Canto se falou de Galicia na Eurocámara?

Pleno na Eurocámara, en Estrasburgo © Parlamento Europeo

O pasado marzo a aínda eurodeputada do PP Carmen Fraga sementaba a polémica ao facer gala de sinceridade nunha entrevista en La Voz de Galicia na que ratificaba a súa intención de non volver optar ao escano. Preguntada a respecto da defensa dos intereses do país na Eurocámara a filla do que fora presidente da Xunta explicou que "o realmente comunitario" é que, por exemplo no ámbito da pesca, "veña unha persoa a defender a pesca na totalidade de España, interesándose tanto por Galicia como polo Mediterráneo". "Aquí logo veñen deputados de grupos nacionalistas a defender o que eu chamo la pesca de su pueblo" e "iso non é o comunitario", asegurou. Nos primeiros compases da precampaña Alberto Núñez Feijóo optou por un argumentario ben distinto ao asegurar que quen defende realmente os intereses de Galicia en Bruxelas e Estrasburgo é o PP. Alén dunha e doutra versión: canto se falou de Galicia na lexislatura comunitaria que remata?

Se ben é certo que resulta complexo circunscribir algunhas iniciativas parlamentarias a un ámbito territorial determinado, especialmente en asuntos como a pesca, un dos que máis adoitan ocupar os eurodeputados galegos. Así, por exemplo, existen intervencións, propostas de resolución ou preguntas a respecto do estado dos caladoiros, das negociacións con socios da Unión Europea ou sobre asuntos ambientais que non están referidos especificamente a Galicia pero que si afectan ao país. Esta circunstancia déuselle tanto á propia Fraga como a quen ostenta desta volta a cota galega na lista do PP, Francisco Millán Mon, a Antolín Sánchez Presedo (PSdeG) e a Ana Miranda (BNG). Non obstante e partindo desta cautela, si existen notables diferenzas ao analizar a cantidade de iniciativas referidas especificamente a Galicia.

Unha ollada á base de datos do Parlamento europeo permite consultar tanto a cantidade como o contido das actividades parlamentarias de cada un dos deputados e deputadas. Como xa relatou Praza, a nivel cuantitativo a representante galega máis activa en relación ao tempo que tivo escano de seu foi Ana Miranda, toda vez que desenvolveu 284 actividades en 18 meses, 4 menos que Presedo, eurodeputado dende o inicio da lexislatura en 2009. Ambos están moi por riba das iniciativas desenvolvidas por Millán Mon (150) e Fraga (80). Esta mesma orde reprodúcese ao consultar as actividades centradas en Galicia.

Sen contar as iniciativas canalizadas a través dos deputados de ERC e Aralar durante cadansúas quendas -establecidas no acordo da coalición en 2009- un total de 69 actividades de Miranda referíronse especificamente a Galicia, o que supón un 24% do total. A continuación sitúase Sánchez Presedo, con 52 das súas 236 actividades parlamentarias ligadas directamente ao país, o 18%. No caso de Millán Mon as iniciativas vinculadas a Galicia baixan a 12, un 8% das 150 que realizou. No caso de Fraga a doutrina expresada na súa despedida é coherente coa súa folla de servizos, toda vez que en todo o seu traballo parlamentario, vinculado case en exclusiva ao ámbito da pesca, non houbo ningunha actividade referida en concreto a Galicia, se ben é certo que diversos asuntos tratados por ela afectaron máis ou menos directamente aos intereses do país, en función dos casos.

Fraga, na Eurocámara © PPE
Millán Mon, nun acto do PPE © PPE
Sánchez Presedo, en Bruxelas CC-BY-NC-SA PSdeG
Miranda, con Durão Barroso CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.