A Xunta culpa a oposición de que a cidadanía "perciba" prácticas corruptas

Rueda, con Feijóo nun intre do pleno © Conchi Paz

A "corrupción e a fraude" son un problema relevante para un 31,8% da cidadanía do Estado, segundo o barómetro de novembro do Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS). Segundo este mesmo estudo, as prácticas corruptas son o primeiro problema "que existe actualmente en España" para case o 12% das persoas enquisadas. De quen é a responsabilidade? Segundo o Goberno galego, dos grupos políticos que, no exercicio do labor de oposición, preguntan ao respecto destas prácticas. Esta é, cando menos, a diagnose ofrecida este mércores no Parlamento por Alfonso Rueda, vicepresdiente da Xunta e principal voz política do Executivo tras o presidente.

No transcurso da sesión plenaria Rueda foi interpelado polo BNG a respecto do caso Bárcenas e as súas ramificacións en Galicia. O nacionalista Francisco Jorquera recolleu os "indicios de comisión de graves delitos que salpican" o PP e "o propio Goberno da Xunta" dende hai meses e polos que os diferentes grupos veñen reclamando, sen éxito, a comparecencia do presidente Feijóo. "Os principais recadadores do PP até 1995 ern o señor Ángel Piñeiro, xerente do PPdeG, e Pablo Crespo, un dos principais implicados na trama Gürtel e secretario de organización" dos populares galegos, resumiu. As doazóns supostamente ilegais, subliña, chegarían ao ano 2006, con 2 millóns de euros admitidos polo daquela xerente do partido, Modesto Fernández. "Cómpre lembrar que o señor Feijóo é presidente do PPdeG dende comezos de 2006", subliña.

A Rueda "non lle estraña" que a cidadanía "teña a percepción de incremento da corrupción" polas preguntas que fan os demais grupos

Neste escenario, a Rueda "non lle estraña que os cidadáns" teñan a "percepción de incremento da corrupción" que reflicte o CIS. Isto acontece, ao seu xuízo, polas reiteradas preguntas da oposición e, neste caso concreto, pola teimosía do Bloque en preguntar por un presunto intercambio de doazóns de empresas construtoras e contratos públicos. Para o número dous de Feijóo resulta salientable, ademais, a "seguridade" e "coñecemento" coas que Jorquera fala de amaño de contratos. "Coñecen esas técnicas e as pregoan", acusa, no que considera un "fraco favor a todos os gobernos democráticos" e "aos funcionarios" que son "independentes", cando menos, "cando goberna o PP".

Jorquera lamenta que Rueda responda as preguntas sobre Bárcenas "con insidias" e "poñendo o ventilador"

Coas culpas xa repartidas, Jorquera lamenta que Rueda responda con "insidias" e "poñendo o ventilador", no canto de facelo amosando os contratos da Xunta coas empresas que, supostamente, sustentaron economicamente o PP. O vicepresidente asegura, non obstante, que "toda esa documentación lle será facilitada" e anima o deputado frontista a ir preparando o "que dirá" se "eses supostos amigos do PP tiveron moitas máis adxudicacións do BNG no bipartito". "Xa veremos o que ten que explicar", advirte, xusto antes de acusar os nacionalistas de "crear unha empresa matriz con sete empresiñas" para captar concesións públicas en tempos do bipartito.

"Eu non sei se a isto chamarlle mafia enxebre", ilustra Rueda, para quen o BNG "cambia de actitude segundo lle cadra". No hemiciclo quedou sen responder, así e todo, unha pregunta: "Até que punto están dispostos a exercer a transparencia ante o pobo galego; está disposto o seu partido a apoiar a solicitude de comparecencia subscrita polo BNG e AGE do señor Pablo Crespo na comisión de estudo da corrupción?".

Jorquera, no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.