Antidisturbios para (case) todos en Compostela

Axentes deteñen un dos manifestantes ante o Parlamento Dominio Público Praza Pública

A deste martes era unha xornada de protestas en Compostela. Durante a mañá prevíase a presenza ante o Parlamento de alcaldes, edís e múltiples representantes dos grupos políticos diferentes do PP para protestar pola suba do canon de Sogama e, ao seu carón, de membros das plataformas de persoas estafadas polas participacións preferentes. No outro extremo da capital galega, ante a sede central do Goberno galego, en torno a un milleiro de mariñeiros da flota do cerco e parte das súas familias protestaban polo novo reparto de cotas pesqueiras da UE que, din, os condena á "fame". Todos eles acabaron enfrontados aos antidisturbios da Policía Nacional, xa fose en forma de leves empurróns, no caso dos cargos públicos, ata unha verdadeira batalla campal, no caso dos mariñeiros.

Contra o mediodía a protesta dos traballadores do mar, que durante o seu percorrido pola cidade transcorrera con normalidade agás escasísimos incidentes como o envocamento puntual de colectores do lixo, chegou onde non se prevía que chegara: o Parlamento. Nese momento as dotacións policiais multiplicáronse e os ánimos comezaron a caldearse mentres os axentes retiñan a protesta a unha notable distancia do edificio oficial. Primeiro lanzáronse consignas e olladas e así continuaron ata minutos antes das catro da tarde, cando a queima de dous colectores e o lanzamento de botellas por parte dun reducido grupo de manifestantes -moitos dos demais reclamaban calma- derivou nunha dura e violenta carga policial.

Neste punto comezaron as carreiras, o lanzamento de pelotas de goma e as detencións de, cando menos, dous catro mariñeiros. A pé de rúa dous deputados do BNG, Francisco Jorquera e Montse Prado, esixíanlles calma aos axentes e tentaban mediar para evitar detencións. Prado, que tamén é membro da dirección do Bloque, rematou recibindo varios porrazos e en Urxencias, onde foi para ser examinada e solicitar un parte de lesións como paso previo a unha denuncia, segundo confirman fontes dos nacionalistas.

A nacionalista Montse Prado recibiu varios porrazos e acudiu a Urxencias

Mentres, no interior do Parlamento unha delegación dos mariñeiros iniciaba un peche e esixía ser recibida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. As súas familias "van pasar fame" se non se modifica a repartición pesqueira, explicaban, antes de reclamar a súa propia detención ao coñecer as cargas policiais do exterior. Na rúa voaban cadeiras de terrazas e máis bólas de goma disparadas pola Policía como resposta aos excesos en forma de pedras e botellas dunha minoría de manifestantes. 

A oposición forza a suspensión do pleno

A rúa era unha batalla campal, todo o contrario que o hemiciclo do Parlamento. De alí xa marcharan AGE e BNG tras solicitar, infrutosamente, que o pleno fose suspendido e se reunise de inmediato a Xunta de Portavoces para analizar o que estaba a suceder fóra. Acto seguido, o voceiro do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, realizaba a mesma reclamación e, ante a negativa do PP, non decidiu ausentarse pero si anunciaba que ningún dos seus deputados ía intervir no que restaba de pleno.

BNG, AGE e PSdeG reclamaron a suspensión do pleno polas cargas policiais e a protesta dos mariñeiros

Neste contexto, primeiro Miguel Santalices como presidente accidental e despois a propia presidenta, Pilar Rojo, mantiveron a sesión ata que rematou de substanciarse o punto que estaba en marcha, a comparecencia da conselleira de Traballo na que Beatriz Mato abordaba, precisamente, un plan de emprego. Aínda houbo tempo para que o deputado do PP Miguel Tellado rememorase a Zapatero, á Junta de Andalucía ou ao omnipresente bipartito antes de que, dado que todas as iniciativas previstas para a tarde eran da oposición, Rojo se vise forzada a acceder pola vía dos feitos ás peticións de PSdeG, AGE e BNG.

Neste contexto desenvolveuse ata tarde ata que, pasadas as oito e media do serán, os catro mariñeiros detidos eran postos en liberdade. Mentres, os pechados no Parlamento accedían a abandonar a protesta pero só ata a mañá do mércores, cando regresarán á Cámara cadrando coa sesión de control ao presidente da Xunta.

Antidisturbios nas inmediacións do Parlamento CC-BY-SA ErnestoIlkermn
Mariñeiros amosan bólas de goma disparadas pola Policía CC-BY-SA @carmeadan
Prado, agarrada por un antidisturbios Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.