernalas mellor", proclamaba o titular da Xunta sobre as institucións provinciais, aproveitando ademais para sentenzar que "a única diferenza entre un socialista que está a favor das deputacións e un que non o está é se a súa nómina está asinada por unha deputación ou non". El, aseguraba, demostraría pola vía da coordinación que o PP e Galicia están lideradas "por un presidente que sabe o que son as pequenas aldeas, porque as viviu e porque tamén as xestionou".

Enfrontamentos cos alleos, tensións cos propios

Pero pasaron os meses e o encontro non remataba de chegar e nalgunhas institucións que as municipais deixaron baixo a responsabilidade popular xurdían problemas ou, cando menos, incomodos para a dirección autonómica do partido. Ao tempo, a relación cos gobernos socialistas e nacionalistas renxía de novo. Así, por exemplo, reproducíronse os enfrontamentos co vigués Abel Caballero en torno ao novo hospital ou á área metropolitana e sucedeu o propio co Concello de Ourense en asuntos como o soterramento das vías do AVE -pretendido polo PP, rexeitado polo consistorio-. Tamén houbo lugar para a tensión co Concello de Lugo, tanto polas andanadas dos populares e do propio Feijóo contra o alcalde, Xosé López Orozco, a conta da trama Campeón como no referido a investimentos e actuacións pendentes na cidade, caso por exemplo da conservación da Muralla ou dos fondos para servizos sociais.

A harmonía foi moita menos en Santiago, onde Conde Roa tivo que saír da Alcaldía nove meses despois de chegar

Nas cidades con novos alcaldes populares a relación coa Xunta é prácida en Ferrol -o seu alcalde, José Manuel Rey, foi situado á fronte da Fegamp- e na Coruña, co bastón de mando nas mans dun dos dirixentes máis próximos a Feijóo, Carlos Negreira, que mesmo reproduce algunhas das prácticas do seu partido na Xunta á hora de, por exemplo, poxar coches oficiais ou cargar contra a suposta "imposición" do galego. A harmonía foi moita menos en Santiago, onde o sempre imprevisible Gerardo Conde Roa tivo que saír pola porta de atrás da Alcaldía nove meses despois de chegar a ela a causa dunha presunta fraude fiscal, aínda pendente de resolución xudicial aínda que o ex rexedor xa recoñeceu ter dedicado a pagar débedas da súa promotora inmobiliaria case 300.000 euros do IVE que lles cobrara a máis de medio cento de compradores de vivendas.

No que atinxe ás deputacións hai dúas pedras no zapato presidencial. Cun home de confianza na Coruña, Diego Calvo, e un dirixente imprescindible para a dirección galega do PP na de Pontevedra, Rafael Louzán, os desvelos chegan do goberno provincial lugués, de PSdeG e BNG, pero sobre todo do de Ourense, malia compartir siglas. Co bipartito de Lugo os desencontros chegan, esencialmente, a causa da reclamación de investimentos -sobre todo na área social- e compromisos pendentes, pero con Ourense as friccións son políticas, a medio camiño entre o partidario e o institucional. Unha vez consumado o relevo na presidencia, que José Luis Baltar lle deixou a principios de ano ao seu fillo, Manuel Baltar, como antes fixera coa dirección do PP de Ourense, a Feijóo tocoulle conciliar intereses co único barón provincial que lle botou e lle gañou un pulso interno dende que chegou á Xunta.

Con Ourense as friccións son políticas, a medio camiño entre o partidario e o institucional

Nesta liña, o pasado 9 de maio o xefe do Goberno galego recibía o presidente ourensán nunha pouco habitual xuntanza con aires de cumio, tras a que Baltar asegurou terlle arrancado a Feijóo 1,2 millóns de euros para a Deputación. Tras recibir o titular da Deputación de Ourense o xefe do Executivo galego recuparaba a promesa dun ano atrás para asegurar que, en poucos días, convocaría os responsables dos catro gobernos provinciais para trazar "un escenario marco" de relacións e investimentos. Polo momento Calvo, Louzán e Besteiro seguen á espera da chamada.

 

Xuntanza de Feijóo e Baltar © Deputación de Ourense
Feijóo e Negreira, no mitin do 12 de maio na Coruña © PP A Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.