A Xunta teima en aplicar os copagos e o Estado suprime o do transporte sanitario

Pilar Farjas e a conselleira Mosquera ao fondo © Xunta

O Goberno galego segue a súa folla de ruta. Non se arreda da aplicación de cantos copagos sanitarios ordene o Executivo central, malia que Madrid xa medita deixar de lado algún dos anunciados. Deixouno claro este luns o vicepresidente e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, que aclarou que Galicia "empezará a aplicar" o repago nos medicamentos de farmacias hospitalarias para doentes crónicos non ingresados "en canto sexa posible", xa que, argumenta, "é unha normativa estatal que xa entrou en vigor (desde o 1 de xaneiro)". O mesmo dixo a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, que recoñece que aínda non hai data ao non completarse "a adaptación tecnolóxica necesaria" pero que insiste en levalo a cabo "porque non se pode discriminar os pacientes por onde recollen a medicación, nin se pode discriminar os pacientes dependendo da comunidade autónoma onde viven". Iso si, lembra que "non é un tema económico".

Rueda di que Galicia aplicará o copago farmacéutico "en canto sexa posible" e Mosquera di que se fará porque "non se pode discriminar os pacientes por onde recollen a medicación"

Di isto Mosquera malia que nin a secretaria xeral do PP e presidenta de Castela A Mancha, María Dolores de Cospedal, o pensa aplicar na súa comunidade autónoma. Tampouco outras autonomías gobernadas pola dereita. "En Castilla-La Mancha o copagamento hospitalario pagarao exclusivamente a Junta, en ningún caso o cidadán cunha enfermidade grave", asegurou a líder dos populares, que asegura que non vai "pedir a ningún cidadán cunha enfermidade grave [estes medicamentos tratan doenzas como o cancro ou a hepatite] que axude ao pagamento, aínda que sexa con catro euros como moito, de ningún meidcamento para unha enfermidade como un cancro".

A conselleira de Sanidade, en canto ao anuncio de Cospedal, cre que a Junta "non di que non vaia aplicar" o copago, senón que "vai buscar mecanismos que favorezan aos pacientes". "Nós tamén o dixemos e niso estamos", di Rocío Mosquera, pero nada indica que así sexa. En Galicia, son varios concellos, liderados polo xa chamado espírito de Riotorto, os que anunciaron que asumirían este repago para os seus veciños no caso de que a Xunta siga adiante. Este mesmo luns, a Deputación de Lugo anunciou que recorrerá a medida do Goberno central e que abrirá unha liña de axudas aos municipios que o sufraguen.

Madrid recúa e estudará se finalmente instaura o copago no transporte sanitario ou o de produtos dietéticos e ortoprotésicos

Mentres, o Executivo central decide non instaurar o copago previto para o transporte sanitario non urxente e para os produtos dietéticos e ortoprotésicos. Aegurouno a ministra de Sanidade, Ana Mato, que non quere pedir "máis esforzos" aos cidadáns e que argumenta o cambio de opinión na mellora económica. O Estado xa non tiña claro se seguir adiante con outros copagos que pretendía aplicar no ámbito sanitario. O Consello de Estado, que preside o ex ministro e ex conselleiro da Xunta Romay Beccaría, deulle un pau ao Goberno central polo seu proxecto de repago no transporte sanitario non urxente e pediulle unha "reavaliación". Pilar Farjas, tamén ex conselleira e agora secretaria xeral de Sanidade, recoñecía este luns que o Ministerio estudará se instauraba finalmente estes repagos. "Os proxectos normativos que ten o Goberno enriba da mesa -os que ten pendente de aprobar, non os que están en vigor e dos que xa hai unha lexislación xa publicada, senón os que están pendentes- serán estudados permanente polo Executivo, que os estuda e adecúa", dixo.

De feito, a propia Farjas recoñeceu que o informe do Consello de Estado sería "estudado con detalle" e que é "preceptivo". Feijóo, no entanto, xa deixara claro hai tempo que acataría ese repagamento nas ambulancias non urxentes se así se ordenase. Como co copagamento de farmacia hospitalaria. Así, o BNG emprazou o presidente da Xunta a “comparecer de inmediato” no Parlamento para “dar a cara” ante a cidadanía e permitir un “debate público xeral sobre o modelo sanitario” que promove o Goberno galego "marcado pola privatización sibilina” da sanidade pública e polo copagamento".

Pilar Farjas e a conselleira Mosquera ao fondo © Xunta
Mobilización contra o copago en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.