O recorte retroactivo ás pagas extra naufraga nos xulgados

Cartel das protestas do persoal en San Caetano CC-BY-SA Merixo

A mediados de xullo de 2012 Mariano Rajoy anunciaba o seu primeiro gran paquete de recortes, executado dous días despois nun Consello de Ministros presidido polo rei e convalidado definitivamente no Congreso dos Deputados só cos votos do PP. Aquel marasmo de tesoiradas incluía, entre outras moitas medidas, a supresión da paga extra de decembro para o persoal público, que perdía unha das catorce partes nas que se divide anualmente o seu salario. Moitas administración, entre elas a Xunta e múltiples concellos, eliminaron esa paga extra de forma íntegra, obviando que facelo implicaba aplicar a lei de maneira retroactiva. Agora a Xustiza está empezando a repoñer a parte que non cumpría eliminar.

Un dos ditames xudiciais máis relevantes a este respecto produciuse a instancias dos catro sindicatos que sentan na Mesa Xeral de Negociación da función pública galega, CIG, CCOO, UGT e CSI-F, que hai escasos días anunciaban que o Xulgado do Contencioso Administrativo número 4 da Coruña lle viña de "recoñecer o dereito aos empregados e empregadas públicas" a parte da paga extra "que lles fora negada pola Administración autonómica en suposta aplicación da normativa estatal de recortes". "A sentenza -explican- recoñece que a aplicación da lei non pode ser feita de carácter retroactivo", xa que "entrou en vigor o 15 de xullo de 2012" e "non procede" aplicala sobre os "dereitos adquiridos antes da posta en vigor da mesma".

O ditames resolven que o persoal público non pode perder dereitos adquiridos antes da entrada en vigor do recorte

Isto, aclaran, implica que a Xunta ten que pagar a parte proporcional da paga acumulada ata a aplicación do recorte de Rajoy, e o Goberno galego debera agora facer gala de "cordura e sentido común" e "cumprir" a "multitude de sentenzas" sobre este "roubo", poñendo ademais fin ao "malgasto que está a facer" litigando a este respecto, toda vez que, en casos coma este, o xulgado lle impuxo ao Goberno o pagamento das costas do xuízo, valoradas en 400 euros. "Esiximos que non se dilapiden cartos públicos, obrigando o funcionariado e o persoal laboral a presentar nos xulgados reclamacións individuais", sinalan, ao tempo que lle solicitan unha xuntanza "urxente" á Consellería de Facenda "para que faga efectivo o pagamento".

Tamén na CRTVG e en varios concellos

Ademais destas demandas, presentadas polos sindicatos "a xeito de sondaxe en varios ámbitos" como o persoal estatutario, o Sergas, o ensino ou a administración xeral, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de emitir un ditame en idéntico sentido a respecto da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), que tamén está obrigada a pagar a parte da paga extra retirada retroactivamente. En apenas unha semana, destacan a CIG, CCOO, UGT e CSI-F, as sentenzas din o mesmo para ámbitos tan dispares como os medios de comunicación públicos, o Concello de Oleiros ou o Servizo Galego de Saúde. "En todas estanse a asumir os criterios dos sindicatos", salientan.

"En todas as sentenzas estanse a asumir os criterios dos sindicatos"

Na mesma liña, máis de vinte concellos da provincias de Ourense que tamén retiraron a paga extra de decembro de 2012 terán que facer o propio, aínda que con importes económicos dispares. No caso das demandas impulsadas pola CIG, o persoal "gaña o dereito á parte proporcional da paga extra de decembro xerada entre o 1 de xaneiro e o 14 de xullo", sinala a central sindical, cálculo que desemboca nun pagamento de 530 euros por traballador ou traballadora. Mentres, outras demandas non se referían a "dúas pagas extra cada 365 días", senón a "unha paga extra cada 180 días", polo que os dereitos reivindicados foron os xerados "entre o 1 de xuño e o 14 de xullo" e o montante final, 240 euros.

Protesta do persoal da Xunta, en San Caetano CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.