Sanidade ocúltalle ao Parlamento cantas camas pecha en Lugo durante o verán

A conselleira de Sanidade, nun corredor do Lucus Augusti © Xunta

O Servizo Galego de Saúde adoita pechar camas durante o verán nos diferentes hospitais. Neste 2014 estes peches elévanse a 1.095, o maior número da historia recente da sanidade pública galega. Son 163 camas máis fora de servizo que hai un ano e un 140% máis que en 2009. Ante esta situación, fondamente criticada polo persoal sanitario, a oposición parlamentaria vén tentando coñecer máis datos da súa repercusión, polo momento sen éxito. Hai poucas datas AGE reclamaba coñecer canto persoal ía ser substituído durante as súas vacacións e a Consellería non lle deu os datos. Agora o PSdeG pediu detalles do Hospital Lucus Augusti e o resultado é semellante.

Durante a primavera a xerencia do complexo hospitalario lucense asegurou que pecharía unha media de 110 camas diarias no período estival, no que non funcionan as unidades de xeriatría, traumatoloxía, otorrinolaringoloxía, medicina interna e uroloxía. Non obstante, a CIG-Saúde elevaba esta cifra ata as 400 camas pechadas. Ante a disparidade de números a voceira dos socialistas en materia sanitaria, Carmen Acuña, e a súa deputada lucense Concepción Burgo preguntáronlle por escrito a Sanidade "cantas plantas serán pechadas nos meses de verán no HULA", "cantas camas serán inutilizadas" nese período, "en que período" acontecerá todo isto, "cal é o número de persoal contratado para realizar as substitucións de verán", "cal vai ser a redución do cadro de persoal médico e de enfermaría" e "como considera a Consellería que vai repercutir o peche de camas na calidade da asistencia sanitaria". 

O Sergas evita dar cifras de camas pechadas, de persoal que colle vacacións e de substitucións

A concreción das preguntas das parlamentarias non tivo réplica en Sanidade. A resposta, que entrou no Parlamento o pasado xoves, comeza sinalando que, "atendendo ás previsións de actividade derivadas da estacionalidade epidemiolóxica habitual no período estival, realizouse unha planificación de reordenación dos recursos de hospitalización no HULA", onde "todas as unidades e camas estarán en disposición de utilizarse cando concorra necesidade asistencial que o xustifique". "A xestión responsable -continúa- obriga a que dende o Goberno se utilicen os recursos públicos da forma máis eficiente, e se evite calquera despilfarro no uso destes".

Pero, cantas camas se pechan e canto persoal haberá? "O cado de persoal médico e de enfermaría permanecerá intacto durante o período estival", di o documento, antes de evidenciar que isto "non é óbice para que os profesionais poidan disfrutar das súas regulamentarias vacacións, ao ser precisamente o período estival cando se concentra o maior volume de solicitudes". E as substitucións? "Efectuaranse todas cantas substitucións sexan necesrias para garantir idéntica calidade na asistencia sanitaria da que se vén dispensando ao longo do resto do ano". "O persoal contratado para substitucións non estará dispoñible, loxicamnete, ata que remate todo o período", sinala. Por último, o departamento que dirixe Rocío Mosquera mantén que o que denomina como "reordenación de recursos de hospitalización non terá repercusión algunha sobre a calidade da asistencia sanitaria no HULA".

Agardando polos servizos prometidos por Feijóo

Esta negativa a facilitar información prodúcese mentres en Lugo e na súa contorna medra a indignación pola intención do PP de recortar, pola vía das emendas, a iniciativa lexislativa popular que, aprobada por unanimidade no Parlamento, pretende forzar o Goberno galego a dotar o HULA dos servizos que aínda non ten: hemodinámica a tempo completo, medicina nuclear e radioterapia, todos eles prometidos por Feijóo en 2011, cando se inaugurou o hospital. 

O HULA agarda dende 2011 por hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear

Esta indignación, que xa derivou nunha numerosa manifestación a finais de xuño, prodúcese ao coñecer a intención dos conservadores de relaxar os compromisos adquiridos na Cámara e de cambiar ata o nome da lei. Como adiantou Praza, o PP pretende que a lei nin sequera garanta a instalación das unidades, senón que no seu lugar fale de "agrupar un volume de casos suficiente" para "determinadas actividades clínicas". Ademais, evítase as referencias ao funcionamento dos servizos durante as 24 horas entre xeralidades como que "todas as provincias galegas dispoñan de procedementos" como os que reclama a veciñanza de Lugo.

A conselleira de Sanidade, nun corredor do Lucus Augusti © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.