CxG: "O irrelevante é a talla política de Feijóo"

Bascuas, cos membros da candidatura de CxG CC-BY-SA CxG

As forzas políticas seguen a poñer en marcha as súas engranaxes para as eleccións europeas do 25 de maio, unha precampaña que en Galicia está vindo marcada polo desdén do presidente da Xunta e do PPdeG cara ás demais candidaturas. Alberto Núñez Feijóo cualifica de "irrelevantes" ao resto de formacións e o seu referente na lista que encabeza Arias Cañete, Francisco Millán Mon, reduciu a "ruído" o papel das pequenas organizacións na Eurocámara. Este mércores Compromiso por Galicia presentaba en sociedade a súa candidatura e, neste marco, aproveitou para retrucar ás descualificacións presidenciais.

"A arrogancia de Feijóo o único que dá a ver é a súa talla política, que é a que se aproxima á irrelevancia", sintetiza o secretario xeral de CxG, Xoán Bascuas. No acto organizado pola formación galeguista no compostelán parque de Bonaval para presentar os compoñentes da lista que encabeza Paulo Carlos López, gañador das primarias abertas do partido, Bascuas fixo especial fincapé na súa aposta por non "sinalar co dedo aos demais", senón por "facer a nosa campaña" na cal, subliña, Compromiso vai ter "denominación propia, campaña e candidatura propia" malia concorrer aos comicios en coalición co PNV, CiU e Coalición Canaria.

Compromiso subliña que a súa candidatura está formada por "xente moza e do común"

"Estamos fartos de que os diferentes partidos se arroguen a voz da cidadanía" antes de pasar polas urnas, afirma, nun contexto no que define a López e o resto de candidatos como "xente do común que sente e padece os problemas como calquera cidadán". Nesta liña, o candidato galeguista explica que a súa aposta será "avogar pola Europa das persoas", a que "poña a política por riba da economía" e demostre "que a política é unha das cousas máis bonitas da historia da humanidade". En síntese, di, "outra forma de facer política", de "honestidade" e contraria á "corrupción".

López, que segundo destaca CxG é o cabeza de lista "máis novo do Estado español" nestas europeas, pon ademais o acento na vocación de "forza política útil e a ter en conta" de Compromiso. A "irrelevancia" da que fala Feijóo "vaise converte en relevancia palpable", asegura. Dende o seu punto de vista "non hai forza política máis inútil que o PP, que lle crea problemas á cidadanía no canto de resolverllos".

Bascuas, cos membros da candidatura de CxG CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.