A Comisión Europea investiga a Deputación de Ourense por "sospeitas fundadas de fraude e corrupción"

A Oficina contra a fraude estaría investigando, entre outros, o proxecto de recuperación de estacións abandonadas, coma esta de Baños de Molgas CC-BY-SA M. Carballada

O Comisario europeo de Fiscalidade, Auditoría e Loita contra a Fraude, Algirdas Semeta, confirmou esta mañá, en responsta a unha pregunta da eurodeputada nacionalista Ana Miranda, que o expediente de investigación aberto á Deputación de Ourense pola Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) obedece a que existen "sospeitas suficientemente fundadas de que se teñen cometido actos de fraude, corrupción ou outros actos ilegais que afectan aos intereses financeiros da Unión Europea".

En concreto a OLAF estaría investigando determinados proxectos europeos que destinaron varios millóns de euros á provincia ourensá. En concreto o denominado Plan Daredo 2002-2004, de implementación de sistemas de tratamento de augas residuais, e o Proxecto denominado Estacións vivas, espazos vivos, de remodelación de estacións ferroviarias, dos que xa informou Praza hai uns meses. Unha das adxudicacións baixo sospeita enmárcase no Programa Deputrans, ao igual que un proxecto xémeo encetado pola Deputación de Pontevedra, que tamén podería estar sendo investigado.

A investigación afondará na xestión realizada polo ente provincial dos fondos estructurais, desmentindo, como salienta Miranda, a explicación dada por José Luís Baltar en febreiro, cando afirmou que se trataba "dunha visita rutinaria" por parte da Unión Europea

A investigación afondará na xestión realizada polo ente provincial dos fondos estructurais, desmentindo, como salienta Miranda, a explicación dada por Baltar, cando afirmou que se trataba "dunha visita rutinaria" por parte da Unión Europea. O Executivo comunitario non achega información adicional "dado que o caso está en curso". Segundo Miranda a OLAF non fai auditorías rutinarias, senón que só intervén "cando hai indicios claros e é un asunto de importancia".

A deputada nacionalista rexistrou unha iniciativa parlamentar ante a Comisión Europea na que interpela ao Executivo Comunitario polas causas que motivaron a apertura dunha investigación á institución pública ourensana, e se esta investigación foi aberta de oficio ou se o inicio da mesma veu motivada por algunha denuncia previa. Miranda tamén preguntaba á Comisión polo uso que a Deputación de Ourense ten levado a cabo dos fondos comunitarios nos dous programas específicos. 

A Deputación de Ourense afirma que desde a visita realizada por técnicos europeos da OLAF o pasado mes de febreiro, a institución provincial "non recibiu ningunha nova comunicación nin notificación"

Porén, a Deputación de Ourense fixo público un comunicado no que afirma que "non lle consta ningunha novidade en relación aos proxectos europeos Daredo e Deputrans" e que desde a visita realizada por técnicos europeos da OLAF o pasado mes de febreiro, a institución provincial "non recibiu ningunha nova comunicación nin notificación". Sinalan que "ninguén da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), nin de ningún organismo da Unión Europea púxose en contacto nin remitiu ningún documento á Deputación de Ourense comunicando ningunha información como a que fixo pública hoxe o BNG".

 

Dous dos proxectos europeos investigados

A idea de Baltar de recuperar as vellas estacións de tren e os apeadeiros para convertelos en museos concretouse nun orzamento global de 6,2 millons de euros. As estacións remodeladas son Os Peares, Santa Cruz de Arrabaldo, Baños de Molgas, Vilar de Barrio, Campobecerros e Vilavella. Na actualidade, as obras nalgún caso rematáronse, noutros quedaron a medias e o resto dos museos están pechados.

Outras das iniciativas sufragadas con cartos comunitarios foron as depuradoras de auga. En total 107 máquinas repartidas en 62 concellos cun custe de 13,5 millóns de euros

Outras das iniciativas sufragadas con cartos comunitarios foron as depuradoras de auga. En total 107 máquinas repartidas en 62 concellos cun custe de 13,5 millóns de euros. Destinadas a pequenas poboacións como Beade, estaban pensadas na súa orixe para a instalación en barcos de guerra da mariña norueguesa e na actualidade permanecen sen funcionar debido ao alto custe que supoñen para as arcas públicas, 8.000 euros ao mes só en electricidade. A Sociedade Galega de Historia Natural denunció este domingo que Xinzo se construíron dúas depuradoras con fondos europeos, e unha delas nunca entrou en funcionamiento. Aseguran que a obra puido ser pagada pola UE en dúas ocasións, polo que veñen de informar ao Tribunal de Contas da UE.

A Oficina contra a fraude estaría investigando, entre outros, o proxecto de recuperación de estacións abandonadas, coma esta de Baños de Molgas CC-BY-SA M. Carballada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.