A CRTVG ve máis "interesante" a denuncia ao presidente d'A Mesa que a súa absolución

Concentración en apoio a Callón, ante os xulgados CC-BY-SA A Mesa

É habitual que nas comparecencias públicas d'A Mesa pola Normalización Lingüística non haxa cobertura dos medios públicos galegos. Nas escasas ocasións nas que isto non acontece, o presidente desta entidade, Carlos Callón, ou algunha das persoas que a acompañan adoitan facer votos por que esa presenza se traduza nunha información sobre a actividade da asociación. Esta escasa atención mudou nos días en que Callón foi xulgado a raíz da denuncia do xuíz Antonio Fraga Mandián, que o demandou por criticar o seu uso da "ilegalidade" do topónimo La Coruña. Tras un turbulento proceso Callón foi absolvido, aínda que para a CRTVG o interese residía no "litixio".

Esta é, cando menos, a argumentación ofrecida este venres no Parlamento polo director xeral da compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo. A preguntas do BNG o directivo do BNG xustificou que a denuncia e o xuízo tivesen unha cobertura moito máis notable que a absolución. Segundo Sánchez Izquierdo "o tratamento" do ditame absolutorio "foi condicionado pola dinámica da actualidade dese día, con moitos asuntos de notable transcendencia coincidindo no tempo" que "obrigaron a deixar" a nova "fóra de escaleta ata atopar un oco no Bos días da xornada seguinte", un informativo "tan valioso como calquera outro".

En calquera caso, o directivo "entende" que "o tratamento dado ao litixio reflectiu axeitadamente o fondo da cuestión" e a súa "transcendencia social". "Esa era a noticia, o verdadeiramente interesante", abonda, "con independencia de cal fose o veredito". Nos informativos da Televisión de Galicia "non colle todo" e, en todo caso, di Sánchez Izquierdo, "nós prestámoslle á Mesa a atención que merece, punto pelota". Sobre o xuízo Sánchez Izquierdo non considera "estraño que se lle poida dar a un suceso dúas referencias e á súa resolución, só unha". Sobre a cobertura xeral ao colectivo de defensa da lingua, "reitera" que Callón "ten todos os meus respectos" e mesmo "téñolle ofrecido que exploremos cales son as eivas e as dificultades relacionais" entre A Mesa e a CRTVG.

O director xeral da CRTVG afirma que, "obviamente", non segue o blog Eu non manipulo

"Asume cada vez con máis normalidade a manipulación", retrucou Ana Pontón, a quen non lle parece "normal" informar "das acusacións" e cando a persoa que as recibe "é absolvida, non ten o mesmo tratamento que a denuncia". "Calquera que lea un libro sobre o tratamento informativo destes casos saberá que o correcto é darlle unha información semellante á absolución", sinala, nun contexto no que "lamenta que esta sexa a evolución dos medios público, que defendemos".

Esa manipulación, subliña a parlamentaria, non só é denunciada pola oposición, senón tamén polo propio persoal da canle a través do blog Eu non manipulo. "Eu non sigo, obviamente, o blog Eu non manipulo", di Sánchez Izquierdo, quen ten "por costume non prestarlle atención a nada que sexa anónimo". "Outra cousa -afirma- é prestarlle atención a persoas que afrontan as cuestións plenamente identificadas". "Claro que teñen que facelo anonimamente", contrapuxo Pontón, quen ve constatado que "a represión tamén existe na CRTVG".

Sánchez Izquierdo, no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública
Pontón formula a pregunta CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.