Feijóo volve ficar só co seu recorte de deputados

Feijóo, no seu escano rodeado de conselleiros © Parlamento de Galicia

As man de Alberto Núñez Feijóo volven ser as únicas que terman da tesoira para recortar o Parlamento. Despois de que, na xuntanza que mantiveron a mediados de novembro, o secretario xeral do PSdeG instase o presidente da Xunta a procurar o consenso con todos os grupos para esta reforma, José Ramón Gómez Besteiro atopouse cun PP inmóbil para o que a redución do lexislativo galego non é negociable. Dado que Feijóo ten claro que "se vai levar adiante si ou si, a resposta do PSdeG é non", advirte Besteiro, que tras a reunión da Executiva Nacional dos socialistas, celebrada este luns, amosouse favorable a unha reforma ampla da Lei de Eleccións, pero contrario a "un recorte á democracia" como o que formulan os conservadores.

Con AGE e BNG fóra do taboleiro de xogo deste asunto dende hai tempo, Besteiro evidencia, como o resto da oposición, que esta non é unha cuestión de cartos. O aforro proclamado polo PP cando lanzou esta proposta ao calor de iniciativas semellantes na Comunidad de Madrid lograríase, simplemente, "conservando os 75 deputados" pero "co mesmo nivel retributivo global" que se fosen 61, é dicir, baixando os salarios da Cámara arredor dun 20%. "Non é certo que máis aforro implique menos democracia, pódese aforrar máis con máis democracia", sintetiza Besteiro.

"Se o vai levar adiante si ou si, a resposta do PSdeG é non"

Os populares xa son, polo tanto, os únicos que defenden que a vía para gastar menos no lexislativo é restarlle escanos. Con isto claro, Besteiro subliña que, do que "estaríamos falando" no caso de aceptar as pretensións presidenciais é de "aumentar a desproporción", pasando a que cada deputado ou deputada "sería elixido por 45.642" electores e electoras de media, sendo medrando ademais a sobrerrepresentación das provincias interiores. Máis aínda, os cálculos dos socialistas lévanos a chamar a atención sobre outro dato: "poderíanse dar casos de maioría absoluta" co apoio de "entre o 20% e o 24% do corpo electoral e, aínda por riba, só catro autonomías terían "menos deputados por número de habitantes", ficando lonxe das demais nacionalidades históricas -Euskadi, por exemplo, ten 75 deputados con 600.000 habitantes menos-.

Unha reforma electoral ampla

Besteiro chama a crear unha comisión parlamentaria que aborde, entre outros aspectos, as "listas desbloqueadas ou abertas"

Así as cousas, se Feijóo non quere saír só na foto do recorte parlamentario que leva meses recibindo aplausos dende as bancadas do PP terá que acceder a unha reforma electoral máis ampla. "Hai que ser máis ambiciosos", di Besteiro, tendo en conta ademais que "temos case tres anos" para negociar unha reformulación que non entraría en vigor ata as vindeiras eleccións. A xuízo do socialista o marco idóneo para esta negociación sería unha comisión parlamentaria que tivese sobre a mesa "a redución dos gastos electorais, como é o caso do envío das papeletas a domicilio", pero tamén as "listas desbloqueadas ou abertas", a redución de "obstáculos" para as iniciativas lexislativas populares ou unha reforma do regulamento da Cámara que facilite, por exemplo, a presentación de iniciativas lexislativas populares. 

Neste contexto, nin a Besteiro nin ao resto da oposición lle serve que o recorte figurase no programa electoral popular, presentado baixo lemas como "menos impostos e máis emprego" -"non vou entrar nun tema demagóxico sobre que parte do programa se cumpre", ironiza-. "É certo que o PP pode facer en solitario" esta operación, admite o socialista quen, non obstante, lembra que na lexislatura do bipartito o Goberno retirou unha proposta de reforma electoral porque, precisamente, "non contaba co apoio do PP". En todo caso, advirte, "baleirando o Parlamento non lle faremos ningún ben a este país" e "ninguén nos crerá" ás apelacións á condición de nacionalidade histórica.

Besteiro, tras presidir a Executiva Nacional do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.