O Tribunal de Contas da UE apercibe a Xunta por falta de control nas axudas ao rural

A Conselleira do Medio Rural, con Cañete nun Consello de Ministros da UE © Xunta

"Galicia marca o paso en Europa". "Galicia convértese en referente, facendo valer a súa experiencia na xestión de fondos comunitarios". "Galicia ostenta o liderado" e gaña o "recoñecemento por parte da Uinión Europea á xestión que dende a nosa comunidade temos realizado dos fondos". Estes foron algúns dos argumentos que en outubro de 2013 ofrecía o Goberno galego co gallo da presentación por parte do presidente da Xunta dun informe sobre a xestión de fondos europeos ante o Comité das Rexións da Eurocámara. A Alberto Núñez Feijóo correspondeulle, por quenda, presentar un relatorio con liñas xerais de boas prácticas no que a palabra "Galicia" só figuraba para facer mención ao seu cargo e no que non se analizaba a experiencia galega en concreto. Esa análise si a fixo recentemente o Tribunal de Contas da UE e o resultado é un 'necesita mellorar'.

O organismo fiscalizador comunitario publicou hai escasas semanas un informe especial sobre a "fiabilidade dos resultados dos controis do gasto agrícola realizado polos Estados membros". Nel analiza, entre outras variables, o xeito en que se aplican as directrices ditadas pola Comisión Europea que "rexen a implantación de sistemas de control nos organismos pagadores e na elaboración de informes estatísticos". "A fiscalización -di o informe- revelou que ditas directrices non sempre se aplican correctamente". Galicia non é, nin moito menos, o único territorio no que o Tribunal atopou deficiencias pero si é un sobre os que chama a atención.

O informe detecta que en Galicia e Lombardía se deron axudas para parcelas consideradas "admisibles" que realmente "estaban cubertas por bosques frondosos"

Nomeadamente, o estudo explica que "en dous organismos pagadores", na Lombardía italiana e en Galicia, "o Tribunal achou algúns casos nos que se rexistraban parcelas" no sistema de identificación de parcelas (SIP) "como plenamente admisibles" para recibiren axudas por seren aptas para a actividade agraria. Isto acontecía aínda que as parcelas "estaban cubertas por bosques frondosos ou presentaban outras características que as convertían en inadmisibles". Nos casos galego e lombardo o Tribunal "tamén observou que o SIP non estaba actualizado cos resultados das recentes inspeccións sobre o terreo realizadas polos organismos pagadores".

No detalle dos aspectos a mellorar o organismo comunitario cualifica como "parcialmente eficaces" os procedementos administrativos e de control que se aplican en Galicia "para garantir o pago correcto, incluída a calidade das bases de datos" e tamén a "metodoloxía de inspeccións (...), control de calidade e comunicación dos resultados". Entre as "insuficiencias identificadas" está a devandita falta de actualización do SIP e tamén a "calidade insuficiente na medición da superficie" das parcelas e "información incorrecta ou incompleta nos informes das inspeccións sobre o terreo". O Tribunal advirte tamén de "deficiencias na organización administrativa e no control interno dos controis" e ve "insuficientes" os "detalles sobre o alcance dos controis realizados" e "deficiencias na planificación e programación" dos mesmos.

Análise entre 2010 e 2012

O informe chega a estas conclusións tras analizar o control dos fondos europeos de axuda ao rural, esencialmente os FEAGA e FEADER, entre 2010 e 2012. Para elaborar esta fiscalización, explica, "examináronse informes estatísticos que abranguen os resultados obtidos en 2010 dos controis administrativos e sobre o terreo dos réximes de axudas directas e de desenvolvemento rural, incluídos no informe anual de actividade da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural para o exercicio 2011". Ao tempo, tamén se tiveron en conta as "taxas de erro residual" do mesmo organismo comunitario para os exercicios 2011 e 2012.

"Os organismos pagadores deben realizar controis administrativos e sobre o terreo de xeito máis rigoroso"

As análises documentais, as entrevistas con persoas expertas e as visitas sobre o terreo levaron o Tribunal de Contas da UE a concluír que, "en xeral, os resultados dos controis do gasto agrícola desenvolvidos polos Estados membros e presentados pola Comisión non son fiables". "Os organismos pagadores", como a Xunta, as demais autonomías e o Goberno central, "deben realizar controis administrativos e sobre o terreo de xeito máis rigoroso e debe mellorarse a calidade das bases de datos SIP". Ademais, sinala, "compre aclarar as directrices publicadas pola Comisión para a implantación de sistemas de control axeitados e a elaboración de informes estatísticos e cabe realizar un seguimento máis estrito da súa aplicación".

A Conselleira do Medio Rural, con Cañete nun Consello de Ministros da UE © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.