0 Gardados para despois

"É a primeira das imaxes do futuro proxecto común do nacionalismo"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A nova organización nacionalista seica colle forma. Así polo menos o pareceu no acto celebrado por Esquerda Nacionalista (EN). O seu secretario xeral, Xosé Chorén, asegurou que o partido, recentemente escindido do BNG, "deixa de lado as súas siglas nun estado latente" para "traballar" nunha nova organización nacionalista na que "prime o proxecto e as persoas" e na que, como augurou, Máis Galiza xogará un papel "moi relevante". Fíxoo no acto que celebraba o 20º aniversario da formación, na Cidade da Cultura, e no que interviñeron Alberte Xullo Rodríguez Feixóo, e o secretario xeral de Máis Galiza, Xoán Bascuas, pero ao que tamén asistiu xente como Rafa Cuiña, ao que moitos sitúan como impulsor doutros grupos decididos a formar parte dese novo proxecto común do galeguismo-nacionalismo galego, xusto no día no que anunciou a súa baixa como militante do PP. O voceiro do Encontro Irmandiño (EI), Xosé Manuel Beiras, desculpou a súa ausencia por motivos de saúde. 

"O acto é a primeira das imaxes do futuro proxecto común"

Así, Chorén non negou que o acto pretendía ser a "primeira das imaxes do futuro proxecto común" que diferentes formacións buscan crear tras as escisións do BNG producidas nos últimos meses."Pechamos vellas feridas e trasladamos o noso sentido de irmandade para porse a traballar nun proxecto común", dixo, tras asegurar que confía en que o devandito proxecto "estea consolidado" de cara ás vindeiras eleccións autonómicas. 

Para Chorén, na futura organización nacionalista deberá "primar o proxecto e as persoas" polo que anunciou que Esquerda Nacionalista "deixa as súas siglas nun estado latente" polo que "non entrará en ningún proceso de negociación" pois, como indicou, "o obxectivo é o novo proxecto". Con todo, lembrou que EN quixo erixirse desde os seus inicios "nunha xanela aberta á sociedade" para "ampliar a base social do nacionalismo", unha "xanela" no que "os seus militantes plasmaron o seu compromiso" e "disposición" de traballar "con man de ferro e luva de seda" a favor do nacionalismo galego.

"Estamos abocados á construción do novo proxecto nacionalista de Galicia"

O secretario xeral de Máis Galiza, Xoán Bascuas, amosouse "orgulloso" do seu pasado como membro de EN e insistiu tamén en que o acto non era senón "unha foto na que sairán os principais actores do que será o novo proxecto común". "A ninguén se lle escapa que todos os presentes estamos abocados á construción do novo proxecto nacionalista de Galicia", indicou Bascuas antes de indicar que "é probable" que "moita da xente presente" poida "participar" na "configuración dunha nova oferta electoral".

Contactos con outros grupos

Ademais, preguntado polos medios de comunicación sobre as conversas mantidas por Máis Galiza con outras formacións para a creación do futuro proxecto, Xoán Bascuas, sinalou que, aínda que estas débense manexar no territorio da discreción", "está a haber moitas conversas que están a ser construtivas". Sobre isto, indicou que "no ánimo de todo o mundo está consolidar un proxecto" para os próximos comicios pero considerou que este "ánimo" agora "hai que materializalo".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

"Se só pensamos en clave electoral, perderemos enerxías no máis importante"

Xosé Manuel Beiras respondeu ás preguntas de Praza logo da charla que ofreceu o pasado venres na Coruña. O voceiro do Encontro Irmandiño (EI) repasa as conversas e o proceso iniciado de cara a un futuro proxecto común arredor do nacionalismo. 

Participa na promoción de asembleas abertas e grupos de base e tamén conversas con grupos de cara a un futuro proxecto común. En que momento se atopan ambos?

