Feijóo nega o recorte aos libros de texto que incluíu nos Orzamentos

Feijóo, con Rueda durante o pleno © Ana Varela

"Eu non lle minto a ninguén". O presidente da Xunta retrucoulle este mércores deste xeito á vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, que o cuestionaba pola súa política para o sector naval e, en concreto, pola "fraude electoral" derivada dos supostos contratos coa petroleira mexicana Pemex. Esta aseveración de Alberto Núñez Feijóo chegaba minutos despois da súa resposta ao voceiro do BNG, Francisco Jorquera, quen esixiu explicacións polo "engano" que, ao seu xuízo, supón falar de baixadas de impostos mentres, por exemplo, se "suprime o préstamos universal" de libros de texto e se "baixan un 25%" as axudas parciais para a compra de manuais escolares. Segundo Feijóo ese recorte, incluído no proxecto de Orzamentos Xerais para 2014, non é tal.

"Aínda teñen o descaro de falar de gratuidade solidaria e de tarifas progresivas", reprochou Jorquera, que ve nestas retalladas unha mostra de como o PP "preserva os servizos públicos" e aplica o "crecemento solidario". Na sesión de control máis sosegada dos últimos tempos pola banda opositora a dose de tensión chegou do escano presidencial quen. Tras acudir ao lugar común de asegurar que "se lles axuda ás familias que teñen dificultades" para mercar libros de texto pero "non ás familias de deputadas e deputados", Feijóo mantén que "o 70%" dos estudantes "teñen axudas" para adquirir os manuais", contradicindo así as súas propias contas públicas.

Feijóo mantén que as axudas para libros chegan ao 70% do alumnado, contradicindo así o seu proxecto orzamentario

Como informou Praza Pública, o orzamento da Consellería de Educación para o vindeiro exercicio económico estima que as achegas para a compra de libros "beneficiarán" uns 136.000 estudantes, 27.000 menos que en 2013, o que implica que uns 86.000 alumnos e alumnas de Primaria, ESO e Educación Especial non recibirán achega ningunha. Sen saír das propias cifras oficiais, o departamento que dirixe Jesús Vázquez asegura que as súas axudas chegarán ao 64% do alumnado. Esta taxa de cobertura é, polo tanto, menor á afirmada polo presidente este ano pero tamén o anterior, cando insistía no devandito 70% cando os Orzamentos indicaban o 65%.

Bipartito contra impostos, naval e paro

Jorquera censura o "engano" da baixada do IRPF ao combinarse coa suba dos carburantes

As tensas e, por veces, crispadas respostas presidenciais acudiron con recorrencia ao cada vez máis afastado período de Goberno do bipartito. Así, se Jorquera cuestiona a rebaixa do treito autonómico do IRPF por ser unha "trampa" ao combinarse "coa suba do céntimo sanitario", que "significará un gasto maior", Feijóo reclama "aclarar cal é a política fiscal do BNG" e asegura que o seu Goberno se dedicou nos últimos anos a "loitar contra a fraude fiscal que detectamos nas liquidacións dos impostos do bipartito". Do mesmo xeito, cando o socialista José Luis Méndez Romeu reprocha os datos do paro e de débeda pública na súa estrea como voceiro nunha sesión de control, Feijóo retruca criticando o "incremento de 1.000 millóns de euros" da débeda da Xunta "cando vostede era conselleiro".

Méndez Romeu estreouse preguntando polo paro e Díaz cuestionou a "estafa electoral" de Pemex

Igual que Romeu e Jorquera, tamén Yolanda Díaz tivo a súa ración de bipartito malia non formar parte de ningunha das dúas forzas políticas que o sustentaban. A parlamentaria de Alternativa quixo saber "que vai facer o presidente", ademais de "mentir", para paliar a destrución de emprego no sector naval, toda vez que "agora sabemos que non hai contratos" asinados con Pemex, unha "estafa electoral". "Xa destruíu 6.000 postos de traballo en Ferrol e 9.000 en Vigo", resumiu. "Eu confío nos contratos asinados", respondeu Feijóo, para quen, en todo caso, cómpre destacar que "no último ano do bipartito o paro en Ferrol incrementouse nun 22% e vostede calaba", reprochou.

Feijóo, con Rueda durante o pleno © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.