A Pokémon sitúa a Paula Prado no centro dun marasmo de enchufes e mentiras en Santiago

Prado (esquerda) nun comité de dirección do PPdeG © PPdeG

O 7 de outubro de 2011 a daquela voceira do goberno local de Santiago, Paula Prado, convocaba a prensa para facer balance dos primeiros cen días de xestión do PP no Concello. A "austeridade e o control do gasto" marcaban os primeiros compases do gabinete dirixido por Gerardo Conde Roa, explicaba. Os gastos "innecesarios" rebaixáranse nun 50% e íanse "aforrar uns dous millóns en catro anos" e boa parte dos esforzos centráranse en "dinamizar a creación de emprego". Todo isto, dicía, dábase nun Goberno que adoptara "algo tan simple como o principio de coordinación administrativa" e o "respecto ao principio de legalidade". Quere a casualidade que apenas un mes despois, en novembro, comeza o relato dos investigadores da operación Pokémon sobre a actual voceira do PP en Galicia.

Na parte do sumario xudicial sobre a presunta trama corrupta que xa non é secreta figura un informe de case 120 páxinas dedicado a Prado, quen polo momento só tivo que comparecer no caso en calidade de testemuña. Nese informe Vixilancia Aduaneira debulla un marasmo de supostos enchufes, enfrontamentos internos, medias verdades e mentiras enteiras que compoñen un elocuente retrato sobre o que acontecía no Pazo de Raxoi, sensiblemente diferente ao amosado pola conservadora naquela comparecencia ante a prensa.

De 'Maldita Nerea' ao intercambio de currículos

Os feitos nos que se fixa a investigación comezan cun asunto menor: "a solicitude de Paula Prado dunhas entradas para un concerto, suponse que gratuítas" en conversa con quen daquela era xefe de gabinete de Conde Roa, Ángel Espadas, quen "tivo que dicirlle" á emisora de radio que organizaba o evento co grupo Maldita Nerea "que o Concello lles daba cartos e que non se podían negar" a entregar os pases. Sucesivas conversas telefónicas entre Prado e Espadas amosan, por exemplo, como "se intercambian o nome de persoas recomendadas para contratalas" e para isto "buscan no ordenador os currículos e como adaptar os requisitos que van pedir para cubrilos ao que ofrece cada un no seu currículo".

"Buscan os currículos e adaptan os requisitos que van pedir ao que ofrece cada un"

Na mesma liña, a comezos de 2012 Espadas insta a Prado, que tamén se ocupaba da área municipal de Benestar e da Axencia Local de Colocación, a "contactar" cunha empresa xestora de centros de maiores porque se "esqueceran" de contratar as fillas dun home identificado como Daniel. A ela "dálle pau pedirlle cousas a alguén a quen se lle deben 800.000 euros" por parte do Concello pero que, non obstante, "vai chamar de todos os xeitos". Así e todo, a Prado "parécelle" que "o teñen máis doado cos outros", en referencia á empresa Sermasa, do grupo Véndex, dado que "vai abrir unhas gardarías". "Dille que lle pase outra vez os currículos". 

Factura 'inchada' con Currás na Alcaldía

As conversas entre ambos dirixentes son reiteradas cando ambos formaban parte do goberno local e tamén despois, cando a chegada de Ángel Currás á Alcaldía implica a destitución de Espadas. Nese momento, a mediados de abril do mesmo ano, Vixilancia Aduaneira recolle que Prado lle di a Espadas "que sempre lle cubría as merdas de Gerardo" e recoméndalle "que non deixe nada no ordenador, que o formatee" antes de abandonar definitivamente o posto de xefe de gabinete.

Prado recomendoulle a Espadas "non deixar nada no ordenador" tras ser destituído

Os supostos enchufes promovidos por Prado continuaron no inicio do mandato de Currás, a quen a actual parlamentaria cualifica de "acojonado". Así, os investigadores detectan que en maio "Paula Prado pásalle os datos a Albino Vázquez [daquela edil de Seguridade, tamén detido na operación] da nai dunha afiliada [do PP] para ser contratada". Neses días é nos que se xacta de "meterlle un gol a Currás, porque lle pasou" unha "factura da Abella Maia", un espectáculo musical promovido pola súa Concellaría, "que valía 8.500 máis IVE e Paula Prado pasoulle once mil e Pico máis IVE". Os 3.000 euros de diferenza serían "para Susito", un promotor de espectáculos presuntamente implicado no caso. "Que os disfrute", dixo Prado, que un mes antes falaba con Espadas da necesidade de relevar o interventor municipal. "Se non é afín [ao PP], non vale", explicaba o xefe de gabinete.

Prado (esquerda) nun comité de dirección do PPdeG © PPdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.