Prohibido "formar grupos" nas rúas de Vilagarcía

O alcalde de Vilagarcía (no centro, cos brazos cruzados), cun grupo de persoas na rúa © PP Vilagarcía

"Disólvanse!". Un policía local de Vilagarcía de Arousa cun especial celo no cumprimento do seu labor podería lanzarlle esta orde a calquera grupo de veciños que atopase reunidos na rúa dende a entrada en vigor da ordenanza de circulación e seguridade viaria que o Concello da localidade aproba este luns. O equipo de goberno presidido por Tomás Fole (PP) está a alterar a vila con esta modificación normativa, que recibirá previsiblemente o visto e prace do pleno municipal e na que se estipula que "os peóns non deberán deterse nas beirarrúas formando grupos, cando iso obrigue a outros usuarios a circular pola calzada".

Segundo detalla o consistorio a substitución da acción de botarse a un lado para deixar pasar por unha sanción administrativa nón é máis ca unha "norma de sentido común para garantir a seguridade". En opinión dos responsables municipais, é perfectamente equiparable á obriga de "respectar os sinais lumínicos nos pasos regulados por semáforos" ou "non baixar dun vehículo en marcha". En calquera caso, advirten, non é "correcto dicir que se prohibirá aos peóns pararse facendo grupos nas beirarrúas".

O Concello vilagarcián equipara as reunións de persoas na rúa a "baixar dun vehículo en marcha"

O proxecto de ordenanza, cuxa "celeridade" o gabinete de Fole -apoiado polo seu partido e un edil independente- atribúe a "unha moción presentada polo grupo socialista" introduce tamén outras restricións que causan estrañeza e contrariedade á veciñanza. Dende a entrada en vigor da norma quedará vetada a posibilidade de "permanecer patinando en prazas, zonas ou rúas peonís" e só escaparán á restrición os menores de 8 anos. É de supoñer, polo tanto, que serán os policías locais os encargados de discernir a idade dos menores rebeldes que persistan en circular sobre rodas desafiando a normativa. Con todo, un comunicado do Concello asegura que esta non é unha "prohibición" destes "usos" das "zonas peonís", senón un límite de velocidade. Bicicletas e patíns non poderán "superar a velocidade dun peón, fixada en 10 quilómetros á hora", din.

As intencións do equipo de goberno xa fixeron saltar as alarmas dos grupos da oposición municipal, que vén na ordenanza un "absurdo" que ademais "ataca os dereitos da cidadanía". Dende o PSdeG a súa voceira, Tania García, non comprende como o "bipartito de dereitas" basea a norma na "surrealista prohibición de actividades" como a circulación en patíns a "nenos de nove anos", ademais de recoller "cuestións tan perigosas como abrir a porta a que varias persoas sexan multadas por detérense a falar na rúa". O BNG local abonda tamén neste sentido. Para os nacionalistas, as "sancións a que haxa grupos de persoas falando na rúa" ou a "que se reparta información en man aos cidadáns" lembran a "vellos réximes" e  responden á "ideoloxía máis rancia da dereita", polo que a ordenanza debe ser cualificada como "fascista".

O documento da polémica pasará este luns polo pleno do Concello con outros ditados que si semellan agradar máis a veciñanza, caso da prohibición de "realiza a actividade de aparcacoches nas vías e estacionamentos en superficie", consistentes "en dar consignas, ofrecemento de vixilancia e custodia de vehículos aos condutores", isto é, os "denominados gorrillas".

 

O alcalde de Vilagarcía (no centro, cos brazos cruzados), cun grupo de persoas na rúa © PP Vilagarcía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.