O BNG medita agora cambiar a súa alianza de cara ás eleccións europeas

Consello Nacional do BNG CC-BY-SA BNG

Hai agora un mes, o BNG anunciaba que acudiría aos vindeiros comicios europeos do 25 de maio coaligado con Bildu e coa CUP, no caso de que esta última decidise presentarse. Pero a formación catalá dixo non e o seu consello político rexeitou este domingo acudir ás eleccións. Din que poderían “incidir pouco” en Europa coa representación política que obterían e optan por centrarse no proceso soberanista e na próxima cita municipal. A decisión da Candidatura d'Unitat Popular, que denunciou o “sistema opaco e antidemocrático da UE”, provocou unha treboada no soberanismo de esquerdas, que soñaba cunha candidatura unitaria do nacionalismo das tres nacións do Estado. O Bloque recoñece que terá que repensar a decisión tomada maioritariamente a principios de febreiro pola súa militancia e abre a porta a xuntarse con ERC, que decidira centrarse tamén no proceso independentista e acudir en solitario nunha candidatura de país. Esquerra rexeitara semanas antes a proposta da esquerda abertzale, que ve como agora pode quedar soa na súa viaxe a Europa.

A decisión da CUP só deixa dúas posibilidades ao BNG: ou con Bildu ou con Essquerra

A decisión da CUP só deixa dúas posibilidades ao BNG, logo de que se descartase a opción dunha candidatura unitaria do nacionalismo galego. Ou vai con Bildu ou vai con ERC que, segundo o voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence, mantén as portas abertas á formación que dirixe. “A postura da CUP obriga a reconsiderar a decisión”, dixo o portavoz, que centra a futura elección no “futuro” e co obxectivo de que Ana Miranda, cabeza de lista, estea “representando a Galiza e ao Bloque” na Eurocámara e de “garantir a representación a nivel europeo para defender unha Europa alternativa”.

Vence insistiu en que a decisión final farase “en función de lograr unha gran representación no Parlamento Europeo, que é o obxectivo fundamental”. Tome o camiño que tome a dirección, será a militancia a que teña “a última palabra”, polo que a opción elixida “sometarase” á consulta dos afiliados, que maioritariamente optaran por unirse a Bildu e ás CUP.

O apoio da militancia á unión coa esquerda abertzale e a CUP fora moi maioritaria

Daquela, o apoio foi masivo. Do arredor dos 1.500 afiliados que participaron na votación, máis do 80% votou a prol de coaligarse a Bildu e a CUP, unha porcentaxe incluso maior á que se dera no debate do Consello Nacional. Sobre un 8% optou por buscar un acordo con ERC, mentres que pouco máis do 5% insistiu en procurar unha candidatura unitaria e única galega.

Agora, tanto o Consello Nacional como a militancia deberá repensar o xa acordado. O colectivo Abrente, liderado polo ex portavoz do BNG na Cámara galega, Carlos Aymerich, defendeu a busca dun acordo galego e criticou que a formación optase por Bildu. Tampouco era esa a primeira opción do seu voceiro nacional, Xavier Vence, pero si a da UPG, que maioritariamente aposta por un pacto coa esquerda abertzale.

O que non será de ningunha das maneiras é unha unión das principais formacións da esquerda nacionalista das tres nacionalidades históricas, xa que ERC deixou ben claro xa que non concorrería con Bildu. O xefe de filas da CUP no Parlamento catalán, David Fernández, acusou a Esquerra este mesmo luns de “ter dilatado o proceso” para definir a configuración das candidaturas ás europeas. “ERC estivo catro meses dicíndolle a Bildu que iría con eles e ao final díxolles que non, e isto afectou a todo o mundo”, asegurou.

A CUP acusa a ERC de "dilatar o proceso" e rexeitar a Bildu tras prometerlle un pacto, algo que "afectou a todo o mundo"

En definitiva, e á falta da decisión final do BNG, a aspiración a unha candidatura unitaria da esquerda soberanista de Galicia, Cataluña e Euskadi xa fracasou. As opcións que tomaron cada unha das formacións son múltiples e variadas. A CUP decide non presentarse, o BNG opta por Bildu e agora medita se apostar por ERC, que antes decidira centrarse no proceso independentista, mentres Anova opta pola esquerda federal e Bildu agarda a súa parella definitiva. De todo e para todos.

Vence, tras un Consello Nacional do BNG CC-BY-SA Praza Pública
Asemblea nacional da CUP © CUP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.