Prado desliza críticas á xuíza da Pokémon tras a inclusión do seu marido na investigación

Prado (esquerda) nun comité de dirección do PPdeG © PPdeG

Este venres tampouco hai rolda de prensa de Paula Prado. Tras a saída á luz, o pasado marzo, do informe de Vixilancia Aduaneira que a sitúa no centro dunha presunta rede de enchufes, favores e medias verdades no marco da operación Pokémon, a voceira do PPdeG e directora da súa campaña para as europeas reduciu á mínima expresión as súas intervencións públicas. Dende entón a noutrora látego da oposición non ofrece a súa habitual comparecencia no remate da semana para fustigar dialecticamente o resto de grupos políticos e nos debates parlamentarios adoita cinguirse aos asuntos da súa área, sen maiores estridencias. Pero un novo xiro de guión na propia operación Pokémon vén de levala a rachar o silencio, aínda que sexa por escrito.

A última hora deste xoves a axencia Europa Press publicaba o contido dun auto no que, o pasado 24 de abril, a xuíza Pilar de Lara anunciaba a inclusión do marido da número tres dos conservadores galegos na investigación sobre a presunta trama corrupta. A maxistrada sospeita que "Francisco Antonio O.I., prevaléndose da súa relación matrimonial (...), obtería beneficios económicos na súa actividade de venda de materiais téxtiles a determinados organismos públicos, entre eles o Concello de Santiago". Nesa suposta arañeira de favores e influencias tamén estarían implicados, segundo a xuíza, outros dos nomes claves da operación en Compostela, caso por exemplo do ex xefe de gabinete, Ángel Espadas, ou do actual concelleiro de Deportes, Adrián Varela.

De Lara investiga as relacións comerciais do marido da dirixente conservadora coas administracións

"A fin de non involucrar o seu nome como provedor" o home de Prado "utilizaría a terceiros intermediarios e facturaría por medios de persoas interpostas", sinala De Lara, que lle reclama ao investigado diversa documentación contable da súa empresa. Esa petición de documentación confirmábaa a propia Paula Prado poucas horas despois a través dun comunicado difundido á prensa no seu propio nome pero co logotipo do PP, no que ademais de negar as sospeitas que pesan sobre ela desliza críticas á xuíza polo xeito en que está a instruír o caso e, sobre todo, pola maneira en que manexa o segredo sumarial.

"Nunca alterei o prezo dun contrato"

"A profesión do meu marido levouno a vender material téxtil por gran cantidade de empresas privadas e públicas", di Prado, que no cuarto punto da súa comunicación aos medios advirte de que "a través da empresa familiar" o seu cónxuxe "foi provedor da Xunta durante o Goberno bipartito, pero nunca en mandatos do PP" e que a súa actividade comercial coas administracións "sempre estivo á marxe da miña condición de dirixente do PP". "Nunca intercedín pola súa actividade profesional" e "nunca lle realicei pedido ningún usando as miñas responasbilidades públicas", afirma.

Prado "lamenta" que o informe sobre ela xa non sexa secreto pero si a súa declaración no xulgado

Neste punto, e a través dun formato no que obviamente non caben preguntas, Prado dá en "aclarar outras dúbidas que puideron xurdir na opinión pública" tras a difusión do devandito informe de Vixilancia Aduaneira sobre o caso no que, evidencia, ela é unicamente "testemuña". Sen mencionar a xuíza a dirixente conservadora di lamentar "que se dese a coñecer un informe que arroxaba dúbidas sobre as miñas actuacións como cargo público" pero "non se trasladase tamén o contido da miña declaración no xulgado", aínda segreda, na que, asegura, "aclaro todas e cada unha das cuestións que puideron ser interpretadas de forma errónea", en referencia, por exemplo a un contrato presuntamente 'inchado' na súa época como edil en Santiago.

Feijóo evita apoiar a Prado, pero tamén relevala dos seus cargos

"O máis útil dende un punto de vista político" sería que ela mesma fixese transcender "as declaracións efectuadas pola miña persoa en Lugo", apunta, pero non o fixo por lealdade ao segredo de sumario. En calquera caso, subliña, "nunca na miña vida alterei o prezo dun contrato subscrito cunha institución pública" e "quero destacar que en todos os meus cargos públicos (...) fu, son  serei absolutamente respectuosa coa legalidade". Dito isto, todo apunta a que seguirá o silencio e, mentres, Alberto Núñez Feijóo evita apoiar en público a Prado, pero tamén relevala dos seus cargos.

Paula Prado, nunha imaxe de arquivo © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.