O cardinal é o proceso por abaixo, que está bastante avanzado, non tanto como un quixera pero bastante avanzado. En varias comarcas constituíronse os grupos en asembleas abertas e xa están traballando. O que nos propoñemos é como un simple indicador. As conversas están na fase fundamental: unir puntos de vista para cambiar impresións e sobre todo para lograr que se asuma por parte dos grupos que teñen máis cultura propia organizativa que o fundamental é que a súa militancia se integre no proceso.

Está habendo moitas resistencias para asumir a proposta do Encontro Irmandiño de implicar a militancia?

Non está habendo resistencia. O que hai son distintos niveis, distintas dinámicas. Hai grupos que teñen moi clara esta metodoloxía e outros aos que lles costa máis traballo porque teñen outra idiosincrasia. Noutros casos, desde as direccións non hai reticencias pero o proceso é lento, pero a súa propia militancia xa se está incorporando ao proceso. A diferenza fundamental está entre aqueles que enfocan o proceso coa urxencia de montar una alternativa electoral e os que o asumen tal e como nós o definimos.

Hai un ritmo na formación da alternativa, pero tamén un ritmo electoral? É optimista de cara a que na vindeira cita electoral haxa unha nova forza política, coalición ou plataforma capaz de presentarse?

Neste momento non estou pensando na cita electoral porque estou convencido que se no proceso se avanza axiña e ben, non haberá ningún problema para darlle forma electoral, pero se nos preocupamos moito de se imos ás eleccións ou non, imos perder enerxías no proceso máis importante. Temos que ser conscientes de que a curto prazo, de aquí a final de ano, pode haber unha convocatoria electoral, pero agora temos que pensar no outro porque a maneira de chegar a iso é estar na condición de construír unha alternativa electoral que teña unha base e non algo que estea montado por arriba, porque forzosamente será efémero.

Ve posibilidade real de que a dereita perda apoio social e electoral?

A dereita xa patinou en Andalucía e Asturias, pero isto non significa que vaia ocorrer así en todas partes. No entanto, non hai perspectiva de eleccións en España até dentro de catro anos, ademais de que os procesos políticos da sociedade non se trasladan automaticamente ao plano electoral. 

A crise da política e esa creba de apoio á dereita dará lugar a un proceso esperanzador na esquerda?

Coido que a clave está en que haxa auténticas alternativas que cambien as cousas e que non sexan máis do mesmo con retoques. Hoxe, as alternativas, coa excepción de EU a nivel do Estado, non cambian nada. O PSOE non é alternativa.

"Estamos nun tempo en que a ética ten que ir por diante da política"

Durante unha charla na Coruña o pasado xoves, o voceiro de Encontro Irmandiño (EI), Xosé Manuel Beiras, fixo un repaso da situación política e social en Galicia e no Estado. Logo de explicar unha vez máis as razóns da súa marcha do BNG, o ex portavoz nacional do Bloque asegurou que "estamos nun tempo en que a ética ten que ir por diante da política". 

Segundo Beiras, o obxectivo "a medio prazo" debería ser "a reforma total do réxime político do país" tras destacar tamén que as claves da situación atópanse tamén "no esgotamento do Estado das Autonomías e a perversión do Estado social de dereito, da economía social e da Unión Europea". Así, e ante as reformas económicas que se levan a cabo desde os gobernos, o voceiro de EI censurou "a falta de vixencia de principios constitucionais como a economía social de mercado e a fiscalidade progresiva". Ademais, e en clara relación co movemento 15-M, reivindicou "o traballo político voluntario" e volveu criticar "a distancia existente entre a política social e institucional" para concluír que a relación da esquerda social coa esquerda política debía ser "de acompañamento e non de dirixismo". 

Do mesmo xeito, reclamou "un programa de medidas urxentes en sintonía coas reivindicacións" dos movementos sociais e do 15-M e insistiu na procura de "encetar un proceso constituinte en Galiza desde valores republicanos e de democracia real, cidadá".