25-M: Cinco vías de Galicia a Europa

Campaña institucional das eleccións europeas © Parlamento Europeo

Tras semanas de dilacións o PP revelaba o pasado xoves a súa candidatura para as eleccións europeas. Cos nomes da candidatura conservadora sobre a mesa o electorado galego xa ten diante de si as cinco principais opcións que, dende outras tantas organizacións e coalicións, aseguran que serán a voz do país no Parlamento Europeo. Atendendo á órde na que se lanzaron á carreira preelectoral, repasamos as credenciais que presentan para tentar recabar a confianza da cidadanía galega.

BNG: Ana Miranda

Presentación da candidatura do BNG ás europeas

Nada en Cuntis e criada en Vigo, Ana Miranda é dende hai anos sinónimo do BNG en Europa. Cunha ampla experiencia académica, profesional e política nas institucións comunitarias -está especializada en Dereito Europeo e traballou na área de política social e cohesión do Consello de Ministros-, colaborou estreitamente co primeiro eurodeputado do Bloque, Camilo Nogueira, entre 1999 e 2004. Na seguinte lexislatura europea, na que a formación frontista non tivo escano en Bruxelas e Estrasburgo, foi a representante do BNG en Galeuscat e dende 2009 en Europa dos Pobos, alianza pola que foi eurodeputada entre xaneiro de 2012 e xullo de 2013.

Miranda subliña que o do Bloque seguirá sendo "o escano de Galiza en Europa"

Dende o Bloque, pero tamén dende fóra del, adoitan gabar a capacidade de traballo de Miranda, que desta volta encabeza unha lista formada por representantes de diversos sectores sociais e caras coñecidas como o escritor Suso de Toro ou a actriz Isabel Risco. Esta candidatura está coaligada, á súa vez, coa de EH-Bildu, unha unión á que o PP se aferrou dende o primeiro momento para tentar ligar os nacionalistas galegos coa violencia ou o terrorismo. Alén de que as coalicións para as europeas "son instrumentais", Miranda apela á "apertura mental" e a non poñer o foco en debates que, afirma, procura que "non se fale do traballo do BNG" ante a UE, onde "dos 54 grupos que hai fomos o quinto máis activo, e iso estando só ano e medio no Parlamento".

Máis dun cento de intervencións, case 150 preguntas parlamentarias ou unha vintena de propostas de resolución son as cifras que acompañan a Miranda na súa aposta para tentar regresar a Europa co BNG. Se o logra, asegura, o seu será "o escano de Galiza", cunha "voz de seu, crítica co modelo da UE" e na "defensa dos intereses das clases populares e dos movementos sociais, así como dos sectores produtivos da economía galega".

PSdeG: José Blanco

José Blanco, tras ser presentado por Besteiro como candidato do PSdeG

Tras estar representados nos últimos anos por que fora o seu candidato á Xunta nos primeiros anos 90, Antolín Sánchez Presedo, os socialistas galegos teñen desta volta como referencia cara ás eleccións europeas ao ex ministro de Fomento e antigo número dous do PSOE, José Blanco. Sen experiencia europea pero con amplo currículo orgánico e institucional, Blanco esgrime o seu "compromiso e traballo na defensa dos intereses desta terra", especialmente na súa etapa no Ministerio, para apelar ao apoio da cidadanía galega. El, asegura, garante que a "voz de Galicia" se escoite de xeito "forte" en Europa. Os socialistas, din dende o PSdeG, son "a única esquerda que sabe e pode" mudar o rumbo da Unión formando "unha nova maioría" que impulse "a saída do marasmo no que nos meteu a hexemonía conservadora".

Blanco anima a "xulgalo" polo seu "compromiso e traballo na defensa dos intereses desta terra"

Dende o convencemento de que o PP tenta "desvirtuar" estes comicios, Blanco reitera que "non é o mesmo PP que PSOE" porque "non é o mesmo que goberne a dereita ou a esquerda". Dende o décimo posto da candidatura que encabeza Elena Valenciano asegura que, se os socialistas poden dirixir a Unión nos próximos anos, "darán a batalla" para, por exemplo, mudar os criterios no reparto das axudas da Política Agraria Común, "de forma que se vinculen máis directamente ás axudas ao emprego e para que, dentro das políticas de desenvolvemento rural, se consideren os criterios da demografía e a necesidade de aumentar a base territorial". Neste escenario, retruca tamén ás críticas que lle dirixen polo seu papel nos mandatos de Zapatero ou mesmo polo accidente de Angrois. Cómpre "xulgalo" polos seus feitos, reclama.

Compromiso por Galicia: Paulo Carlos López

Paulo Carlos López, tras gañar as primarias de CxG

Xornalista e politólogo de profesión, Paulo Carlos López é o candidato máis novo dos que optan a representar a Galicia en Europa. Nado en Betanzos, López participa en Compromiso por Galicia dende a súa fundación, á que chegou como máximo responsable da Mocidade Nacionalista Galega. É o representante de Compromiso en Coalición por Europa, que a formación galeguista comparte con CiU, PNV e Coalición Canaria e que se presentará a finais de mes en Madrid. A ela chegou tras gañar as primarias abertas organizadas polo partido, "unha nova forma de elixir candidatos que implica un empoderamento da sociedade fronte aos aparellos dos partidos", asegura.

