A Coruña acollerá o xoves unha manifestación unitaria pola "ruptura democrática"

Cabeceira da manifestación unitaria celebrada en Compostela o 7 de xuño CC-BY-SA @XCGaliza

"Queremos decidir sobre o noso futuro e por iso esiximos a convocatoria dun referendo para que a cidadanía decida entre monarquía ou república (...) Estamos a prol da ruptura democrática e queremos decidir sobre o noso futuro. Partindo da existencia dunha realidade plurinacional, estamos por procesos constituíntes nas nacións do Estado". Dúas ducias de organizacións políticas, sociais e sindicais apoian a manifestación que este xoves 19 (coincidindo coa proclamación de Felipe VI) percorrerá as rúas da Coruña baixo o lema Galiza pola República e polo Dereito a Decidir. A marcha partirá ás 20 horas da Casa do Mar e rematará ante a Delegación do Goberno, na praza de Ourense. Todas elas asinaron un manifesto que lerá o escritor e xornalista Manuel Rivas. 

“Esa saudade histórica témola que transformar nunha saudade de porvir”, destaca Rivas

Rivas destaca a importancia do “carácter unitario” deste chamamento, que “contrapesa esa imaxe interesada, de intoxicación”, que fronte á operación sucesoria, presentada como “a normalidade”, presenta a alternativa cívica republicana “como algo caótico”. Critica que, en cambio, se presente a coroación de Felipe VI como “unha historia feliz” cando “seguramente ten moito de thriller, de novela negra”. O escritor e xornalista salienta a “velocidade intimidatoria” coa que se levou este proceso de sucesión e cre que se se fosen outros os tempos o debate se estendese, as posicións republicanas serían claramente maioritarias e “imparables”.

O autor lembra tamén a importancia do republicanismo na Coruña, “unha cidade asolagada” dentro da propia cidade “que nunca desapareceu” e que constitúe “o verdadeiro ADN” da urbe, “unha alma que se tentou amputar” pero que nunca foi esquecida. “Esa cidade emerxerá outra vez”, engadiu, lembrando tamén que republicanismo e galeguismo sempre estiveron unidos na Coruña. “Esa saudade histórica témola que transformar nunha saudade de porvir”, concluíu.

O manifesto é o resultado das conversas iniciadas entre as distintas entidades, a partir dunha convocatoria inicial da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH). Rubén Afonso Lobato, responsable de comunicación da CRMH, confía nunha gran participación da cidadanía coruñesa e destaca que “hai unha disociación entre o que di o Parlamento e o que di a rúa” e que mesmo “un xornal nada sospeitoso de republicanismo, coma El País” sinalaba recentemente que un 62% dos españois demandaba a celebración dun referendo.

O manifesto é o resultado das conversas iniciadas entre as distintas entidades, a partir dunha convocatoria inicial da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica

Foi asinado por BNG, EU, Anova, Equo, Espazo Ecosocialista, CxG, Fronte Cívica, PCG, Corrente Vermella, Nós-UP, Galiza Nova, Xuventude Comunista Galega, Comisiónpola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, CIG, Central Obreira Galega, Club de Opinión Nuevos Republicanos, Asociación Cultural O Facho, Comités Abertos de Facultade, Asociación Cultural Alexandre Bóveda, C.S. Gomes Gaioso, 15-M de Monte Alto e 15-M da ría. Hai outras organizacións, como Podemos ou CC.OO., que non asinaron o texto, pero que xa anunciaron que convocarán os seus simpatizantes, para que participen na mobilización. Entre as entidades que foron convocadas, unicamente PSOE e UGT rexeitaron apoiar a manifestación.

Lobato subliña que "hai distintas posturas, dende o proceso constituínte ao referendo", pero que todas comparten a esencia das demandas do manifesto, a necesidade de que a cidadanía sexa consultada de forma democrática sobre o modelo de Estado no que queren vivir. Láiase, finalmente, de que convocatorias coma a que terá lugar na Coruña non se repitan este día en todas as cidades galegas e do Estado.

 

"Queremos decidir sobre o noso futuro"

"Queren poñer un novo rei en quince días sen contar coa opinión do pobo, como xa fixeron en agosto de 2011 cunha reforma do artigo 135 da Constitución"

O manifesto acordado por todas as organizacións convocantes, que será lido por Manuel Rivas, comeza sinalando que a abdicación do rei Juan Carlos "non pretende outra cousa que salvar unha monarquía en descomposición e desprestixiada por numerosos casos de corrupción" e denuncia que "queren poñer un novo rei en quince días sen contar coa opinión do pobo, como xa fixeron en agosto de 2011 cunha reforma do artigo 135 da Constitución". O texto salienta que se trata dun "modelo de constitución caduco e que agoniza" e que "a Monarquía é incompatíbel cun sistema democrático; é un réxime vitalicio e hereditario, que non ten en conta a vontade popular".

Lémbrase a "forte tradición republicana" da Coruña, que "así o manifestou cando puído elixir libremente". Sinálase que "nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931, que acabaron coa monarquía, as diversas candidaturas republicana acadaron 35 concelleiros e só 5 as monárquicas. E nas eleccións a Cortes de xuño de 1931 as candidatura republicanas conseguían 13 dos 16 deputados pola provincia da Coruña". O texto chama a coruñeses e coruñesas a "manifestar ese sentimento republicano e de defensa da democracia".

O texto chama a coruñeses e coruñesas a "manifestar ese sentimento republicano e de defensa da democracia"

Demándase finalmente "a convocatoria dun referendo para que a cidadanía decida entre monarquía ou república. Esa consulta é un dereito democrático que, segundo sondaxes de opinión, estaría apoiada pola maioría da poboación". "Estamos a prol da ruptura democrática e queremos decidir sobre o noso futuro", dise, pedindo a apertura de "procesos constituíntes nas nacións do Estado, para que a cidadanía poida decidir sobre o modelo político-institucional territorial e escoller a forma do Estado".

Cabeceira da manifestación unitaria celebrada en Compostela o 7 de xuño CC-BY-SA @XCGaliza
Concentración no Obelisco, na Coruña Dominio Público Praza Pública
Concentración ante a Delegación do Goberno, na Coruña Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.