Feijóo 'reparte' a Pokémon para despedir a campaña

Feijóo, este venres tras o Consello da Xunta © Xoán Crespo

En abril de 2013 Alberto Núñez Feijóo pasaba por un dos transos máis difíciles da súa vida política. A publicación no xornal El País das fotos no barco de Marcial Dorado cando o actual presidente da Xunta dirixía o Servizo Galego de Saúde sacudían a política galega e a oposición insistía na necesidade de coñecer se o Goberno galego contratara con empresas do narcotraficante. Tras un Consello da Xunta Feijóo equiparaba contratos con axudas e concluía que o narco recibira máis fondos do bipartito que do PP. Case un ano despois, o pasado febreiro, as explicacións que pedía a oposición eran sobre o caso Pokémon e, en sede parlamentaria, o presidente veu asegurar que todas as forzas están igualmente implicadas na presunta trama corrupta. Este venres, nas derradeiras horas da campaña electoral, o titular do Executivo volveu botar man da mesma estratexia.

Tras a xira electoral que en menos dunha semana o levou a Madrid, Catalunya, Andalucía e Euskadi, Feijóo compareceu tras a adiada reunión semanal do Consello da Xunta e, como vén acontecendo semana tras semana, foi cuestionado a respecto da operación Pokémon en xeral e en particular sobre Paula Prado, a quen Vixilancia Aduaneira lle atribúe unha factura "inchada" no Concello de Santiago e que leva sen exercer como voceira do PPdeG dende hai tres meses. Segundo o presidente "estamos con pouca información adicional" derivada de "extractos dun sumario" no que "unha serie de empresas" están "sendo investigadas en relación cos seus ámbitos contractuais" en "distintas administracións", a saber: "o Concello de Santiago, o Concello de Ourense, o Concello da Coruña e a Deputación de Lugo", asegura, obviando as demais administracións investigadas -caso por exemplo do Carballiño, Boqueixón ou Sada, entre outras-.

Feijóo equipara a Paula Prado con Besteiro e co BNG

Neste contexto e ante as preguntas da prensa Feijóo asegura que na súa vontade non está "sacar conclusións antes de tempo; nin sobre o financiamento e o pago da casa e das reformzas do líder do PSOE en Galicia nin sobre o financiamento do BNG nin sobre calquera tipo de persoa relacionada no sumario que pertenza ao PP, con independencia de que nin sequera estea imputada". A referencia do presidente ao Bloque refírese ao treito do sumario recollido por algúns medios nos últimos días segundo o cal o delegado de Véndex en Galicia, José María Tutor, ingresou 6.000 euros nunha conta dos nacionalistas en 2011. "Todo aquilo que estea feito de forma irregular hai que corrixilo", recoméndalle Feijóo ao BNG, amosándose ademais "sorprendido" de que "haxa partidos que non saiban de onde veñen exactamente as súas doazóns, sobre todo cando se fan vía transferencia e como destinatario".

O BNG amosa o documento bancario

Recibo bancario amosado á prensa por Lobeira, secretario de organización do BNG CC-BY-NC-SA BNG

O que Feijóo define como "transferencia" non é tal, senón un ingreso realizado nunha oficina de Novagalicia Banco na Coruña o 19 de maio de 2011, a poucos días das eleccións municipais. O comprobante dese ingreso foi atopado nun dos rexistros da investigación e detallado nun informe datado o 26 de febreiro de 2014, no que os investigadores se refiren a un "ingreso en efectivo por importe de 6.000 euros" na conta "cuxo titular é Bloque Nacionalista Galego" e "ordenante o mesmo", isto é, o propio BNG. Dous días máis tarde os investigadores acoden á oficina bancaria na que se realizou o ingreso e entrevístanse coa súa directora "coa fin de confirmar a identidade da persoa que realizou o ingreso". A traballadora de Novagalicia manifestou que o ingreso "foi realizado por José María Tutor", contradicindo así o recibo atopado.

A directora da sucursal atribuíulle o ingreso a Véndex, aínda que como "ordenante" figura o BNG

Ese mesmo recibo, cuxa reprodución acompaña estas liñas, foi amosado este venres aos medios polo secretario de organización do BNG, Bieito Lobeira e nel figura como ordenante, efectivamente, "Bloque Nacionalista Galego". O documento, di a formación frontista, "constata que a empresa Véndex non realizou ningún ingreso na conta", senón que quen o fixo "foi o propio BNG" cadrando "coa campaña electoral, en que son habituais achegas de militantes, simpatizantes e outros ingresos extraordinarios como a venda de material". "A documentación achegada por Novagalicia Banco -explican- non permite aclarar cal foi a persoa concreta que realizou o ingreso", xa que a conta "tiña varios titulares autorizados" e algún deles "a día de hoxe xa non é militante do BNG".

Neste contexto Lobeira expresa a "extrañeza" do BNG "polo feito de que no sumario apareza unha documentación na que se recolle unha información falsa, á vista das probas achegadas pola propia entidade bancaria, derivada das declaracións da responsable da sucursal". Dadas as circunstancias, a organización "valora a pertinencia de adoptar algún tipo de medida legal, dado o prexuízo evidente causado" e expresa o seu "desconcerto polo feito de que os axentes instrutores non tivesen solicitado ningunha proba documental que ratificase as declaracións" da directora da sucursal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.