Un país a debate no segundo exame da lexislatura para Feijóo

Membros do Goberno e do PP apláudenlle a Feijóo no debate de 2012 © Ana Varela

En marzo de 2012 celebrouse o habitual debate de política xeral no Parlamento, comunmente coñecido como debate "do estado da autonomía" ou "da nación", segundo quen o denomine. O adianto das eleccións serviulle ao PP para xustificar que non tería moito sentido celebrar un novo debate en marzo de 2013, toda vez que o Goberno tomara posesión apenas tres meses antes. Non obstante, o estourido do escándalo das fotografías do presidente da Xunta co narcotraficante Marcial Dorado derivou en que os conservadores decidisen tentar evacuar a importante presión política xerada e permitisen unha comparecencia de Alberto Núñez Feijóo. Aquela sesión converteuse, na práctica, nunha caste de versión reducida do debate non celebrado, un primeiro exame a Feijóo tras a súa segunda vitoria electoral.

Aquela sesión, de dialéctica dura e con fortes reproches cruzados, foi un bo termómetro da situación política do país, tensionada e polarizada, coa presenza de AGE como principal novidade e co PP insistindo na inexistencia dunha alternativa de Goberno en Galicia. Estas son, con escasas variacións, as liñas que definen o escenario no que se celebra o debate que comeza este martes. Desta volta a novidade é a remuda na portavocía do PSdeG, que estará representado por primeira vez por José Luis Méndez Romeu, voz parlamentaria do partido que agora lidera José Ramón Gómez Besteiro. A Méndez Romeu, como a Xosé Manuel Beiras e a Francisco Jorquera corresponderalles darlle a réplica ao presidente e defender un proxecto para o país.

Pola banda socialista insístese en que a súa vontade é "construtiva", unha declaración de intencións que é interpretada como unha aposta por marcar distancias co estilo de oposición desenvolvido por Pachi Vázquez. Trátase, di Besteiro, de "centrarse na realidade problemática dos galegos e galegas", deixando á marxe as "cortinas de fume" que, augura, tentará tender o PP. Feijóo, di Besteiro, debe "deixar de facer ficción" e pasar a "tomar decisións". Por este motivo, advirte, o PSdeG acude ao debate a falar de paro, dos sectores produtivos ou de precariedade laboral e non "doutros temas cos que o Goberno tenta solapar os problemas", caso por exemplo do suposto terrorismo. "Non é un problema a violencia, os socialistas xa deixamos claro que condenamos calquera tipo de violencia, e non é un problema a situación dos deputados, que é corrixible e na que xa deixamos clara a nosa postura e da que estamos dispostos a falar, nin o diálogo, que é unha práctica esencial na política", resume.

Feijóo someteuse ao seu primeiro exame da lexislatura no pleno sobre as fotos con Marcial Dorado

A Galicia "real" é tamén o que procurará amosar no debate o grupo de Alternativa. A xuízo da vicevoceira da coalición, Yolanda Díaz, na sesión de política xeral confrontarase a realidade cunha "Galicia ideal" debuxada por Feijóo e o PP. "Non fagamos trampa no discurso e falemos da Galicia real; da destrución de emprego, da situación paupérrima das pensións" e de como "golpean" as medidas do PP á cidadanía, di a parlamentaria, quen espera que o titular da Xunta achegue algo máis que "desculpas", toda vez que está apoiado nunha "esmagadora" maioría absoluta que lle permite tomar as medidas que considere oportunas. Ante as peticións de fin dos "insultos" formuladas por Feijóo, Yolanda Díaz explica que "o Parlamento é un lugar de ideas, pero quen dirixe a nave ten que ter ideas e non as ten". "O primeiro que ten que ser exemplar é o presidente da Xunta", di.

PSdeG, AGE e BNG coinciden en reclamar un debate centrado na Galicia "real" e non nas "cortinas de fume" do presidente

A tentación de desviar a atención da realidade identifícaa, do mesmo xeito, o voceiro do BNG. Francisco Jorquera "non agarda nada" do presidente, "nin unha mala palabra nin unha boa acción", e minusvalora as súas chamadas ao "diálogo", toda vez que o PP, lamenta, se está a caracterizar por incumprir acordos parlamentarios da importancia do Plan Xeral de Normalización Lingüística ou dos pactos a prol do sector naval, entre outros. O Bloque, explica, confrontará o modelo da Xunta como "xestoría e delegación do Goberno central" cun "proxecto de país e contra a crise económica". Neste escenario, Jorquera identifica unha "estratexia clara" de Feijóo, quen a "verbaliza" cando "afirma que a oposición, ao remate da lexislatura, será recordada polos insultos e a falta de propostas". Os conservadores só tentan, deste xeito, "xustificar políticas ruinosas para Galiza". "Nós non convertemos o Parlamento nun circo faremos escoitar na Cámara a voz da rúa e dos problemas", conclúe.

Besteiro e Méndez Romeu CC-BY-NC-SA PSdeG
Xosé Manuel Beiras, nun pleno © Parlamento de Galicia
Francisco Jorquera CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.