López foi elixido a través do sistema de primarias abertas

A achega de CxG a esta candidatura, di López, é "representativa, territorial e profesionalmente, da Galicia viva que queremos proxectar e defender". Na súa campaña, a "da forza e da ilusión", asegura que tentará "trasladar a necesidade de darlles resposta aos problemas da cidadanía, xa que o que se decide en Bruxelas ou Estrasburgo toca cada vez máis de preto ás condicións de vida dos galegos e galegas". De cara aos comicios, afirma, tentará "denvolverlle á política a vocación de servizo público que a ten irremediablemente que caracterizar". O seu será o segundo reto electoral de CxG tras a estrea nas autonómicas de 2012 e unha posta a punto cara á proba de fogo da formación, as municipais de 2015.

AGE: Lidia Senra

Senra, con Noriega, Díaz e Beiras na súa presentación como candidata

Como no caso de Miranda, os eloxios á traxectoria de Lidia Senra chegan tanto dende a formación á que representa nestes comicios como dende fóra dela. Labrega de profesión, Senra é unha histórica do sindicalismo agrario do país, onde levou adiante múltiples batallas xa dende os tempos das Comisións Labregas e, durante case vinte anos, como secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, posto que deixou en 2007. O seu nome soou en diversas ocasións da década pasada para encabezar a candidatura europea do Bloque, se ben o seu salto a Bruxelas prodúcese definitivamente dende AGE, como número cinco da lista que Anova comparte con Esquerda Unida.

Senra é candidata tras unha dilatadísima traxectora no sindicalismo agrario

Senra, que gañou a votación interna de Anova co 85% dos apoios, confésase "un pouco abrumada por tanta responsabilidade", se ben asegura que, unha vez máis, tentará "dar a batalla", durante a campaña por encomenda de AGE e, agarda, dende o 25 de maio por encomenda "da cidadanía galega". "Como muller e como persoa das clases populares e, dentro destas, do sector agrario", asegura estar "profundamente agradecida por esta oportunidade" de "ocupar un espazo para levar o eco da situación que estamos vivindo no noso país"  e de "situar a nosa nación na alianza dos pobos agredidos", da "esquerda que quere romper a situación a nivel europeo".

Boa parte do seu labor en Bruxelas e Estrasburgo, avanza Senra, centrarase en tentar "romper coas políticas neoliberais", as mesmas que, asegura, xa provocan que "nun país coma o noso, o país da fartura, haxa nenos e nenas que non se poden alimentar correctamente e persoas que non poden comer todos os días", ou cidadáns e cidadáns "sen teito ou a piques de perdelo". Nos primeiros compases da precampaña Lidia Senra xa tivo que facer fronte a duras críticas, algunhas agardadas e outras máis exóticas, tales como as vinculadas á defensa da soberanía alimentaria para Galicia.

PP: Francisco Millán Mon

Millán Mon, con Feijóo na noite electoral das europeas de 2009

Coa baixa por vontade propia de Carmen Fraga, filla do ex presidente da Xunta, Francisco Millán mon fica como referente do PP galego nos postos de saída da candidatura encabezada por Miguel Arias Cañete, na que figura no oitavo lugar. Millán Mon, cuñado de Mariano Rajoy, é diplomático de carreira e leva dez anos como eurodeputado, período no que o seu labor foi discreto e ligado con Galicia en escasas ocasións, segundo reflicten as bases de datos do Parlamento Europeo. Segundo os conservadores Millán Mon "supón unha aposta pola experiencia, xa que conta cunha dilatada carreira na UE, onde desempeñou cargos de gran relevancia e onde pecha unha lexislatura de grandes logros para Galicia. Na lista intégrase tamén a deputada autonómica Carmen Pardo, aínda que no vixésimo quinto posto, que a priori non é de saída.

A directora da campaña europea do PPdeG é Paula Prado

Ao contrario do acontecido en 2009, cando as eleccións europeas chegaron nun momento inmellorable para o PP de Galicia -Feijóo viña de impoñerse nas eleccións autonómicas e era dos poucos baróns á alza no seo do partido-, os conservadores galegos afrontan a campaña europea sen excesivo entusiasmo, toda vez que a convocatoria ten máis posibilidades que restar que de sumar enteiros aos seus intereses, dado o contexto político xeral. A esta circunstancia engádese o feito de que elixiron como directora de campaña á voceira do partido en Galicia, Paula Prado, desaparecida da escena pública e máis aínda das súas habituais e duras crítica á oposición dende que o sumario da operación Pokémon a situou no centro dunha suposta rede de enchufes e enfrontamentos internos.

Neste contexto, o propio Alberto Núñez Feijóo é, ao seu pesar, referencia do partido para unha carreira electoral na que, cando menos polo momento, se centra en cargar con dureza contra o resto de candidaturas, especialmente contra as de AGE e BNG. "Cando na UE haxa algo que decidir que nos afecte, a nosa terra vai ter moito que dicir" grazas ao PP, argumenta, mentres que os programas electorais das demais forzas políticas carecen "de importancia", xa que o BNG "vai aplicar o de Bildu", Anova "o de Esquerda Unida e, no caso do PSOE, "xa se sabe o que duran as súas propostas". Todo isto, di, vaino defender nunha campaña dedicada a Adolfo Suárez, "presidente crave na Transición española".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.