A Xunta mantén que o galego é maioritario en Primaria e Bacharelato

O conselleiro de Educación, no Parlamento © Xunta

A Xunta atribúese converter o galego en maioritario nas aulas do país. É a conclusión que cabe tirar das afirmacións lanzadas este martes no Parlamento polo Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez. Tras a controversia xerada o pasado xuño polo estudo d'A Mesa pola Normalización Lingüística que amosaba a lingua propia do país relegada a un 2% do ensino infantil das cidades e a reacción de, entre outras, a Real Academia Galega instando o Goberno a revelar os datos de uso do idioma no ensino o BNG interpelou a Vázquez para instalo a revelar a información que o denominado decreto do plurilingüismo obriga a recompilar. E o conselleiro asegurou que o galego é maioritario en Primaria e Bacharelato e está próximo a selo na ESO.

Ademais de contrastar coa percepción xeral de equipos de normalización lingüística, de grupos de defensa da lingua ou da propia oposición dar por boa esta afirmación implica que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo vén dicir que foi quen de darlle a volta á situación do galego no ensino en apenas media década. Como informou Praza Pública a Secretaría Xeral de Política Lingüística admitiu en 2012 que, no retorno do PP ao poder no ano 2009, a propia Consellería detectou que a situación do galego era "moi desfavorable" no conxunto do sistema educativo. Así, tras anos axitando a teoría da imposición admitía daquela que o seu mandato "partiu dunha situación de uso minoritario do galego polo alumnado na xeralidade dos centros", que no caso das cidades "podería dicir" que é "escaso".

Educación admitiu que a situación do galego era "moi desfavorable" en 2009 e agora ofrece cifras que indican que é maioritario

Pero nada disto acontece xa, segundo o conselleiro Vázquez. Nunha irada resposta á nacionalista Ana Pontón o titular de Educación accedeu a "explicar os resultados" tras "catro cursos" nos que, afirma, o Goberno "eliminou a presión que [o bipartito] exercía sobre os rapaces, as familias, o profesorado e os inspectores" porque "querían un sistema monolingüe". Sempre segundo Vázquez, cuxo departamento non difundiu documentación ningunha ao respecto, "en educación primaria o peso das materias en galego é de case o 51%, unha porcentaxe que é do 47,4% na ESO e do 50,4% en Bacharelato".

O conselleiro detívose especialmente no ensino infantil para rebater os datos d'A Mesa, colectivo que ao seu xuízo non é máis ca "un instrumento" do BNG "para atacar a opinión maioritaria do pobo galego". "Lonxe do que o seu aparato está a dicir para tratar de confundir", acusou, "o dato correspondente ao ensino de infantil nas cidades galegas", categoría na que inclúe as poboacións de máis de 50.000 habitantes, "acada o 10,4%". "Se me vou ao rural curiosamente as aulas de galego" chegan ao 90,6% en infantil, porque "no rural se fala galego", sentencia.

Por riba dos datos do bipartito

Mentres o conselleiro mantén que non ten "obriga de facilitar os datos que reciba" dos centros educativos aínda que llelos solicite a oposición -contradicindo así o artigo 9 do Regulamento do Parlamento- Pontón considera que Vázquez segue instalado nunha "forma civilizada de xenocidio", incumprindo "conscientemente" a lexislación vixente. "O ataque ao galego" é para a deputada do BNG "un sinal de identidade do Goberno" con medidas como o "decreto "inmoral e antigalego". Ese mesmo decreto, segundo o conselleiro está a garantir unha "utilización equilibrada de galego e castelán" que, botando a vista atrás, mesmo deixaría en mellor lugar o galego no ensino co actual Executivo que co anterior decreto, que estipulaba un "mínimo" do 50% de materias en galego e que segundo o PP traía consigo a "imposición".

No ano 2008, o ano seguinte á aprobación do decreto do bipartito e uns meses antes da chegada do PP ao Goberno, o Instituto Galego de Estadística publicou un amplo estudo sobre coñecemento e uso do galego. No módulo dedicado ao ensino o IGE reflectía que case o 47% do alumnado galego recibía as clases "maioritariamente en galego", unha cifra que era algo máis de 15 puntos superior á do ano 2003, aínda coa normativa do goberno de Fraga en vigor. Se as cifras ofrecidas este martes polo conselleiro se correspondesen coa realidade isto querería dicir que o galego está presente nas aulas do país en maior proporción que cando o PP se uniu á asociación denominada Galicia Bilingüe para manifestarse contra o que consideraban unha presenza excesiva do idioma na educación.

O conselleiro de Educación, no Parlamento © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.