O Valedor do Pobo presenta a dimisión

O Valedor con Feijóo, nunha imaxe de arquivo © Xunta

O Valedor marcha. Poucas horas despois de que o PP apostase por parapetalo por tras da súa maioría absoluta e, moi posiblemente, un pouco máis alá, Benigno López. O alto comisionado presentou esta tarde a súa renuncia no Rexistro do Parlamento a través dun breve escrito ao que tivo acceso Praza Pública. A dimisión prodúcese despois de que, durante as últimas dúas semanas, se acumulasen as críticas polas declaracións nas que apostaba por unha "suspensión" temporal da aplicación da Lei da Dependencia e consideraba "imprescindibles, xustos e necesarios" os recortes do Goberno central.

PSdeG e BNG facían este martes un novo intento para acelerar o relevo. Socialistas e nacionalistas víano "desautorizado para seguir á fronte da institución" e por iso lle deron aos conservadores dúas vías para a substitución: o PSdeG reclamaba un punto na orde do día do vindeiro pleno para "discutir a remoción" do Valedor e o BNG apostaba por facer o propio na Comisión de Peticións. Ningunha das dúas será xa necesaria e o voceiro do PP, Pedro Puy, amosa "o seu total respecto á decisión adoptada", se ben engade a continuación unha crítica ao "dano realizado polos grupos da oposición á institución nos últimos días" e un "recoñecemento a Benigno López polo traballo desenvolvido, cumprindo cos deberes e obrigas na atención e protección a todos os galegos e galegas".

Dende a oposición a primeira reacción chegaba dende o PSdeG, cuxo secretario xeral, Pachi Vázquez, sinalaba a través de Twitter que "quen non defende ao pobo, non pode representar ao pobo". "Finaliza un episodio que nunca debeu comezar", sinala o socialista, ao que engade "se queremos, podemos". Na mesma liña o voceiro da formación no Parlamento, Abel Losada, considera que o cesamento era "a única saída lóxica e digna a unha posición insostible", e ademais "fai caer polo seu propio peso os argumentos incoherentes, inconsistentes e incongruentes de Feijóo na súa defensa". Do mesmo xeito coida que a marcha de López "abre a necesidade de reflexionar sobre o papel do Valedor" nun momento "de necesidades económicas e sociais como o que vivimos".

O PP vetou as iniciativas de PSdeG e BNG porque "é patente" que o Valedor "non está incumprindo as súas obrigas"

Antes de coñecer a noticia o PP despregaba todo un abano de argumentos para non adiantar o relevo na institución, para o que agora amosa "total disposición para chegar a un consenso". Puy non vía motivo ningún para propiciar a destitución de López porque, na súa opinión, estaba a cumprir a "defensa dos dereitos e liberdades constitucionais e estatutarias" que lle foi encomendada e, ademais, estábao a facer "cumprindo as súas obrigas de acordo coa Lei do Valedor", isto é, "con autonomía e liberdade de criterio". Como faría despois do cesamento, xa nese momento Puy pasaba por riba do contido das declaracións de Benigno López para poñer o foco na oposición. Socialistas e nacionalistas "están a xerar unha crise institucional", aseguraba, pero o PP "non vai facer o xogo de deteriorar unha institución que está sendo cuestionada noutras instancias que cuestionan a propia existencia do Estado autonómico". Ademais, abonda, o nomeamento do actual alto comisionado foi unha proposta aprobada "por unanimidade" en 2007 "a proposta do Grupo Socialista".

Puy lamenta "o dano realizado polos grupos da oposición á institución nos últimos días"

As afirmacións de Pedro Puy chegaban minutos despois de que a socialista Caride asegurase algo ben distinto: "a proposta foi directa do presidente da Xunta" e o bipartito aceptouna en aras do "consenso". Ademais, engade, "se a miña información non é errada, coñecíanse persoalmente e mesmo lle axudou a preparar as oposicións". "Se hai un señor que durante dous meses ten unha relación de instrutor doutra hai trinta anos, chamarlle a iso ou tentar facer diso unha relación de especial amizade é ridículo", retrucou Puy. Pero, realmente, cal é a versión certa? Unha combinación das dúas. A proposta partiu do daquela Goberno bipartito, nomeadamente da consellería de Presidencia que dirixía José Luis Méndez Romeu, aínda que despois de varios vetos por parte do PP. A Xunta puxo sobre a mesa o nome de López sabendo que sería aceptado por Feijóo quen, como contrapartida, permitiría desbloquear a renovación do Consello de Contas, daquela tamén co mandato prorrogado.

Petición "de máis do 50% da sociedade galega"

Antes de coñecer a renuncia de López tanto Pontón como Caride lembraban ademais as diversas entidades sociais que pediron a marha de López nun contexto no que, salientaba a socialista, a proposta chegaba ao Parlamento co apoio "de máis do 50% da sociedade galega, porque a oposición ten máis do 50% dos votos dos galegos e galegas". O Valedor, di, "debería decatarse e cesar por iniciativa propia", como finalmente fixo, dado que "xa non representa a todos os galegos". "O presidente Feijóo debería decidir se apoia a defensa dos intereses dos cidadáns ou mantén no cargo a unha persoa que lle facilita o traballo".

Unha vez oficializada a dimisión ábrese o período para as negociacións entre os grupos. Atendendo ao avanzado polo PP nese momento ademais presentará unha proposta de reforma legal para aplicarlle ao alto comisionado os recortes propostos por Feijóo, consistentes en eliminar a figura dos vicevaledores e en reducir o seu orzamento.

O Valedor con Feijóo, nunha imaxe de arquivo © Xunta
Pontón e Caride, tras a Xunta de Portavoces CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.