O Estado insinúa que aforrará en abortos mentres a Xunta prevé pagar campañas antiabortistas

Farjas e Mato, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Limitar o acceso á interrupción voluntaria do embarazo alegando a necesidade de aforrar mentres se dedican fondos públicos a campañas antiabortistas. Este semella ser, a grandes trazos, o esquema que podería resultar nos vindeiros meses da combinación da política sanitaria e social do Goberno central e da Xunta. Despois de que, dende o principio da lexislatura, o Executivo galego viñese aprobando normas inspiradas por colectivos ultraconservadores como o Foro Español de la Familia, xa fose directamente -coa iniciativa lexislativa popular da Red Madre- ou indirectamente -coa Lei de Familia-, este xoves dúas declaracións, emitidas dende Santiago e Madrid, permiten bosquexar o panorama inmediato dos dereitos das mulleres ao respecto do embarazo. Dende o Goberno central a ex conselleira e actual secretaria de Estado de Sanidade, Pilar Farjas, deixaba caer ante a prensa que a futura carteira de servizos sanitarios podería deixar fóra o aborto libre e gratuíto. Dende a Xunta, o presidente avanzaba a concreción de campañas para concienciar a poboación sobre o "inverno demográfico" que vive Galicia.

As declaracións de Farjas apóianse no controvertido Real Decreto co que o Ministerio de Sanidade deu luz verde a preceptos como o repagamento dos medicamentos para as persoas xubiladas. Esa normativa, vixente dende hai menos de dúas semanas, prevé que Estado e autonomías pactarán un catálogo de prestacións común para todos os servizos autonómicos de saúde. Nese catálogo estará o aborto? Esa foi a pregunta que os xornalistas lle dirixiron á ex conselleira e da súa resposta cabe deducir unha inmediata redución de dereitos. Da carteira de servizos "non vai saír ningunha das prestacións que por criterio médico e de saúde se requira no Sistema Nacional de Sáude". "O compromiso é garantir todas aquelas necesidades nas que haxa unha indicación médica ou necesidade de saúde". Dito doutro xeito, se unha muller ten que tomar a decisión de abortar pero non o fai porque estea en risco a súa saúde ou exista unha malformación grave no feto, terá que pagar a intervención do seu peto.

Farjas suxire que a sanidade pública pode deixar de financiar o aborto se non existe risco para a saúde da nai ou do feto

Para levar adiante esta restrición cómpre modificar a vixente Lei do Aborto, normativa á que o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, prevé aplicarlle unha "contrarreforma" para eliminar o dereito de interromper a xestación ata as catorce semanas. Volverase á lei de supostos de 1985 para, di Gallardón, "garantir o dereito á maternidade". É precisamente aquí onde entra o plan da Xunta, apenas bosquexado polo presidente tras o Consello do Goberno galego e que este venres será detallado no Parlamento pola conselleira de Benestar, Beatriz Mato. Con todo, o avance ofrecido por Alberto Núñez Feijóo xa permite albiscar cal será o camiño a seguir. Para elaborar o seu Plan de Dinamización Demográfica a Xunta realizou unha enquisa na que, di Feijóo, fica claro que "os galegos non nos sentimos conscientes do problema demográfico que temos". "Non somos conscientes do problema colectivo e o primeiro que hai que facer son campañas de información para saber que hai un problema larvado", un verdadeiro "inverno demográfico".

Sustento legal na Lei de Familia e na norma da Red Madre

Para atopar o sustento legal desas campañas cómpre buscar na Lei de Familia, aprobada en xuño de 2011 entre fortes críticas de colectivos feministas pero tamén de institucións oficiais como o Consello Económico e Social. Dentro das políticas de "fomento da natalidade", o artigo 27 desta normativa estipula que a Xunta promoverá a "protección da maternidade" poñendo en marcha, entre outras accións, "campañas de sensibilización destinadas á concienciación social da importancia da maternidade e da paternidade, ao fomento da natalidade" e tamén "á protección do dereito á vida en formación", polo tanto, contra o aborto. Ademais, esta política "formativa e informativa" centrarase tamén na "educación afectivo-sexual, especialmente dirixida á infancia e á adolescencia". Estes preceptos complétanse cos da devandita lei promovida polo Foro Español de la Familia, que sustenta a posibilidade de que sexan membros destas asociacións quen presten estes servizos e de que, para isto, reciban fondos públicos, algo que, tal e como informou Praza, vén acontecendo nos últimos anos.

A lei habilita a Xunta para promover campañas sobre a "protección do dereito á vida en formación"

Así e todo, e malia este corpo normativo, a exposición do presidente ante os medios dirixiuse cara a outras vertentes do plan demográfico que Mato lle exporá á comisión parlamentaria que leva varios meses traballando neste eido. Ben ao contrario, Feijóo céntrase en elementos que, cando menos en abstracto, si poden ser apoiados polo conxunto das forzas políticas. Así, lonxe dos ditados das normas inspiradas polos colectivos máis conservadores, apela á necesidade de solucionar un "problema demográfico moi preocupante", un "obxectivo verdadeiramente complexo" pero "se non se intenta nunca, nunca o imos acadar". Por iso, di, a única finalidade do plan será darlle un "impulso socioeconómico á maternidade e á paternidade", "dende apoios económicos progresivos ata a axilización dos trámites de adopción" ou a "sensibilización do sector empresarial, con tarifas de tipo social". Do mesmo xeito, o xefe do Goberno expón intencións que contradín normas como a reforma laboral, caso do "fomento da racionalización de horarios" laborais. Ademais, inclúe no mesmo paquete a intención de "facilitar o aceso á vivenda ás familias con fillos", concretada hai poucas semanas no Parlamento pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López-Abella, quen confirmou a intención da Xunta de considerar os "non nacidos" como membros da unidade familiar para solicitar vivendas públicas.

Farjas e Mato, nunha imaxe de arquivo © Xunta
Feijóo, tras o Consello no que se abordou o plan demográfico © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.