Vázquez lanza a elaboración do programa do PSdeG e Caamaño non descarta ser candidato

Vázquez preside a Executiva Nacional do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

"A nós tamén nos empeza un tempo novo, o de propoñer solucións para Galicia". É a mensaxe que o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, lles lanzou aos membros da Executiva Nacional da formación na súa segunda xuntanza tras o Congreso de marzo. O líder dos socialistas galegos asegura que ao seu partido lle toca "asumir que en Galicia" hai "unha parte moi importante" da cidadanía que xa sabe "que o PP non lle vai arranxar os problemas". E por iso, di, o PSdeG "non vai perder o tempo en descualificar un Goberno que todos os días se descualifica el só". É a base na que Vázquez apoiou a súa intervención ante a dirección que el mesmo artellou tras a cita congresual e na que este luns flotaba un intenso arrecendo preelectoral. O do Carballiño advirte de que as eleccións están próximas e por iso activa a elaboración das propostas que serán "xermolo" do programa electoral dun partido que aínda non ten candidato á Presidencia da Xunta. Ese nome deberá saír das eleccións primarias, un proceso para o que segue a soar un nome con intensidade, o de Francisco Caamaño.

"En política nunca digas nunca xamais", di Caamaño ao ser cuestionado pola súa eventual candidatura á Xunta

Encadrado no Congreso Federal do PSOE na candidatura de Carme Chacón mentres Vázquez pasou a integrarse na cúpula do partido formada por Alfredo Pérez Rubalcaba, Caamaño chegou ao Congreso Nacional do PSdeG do lado do secretario xeral e candidato á reelección. Fronte a el estaban os considerados críticos, pero con Elena Espinosa á fronte e José Blanco na retagarda. Nese escenario, tras a vitoria de Pachi Vázquez, Caamaño foi situado nunha das catro secretarias de coordinación da nova Executiva dos socialistas galegos e agora, como era de prever, optará á secretaría xeral da formación na provincia da Coruña, onde agora é presidente -cargo honorífico sen capacidade de decisión real-. Este mesmo luns, durante un encontro informativo organizado polo Colexio de Xornalistas especificaba que a secretaría provincial é a súa ambición "neste momento", sen descartar en absoluto concorrer ás primarias.

"En política nunca digas nunca xamais", resolveu Caamaño ao ser cuestionado por unha eventual candidatura. Farao se así o "determina" o PSdeG da Coruña o cal, di, aspira a liderar cun proxecto "aberto a todos" no que tentará "agrupar para traballar pola esquerda", mesmo integrando a unha posible candidatura alternativa que podería encabezar o deputado José Manuel Lage Tuñas, con quen non desbota "un proceso de diálogo" para confluír nunha única lista.

Que Feijóo convoque "cando queira"

"Que Feijóo convoque cando queira, nós imos estar preparados", di Pachi Vázquez

Mentres Caamaño deixa esta incógnita no aire, que se suma á de se concorrería ás primarias rivalizando co secretario xeral ou impulsado por el, Pachi Vázquez explícalles aos seus que está en marcha "un novo calendario", con independencia de que finalmente Feijóo chame os galegos ás urnas "en outubro ou en marzo". O Goberno galego, di, "xa está máis atento aos seus líos internos e a apagar os lumes dos seu partido que a resolver os problemas dos desempregados ou dos pacientes" da sanidade pública. "Mentres outros estań en problemas internos nós estamos nos problemas dos homes e mulleres deste país que ven como o presidente di que isto non ten solución", pero tampouco "abre a boca cando se recortan as políticas de emprego, a educación e a sanidade" dende o Goberno central.

"Estamos preparados para darlle unha alternativa de Goberno a este país", sinala Vázquez. Por iso, reta a Feijóo a que "poña" a cita electoral "cando queira", porque leva tempo asumindo "que non é quen de gobernar este país". "Cando considere oportuno, que convoque", abonda, porque iso significará a asunción final do seu "fracaso estrepitoso". "Nós, imos estar preparados", conclúe.

Vázquez dialoga con Orozco, na Executiva CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.