Adiviñan catro das cinco aprobadas nunha oposición en Pereiro de Aguiar

Acta notarial coa 'predición' CC-BY-SA Foro Cívico Progresista

O Concello de Pereiro de Aguiar, gobernado dende 1987 por Eliseo Fernández (PP), convocou cinco prazas funcionariais de auxiliar administrativo en agosto de 2013. As bases desa convocatoria espertaron suspicacias nalgunhas das persoas que querían optar ás prazas e, tras varios recursos de reposición, foron modificadas en setembro do mesmo ano, pasando de ser un concurso-oposición a unha oposición composta por catro exercicios para os que cumpría estudar corenta e cinco temas. En febreiro de 2014 anunciouse a composición do tribunal, presidido polo xefe de Recursos Humanos da Deputación ourensá, e o día 15 dese mesmo mes 150 persoas tentaron superar o exame. Só 28 o lograron e, neste punto, un colectivo cidadán, o Foro Cívico Progresista, formulou un reto: adiviñar quen serían as persoas que lograrían as prazas. E veñen de ter un éxito do 80%.

Un día antes da realización do segundo exercicio, o 28 de marzo, o FCP acudiu a un notario para, cunha importante dose de retranca, oficializar o seu augurio. "Mediante asistencia técnica contratada ao gabinete astrolóxico de Xan dro Rei -ironizaban- tivemos acceso a espíritos omniscientes capaces de presaxiar os resultados futuros e así os manifestamos ante notario", que expediu a acta que acompaña esta información. O exame realizouse, o tempo pasou e o pasado día 24 o Boletín Oficial da Provincia publicou os resultados das oposicións, convertendo a predición do Foro Cívico Progresista nun éxito practicamente rotundo.

"Xa temos resposta ao noso enigma, xa sabemos quen son agraciadas do proceso selectivo para ser funcionario para toda a vida no Concello de Pereiro de Aguiar, acertamos catro de cinco", anunciaron. Así, unha ollada á acta notarial e ao BOP amosa que a diferenza entre ambas listas é dun único nome. "A quinta escapóusenos por pouco" malia ser un nome doado: María del Pilar Conde "ía na candidatura do alcalde para as eleccións municipais do 2007", sinalan. Con este augurio na man o Foro dirixiuse "a 470 dos 475 opositores inscritos nas devanditas oposicións", á "maioría silenciosa que ten que aturar que se rían de nós": "é posible que moitos dos que vos presentastes acabedes aprobando algunha oposición pero, case seguro, será fóra de Ourense" e non por ser "os menos preparados", senón por ser "os que menos amigos tedes".

A predición parte do Foro Cívico Progresista, creado para "sinalar co dedo" as "relacións de poder" en Ourense

Para este colectivo, cuxo voceiro, Javier Rey, foi presidente da Casa da Xuventude ourensá entre 2004 e 2007, esta é a primeira experiencia dun obxectivo claro: "sinalar co dedo a inxustiza e o descaro co que se opera na nosa provincia". Trátase, abonda Rey, de "pór de relevo o xeito en que se desenvolven as relacións de poder na provincia, caracterizadas pola falta de transparencia" e "a ausencia absoluta de respecto á cidadanía", nun contexto no que "todo depende de a quen coñeces e do qeu che deben". Este ecosistema político foi o que levou un grupo de "persoas con traxectoria no movemento asociativo" e "de esquerdas" unhas "con militancia e outras, non", a pór en marcha unha iniciativa que pretende "canalizar as inquedanzas e indignacións de quen, sendo maioría, están humillados por uns poucos, como as decenas de opositores que se presentaron a este proceso".

Acta notarial coa 'predición' CC-BY-SA Foro Cívico Progresista
BOP cos resultados © Deputación de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.