A promesa de non subir impostos dúralle un ano a Feijóo

Treito do programa do PP de 2012 referido aos impostos CC-BY-SA Praza Pública

O 5 de outubro de 2012 Galicia vivía a primeira xornada da campaña electoral das eleccións do 21-O. No primeiro día da carreira pola reelección Alberto Núñez Feijóo elixiu un auditorio formado por empresarios nun acto do Instituto Atlántico del Seguro para lanzar unha das súas promesas estrela: se volvía gobernar, en Galicia non ía haber incrementos tributarios no ámbito de competencias da Xunta. A súa intención era, literalmente, "non subir impostos". Apenas un ano despois, esa promesa desapareceu co anuncio do incremento dos impostos sobre hidrocarburos.

Aquel anuncio de Feijóo foi calquera cousa menos improvisado. Non en van, estaba a debullar un treito do seu propio programa electoral, en cuxa páxina 31 os conservadores explicaban que "unha suba de impostos (...) pode resultar dobremente contraproducente, pois ademais de provocar unha contracción maior da activiade empresarial, dos investimentos e do consumo interno, pode alterar á súa vez a lóxica redistributiva estatal propia dos tributos de maior poder recadatorio". Por iso, lonxe de decidir subas dende a Xunta, ían manter a súa aposta polas "rebaixas selectivas" de tributos.

Feijóo prometeu "non subir impostos" durante a campaña electoral, tal e como figuraba no programa do PP

Este mesmo argumentario fora xa defendido por Feijóo e demais dirixentes do PP para rexeitar, no último debate de política xeral do Parlamento, a imposición de novos impostos á banca ou ás persoas que percibisen unha renda anual superior aos 100.000 euros. O mesmo rexeitamento produciuse durante o debate dos Orzamentos do presente ano 2013, cando PSdeG, AGE e BNG reiteraron estas reclamacións e suxeriron outras novas, como a posta en marcha de tributos ambientais, aos propios bancos ou ás superficies comerciais. Para a conselleira de Facenda eses incrementos tributarios destinados ás empresas de maior dimensión e ás persoas máis acaudaladas non eran "realistas" nin estaban adaptadas á "realidade económica de Galicia".

Unha suba "responsable"

Todas as razóns dos populares viraron cento oitenta graos dende o pasado venres. Toda a poboación, con independencia da súa renda, terá que pagar 3,6 céntimos máis por litro de gasóleo e 2,4 céntimos máis por litro de gasolina. Se condutores e condutoras queren encher o depósito do seu vehículo terán que preparar arredor de 1,2 euros máis, se é gasolina, ou 1,8 euros, para automóbiles diésel. Ante o aluvión de críticas o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, saía á palestra este sábado para considerar o incumprimento da promesa electoral "unha decisión responsable", toda vez que "toda" a recadación -uns 53 millóns anuais- vai ir destinada á sanidade pública, garante. Ademais, a medida "equipara" a Galicia ao "80% do territorio de España", asegura.

A Asociación para a Defensa da Sanidade Pública aposta por impostos "progresivos" e cre que a suba dos carburantes "profunda na desigualdade"

Pero o impulso pola protección sanitaria non convence nin sequera á Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública. Este colectivo cidadán subliña que está "de acordo" con que "é necesario aumentar os fondos" para o Servizo Galego de Saúde, pero ven tamén "evidente" que "este tipo de impostos sobre o consumo teñen o efecto de profundar na desigualdade, porque penaliza igualmente as persoas con poucos recursos económicos e a quen os teñen moi elevados". "O máis razoable -sinalan- é que os impostos sexan progresivos, de maneira que sexan maiores para as persoas con máis recursos", un precepto "especialmente importante nun momento de grave crise económica". "Chama a atención", critican, que a Xunta decida esta suba "indiscriminada" mentres "mantén sen tocar algúns como o patrimonio, sucesións ou sociedades, que si teñen carácter progresivo".

Ao tempo, a asociación cre necesario "recordar" que "o imposto sobre carburantes non ten un carácter finalistas e que a súa suba supón maiores ingresos" que poden ser "utilizados con fins moi distintos aos sanitarios". Pódese dar o caso, conclúen, de que a sanidade sexa só unha "escusa para aumentar a presión fiscal sen mellorar o financiamento sanitario", advirten. Mentres, polas redes sociais circula dende o venres, non sen retranca, unha entrevista televisiva na que Feijóo aseguraba, despois de gañar as eleccións, que "dicir a verdade foi a clave do éxito".

Feijóo, no acto no que prometeu non subir os impostos, o 5 de outubro de 2012 © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.