A aterraxe dunha universidade privada de Aragón pon en alerta os tres reitores

Xesús Vázquez preside o Consello de Universidades © Xunta

O Consello Galego de Universidades deu o pasado luns o seu visto e prace á adscrición do Centro de Estudos Universitarios Superiores de Galicia (Cesuga) ao centro privado e católico San Jorge de Aragón, malia o rexeitamento frontal e claro dos reitores das tres universidades galegas.

O Consello aprobou que o Cesuga se vincule ao centro San Jorge, promovido pola arquidiocese de Zaragoza e unha fundación católica

Aprobouse así por 8 votos a favor, 7 en contra e unha abstención que o Cesuga pase de estar vinculado á irlandesa University College Dublin a estalo á Universidad San Jorge, un centro privado, promovido pola arquidiocese de Zaragoza e a Fundación San Valero, fundamentada, segundo aclara nos seus documentos, "no humanismo e nos valores cristiáns". O visto e prace do Consello Galego de Universidades supón o primeiro paso para que unha institución privada comece a impartir titulacións en Galicia.

A intención é que a partir do curso 2014-15 e unha vez presente toda a documentación, a Universidad San Jorge imparta no centro coruñés os graos de Publicidade e Relacións Públicas e Tradución e Comunicación Intercultural, ademais dos de Arquitectura e Administración e Dirección de Empresas, que xa oferta o Cesuga.

O centro privado prevé impartir a partir do vindeiro curso catro titulacións xa ofertadas no sistema público

O informe aprobado polo Consello Galego de Universidades non é vinculante, xa que agora dependerá do Consello da Xunta que se autorice a adscrición e o inicio da actividade docente por parte do Cesuga, que deberá presentar as titulacións que quere ofertar e que deben ser aprobadas pola Administración despois de que cada unha das titulacións sexa avaliada pola axencia de calidade universitaria. Non semella que se paralice a intención da Universidad San Jorge, malia que os tres reitores xa advirten de que os plans do centro privado irían contra as intencións do propio Goberno galego de racionalizar o mapa de graos e evitar a duplicidade de títulos.

Porque os reitores ven unha contradición nunha decisión que iría no sentido contrario á eficiencia amosada polas tres universidades. Mentres a uns se lles pide eliminar os títulos que non sexan eficientes, outros ofertan graos que xa se imparten en Galicia. Ademais, temen que non se lle exixa tanto a este centro privado como ao Sistema Universitario de Galicia e que as regras de xogo sexan distintas, algo que nega a Xunta.

Os reitores quéixanse de que mentres ás universidades públicas se lles pide eficiencia, o centro prevé impartir graos xa existentes

Do mesmo xeito, os retores da UdC, da USC e da UVigo lembraron que levan tempo reclamando ao Goberno central que regule este tipo de centros adscritos, xa que a ausencia dunha normativa clara impide que se garanta que sigan as regras vixentes para as universidades públicas. Hai vinte anos, cando a Xunta aprobou a implantación do Cesuga como centro dependente da University College de Dublín, moitos xustificárono no feito de servir de complementar a oferta universitaria ao ter boa parte da súa docencia en inglés, algo que non ten tanto sentido agora.

Xesús Vázquez preside o Consello de Universidades © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.