Máis Galiza, EI, Acción Galega e EcoGal inician "a construción dunha organización política"

Logotipos das catro formacións CC-BY-SA Praza Pública

Tras a efervescencia, as primeiras concrecións. Despois de semanas de múltiples contactos Máis Galiza, Encontro Irmandiño, Acción Galega e EcoGaleguistas acadaron este sábado, nunha xuntanza conxunta, iniciar a construción formal do que se vén dando en chamar "novo proxecto común", isto é, a alianza política que aposta por asentarse, segundo teñen sinalado varios dos seus representantes, no ámbito do galeguismo e do nacionalismo cos vindeiros comicios galegos como primeiro horizonte electoral.

No primeiro comunicado conxunto que emiten as catro organizacións, +G, EI, Acción Galega e EcoGal sinalan que o "proceso de traballo conxunto" que se dispoñen a emprender ten o obxectivo de "explorar as súas coincidencias de cara á constitución dunha organización política plural e aberta". Como adiantara Praza Pública, para a "consecución do devandito obxectivo" este foro a catro bandas formou dos grupos de traballo, dous "obradoiros de ideas, "un dos cales traballará no eido programático e outro no organizativo", explican.

Os catro colectivos traballarán en dous "obradoiros de ideas", un para definir a súa organización e outro dedicado ao seu programa conxunto

O anuncio público sobre o comezo do artellamento desta nova organización e do seu programa chega despois de semanas nas que os encontros entre representantes significativos dos catro grupos se produciron mentres, paralelamente, se seguiron a celebrar as asembleas abertas convocadas polos irmandiños e encontros con militantes e simpatizantes aos que acudiron membros de varias das correntes, como un acto dos EcoGaleguistas no que participou a ex conselleira Teresa Táboas ou un encontro na Estrada ao que acudiron Martiño Noriega (EI) e o secretario xeral de +G, Xoán Bascuas.

Como ten detallado este diario, dende os diversos colectivos se puxo sobre a mesa como un dos retos máis inmediatos a necesidade de, ao seu xuízo, facer compatibles ambas dinámicas, a das asembleas abertas e a dos contactos entre direccións, para darlle forma ao proxecto nun treito temporal non excesivamente longo. Neste sentido, o EI iniciou os contactos amosándose partidario de que fosen os "grupos de base" os que pilotasen todo o proceso, mentres que dende o resto de formacións se fai fincapé na "urxencia" de aproveitar a "única oportunidade" que, din, poden ter, e que pasa, entre outros aspectos, por concorrer ás eleccións e lograr representación parlamentaria.

Despois do primeiro pronunciamento deste sábado o vindeiro martes representantes das catro correntes protagonizarán o que podería ser a primeira posta en escena pública da súa confluencia. Será nun coloquio organización polo Movemento Estudantil Universitario (MEU) na facultade de Ciencias Políticas de Santiago, no que intervirán Xoán Bascuas (+G), Martiño Noriega (EI), Xoán Hermida (EcoGal) e Rafa Cuiña (Acción Galega).

Logotipos das catro formacións CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.