A Xunta leva recoñecidos 80 dereitos a axudas por "fillos non natos"

Feijóo, con dous asesores polos corredores de San Caetano © Conchi Paz

Galicia ten o peor saldo vexetativo de todo o Estado. Os datos máis recentes indican que ao longo de 2012 morreron 10.048 máis das que naceron no país, o que deu lugar á taxa bruta de mortalidade maís alta de todas as autonomías -11,3 persoas por cada mil habitantes- mentres a de natalidade ficaba nun raquítico 7,6. Neste escenario, apenas 30 concellos tiveron máis nacementos que mortes. Galicia envellece e mingua aos poucos e, ante esta realidade, a Xunta puxo en marcha un plan demográfico discutido no Parlamento pola vía rápida que, para os grupos da oposición, ten un forte matiz ideolóxico escorado á dereita. Este plan inclúe medidas de fomento da natalidade como considerar fillos e fillas a nenos e nenas "concibidos e non nados".

O uso desta terminoloxía, habitual nas organizacións antiabortistas, regresou este xoves ao discurso oficial do Goberno para dar conta dun informe sobre a "estratexia de apoio ás familias numerosas" que prepara a Consellería de Traballo e Benestar. Ao remate da reunión semanal do Executivo o presidente, Alberto Núñez Feijóo, ofreceu un dato descoñecido ata o momento. Van xa, cando menos, 80 certificacións "a petición de parte" para que estes fillos "concibidos e non nados" sexan "asimilados á categoría de descendente" a "efectos de todo tipo de axudas ou subvencións". Así, ás persoas que realizaron este trámite recoñeceselles que teñen un fillo ou filla máis aínda que este non nacese polo momento.

60.000 euros de Igualdade para a Red Madre

A consideración legal dos "non nacidos" como se xa nacesen é unha plan que se engade a máis neutrais, como a "redución de xornadas para compatibilizar a a vida laboral coa familiar" e a outras que o son menos, caso por exemplo de obradoiros para a mocidade sobre os valores da familia ou a posibilidade legal de financiar con cartos públicos "campañas de sensibilización" de matiz antiabortista, tal e como permite a Lei de Familia. Nesta liña inscríbese tamén a previsión de elaborar unha "guía informativa de recursos de apoio á maternidade".

Estes recursos, atendendo á lei vixente, inclúen o ofrecemento do asesoramento da Red Madre, o organismo creado polo Foro Español de la Familia que hai apenas un mes recibiu 60.000 euros da Secretaría Xeral de Igualdade para sufragar gastos de persoal e que en 2012 xa fora subvencionada con máis de 30.000 euros para o mesmo concepto. Segundo datos do propio departamento aos que tivo acceso Praza Pública ao longo do ano pasado diversas organizacións antiabortistas tiveron achegas por importe de 175.000 euros.

Feijóo, con dous asesores polos corredores de San Caetano © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.