Os alcaldes contrarios á suba do canon de Sogama redobran a súa oposición á medida

Imaxe dunha das xuntanzas de alcaldes sobre Sogama © Concello de Monforte

Os alcaldes contrarios á suba do canon de Sogama redobran a súa oposición á decisión da Xunta, que ante a imposibilidade de acordar coa Fegamp o adiamento do incremento da tarifa, decidiu unilateralmente levalo a cabo no vindeiro mes de marzo. Nunha nova xuntanza en Compostela -con rexedores do PSdeG, do BNG, de Anova, CxG e independentes-, acordaron mobilizarse desde o vindeiro mes de xaneiro no caso de que o presidente Feijóo non acceda á súa petición de negociar e buscar unha alternativa conxunta. Pero ademais, xa avanzaron tamén que presentarán un recurso xudicial á anunciada suba e que están dispostos a declararse insubmisos e non pagar a taxa.

Os alcaldes anunciaron que presentarán un recurso xudicial á suba e que están dispostos a declararse insubmisos e non pagar a taxa

Así farán se a Xunta continúa "intransixente" logo de pedir unha negociación que aborde "de xeito dialogante o problema". Mobilizaranse, colgarán pancartas nos concellos ou edificios emblemáticos dos seus concellos anunciando o seu rexeitamento ao incremento do canon, ademais de elaborar un informe con alternativas a un modelo, o de Sogama, que cren "esgotado". Presentarano ás administracións porque están convencidos de que hai maneiras máis económicas e mellores medioambientalmente de tratar o lixo en Galicia.

Os rexedores, todos de partidos da oposición, recoñecen que  hai alcaldes do PP que apoian en privado as súas reivindicacións

Na reunión acordouse a postura duns cen concellos, todos pertencentes a partidos da oposición, pero hai alcaldes que deixan claro que tamén hai rexedores do PP que amosan, en privado, o seu apoio ás reivindicacións. A principios do mes pasado, a Fegamp rexeitou o aprazamento da suba do canon que Sogama cobra aos concellos e non ratificou finalmente esta "medida paliativa", despois de que a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias acordaran o aprazamento deste incremento do 1 de xaneiro previsto ao 1 de xulllo de 2014. Finalmente, o incremento levarase a cabo en marzo.

Imaxe dunha das xuntanzas de alcaldes sobre Sogama © Concello de Monforte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.