A CRTVG inspecciona o correo do seu persoal

Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG © CRTVG

Son tempos convulsos para os medios públicos. A crise económica e as medidas de recorte puxeron o foco sobre as radios e televisións autonómicas como presuntas responsables de parte dos males do erario, chegando a casos extremos como o peche de Canal 9. Neste contexto, boa parte do persoal da Compañía da Radio Televisión de Galicia (CRTVG), en pleno proceso de conversión en corporación, aposta dende hai tempo por combinar a defensa pública do modelo de comunicación pública coa denuncia de "manipulación" informativa a través de iniciativas como Eu non manipulo. Este é o pano de fondo ante o que chega a "normativa de usos dos sistemas de información" da CRTVG, unha case de regulamento de réxime interno que inclúe, entre as súas medidas máis rechamantes, a posibilidade de que a compañía inspeccione o correo electrónico do seu persoal.

O pasado día 10 o director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, asinou unha normativa inédita ata o momento, segundo confirman fontes do persoal consultadas por este diario. O documento, ao que tivo acceso Praza Pública, preséntase como a vía para cumprir dous obxectivos aparententemente tan inocuos como "protexer a información da organización e o bo desenvolvemento da súa actividade", ademais de "respectar a lexislación vixente" e afecta tanto ao persoal da compañía como, "cando así se acorde", a "calquera terceiro (ou aos seus empregados) que colabore, con independencia do tipo de contrato".  Non obstante, entre os traballadores e traballadoras xorden voces que observan unha vontade "represiva, de meter medo".

A dirección do ente "resérvase o dereito de monitorizar" as mensaxes de correo electrónico e os sitios web que visitan os traballadores e traballadoras

Segundo esta normativa a "única finalidade" do correo electrónico do persoal da casa é "a realización de actividades que estean directamente relacionadas coas funcións do posto de traballo". Para, teoricamente,"comprobar o cumprimento desta e doutras normativas", a CRTVG "resérvase o dereito de revisar as mensaxes de correo electrónico dos usuarios da rede corporativa", isto é, do persoal. Os correos serán lidos e, en caso de atopar "mensaxes en cadea ou de tipo piramidal" ou "correos a foros de discusión, listaxes de distribución e/ou grupos de noticias que comprometan a reputación da CRTVG", executarase unha sanción.

Esta mesma "monitorización" poderase realizar con "calquera sesión de acceso a Internet", polo que a dirección do ente poderá coñecer que sitios web visitan os traballadores e traballadoras. Neste caso, o obxectivo oficial é certificar que o uso de internet "se limita aos temas directamente relacionados" cos "cometidos do posto de traballo" e que non se introducen na rede "contidos obscenos, inmorais ou ofensivos e, en xeral, carentes de utilidade para os obxectivos da CRTVG".

Veto aos equipos informáticos 

As novas restricións da dirección da Televisión de Galicia e da Radio Galega non só afectan aos contidos, senón tamén aos aparellos electrónicos a través dos que se consultan. Partindo da base de que a propia compañía lle proporciona ao persoal os dispositivos que precisa para realizar o seu traballo, a empresa veta "a entrada ás instalacións de equipos informáticos externos, tales como ordenadores portátiles, discos duros, netbooks, tabletas ou calquera outro dispositivo alleo á propiedade ou titularidade da CRTVG que non fose previamente autorizado".

A compañía impide que o persoal acceda ás instalacións da compañía cun ordenador ou unha tableta de seu

Mentres que o documento asinado polo máximo responsable dos medios públicos xustifica as novas normas polo contexto tecnolóxico, que "incrementa sensiblemente o risco de roubo ou fuga de información da organización", parte do persoal coida que as regras se impoñen para "reprimir pasos que se deron ultimamente", caso por exemplo da "denuncia da manipulación informativa". Cos sindicatos en plena negociación do convenio colectivo -período no que non poden convocar mobilizacións-, as fontes consultadas sinalan que os representantes do persoal xa pediron unha xuntanza urxente coa dirección, tanto para coñecer "a motivación" da nova norma como para aclarar aspectos tan concretos como "se non podemos utilizar un iPad pero si un smartphone" ou se se vetan ambos, cuestión que "mesmo entorpece o traballo diario".

Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.