O bucle lingüístico importado por Feijóo séguelle a marcar o rumbo á Xunta

Anuncio do pacto lingüístico, en febreiro de 2007 © Xunta

Santiago, 22 de febreiro de 2007. A conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón (PSdeG), comparece con xesto sorrinte e voz ronca ante os medios de comunicación. Acompáñana os responsables de educación e lingua dos tres grupos parlamentarios. Tras cinco intensas xuntanzas socialistas, nacionalistas e populares acadaran o consenso sobre o novo decreto de uso do galego no ensino. Conforme ao disposto tres anos antes no Plan Xeral de Normalización (PXNL), aprobado por unanimidade aínda co goberno de Fraga, un "mínimo" do 50% das materias escolares ían ser impartidas en lingua galega, sen prexuízo de que os centros escolares decidisen ampliar esa proporción. "Galicia está dando un exemplo de que a lingua nunca debe enfrontar os grupos políticos", resumía a conselleira, que se confesaba "emocionada" cun pacto que, seis anos despois, semella política ficción.

Naquela comparecencia conxunta tamén tomou a palabra a voceira educativa do PP, a ex conselleira Manuela López Besteiro. Entre apelacións ao "galeguismo" do PPdeG, López Besteiro amosábase convencida de que o decreto garantía "o equilibrio entre as dúas linguas cooficiais" e "o respecto á lingua materna". Ademais, para a conservadora a nova normativa era a continuación lóxica do PXNL, "instrumento esencial" para "avanzar na promoción da lingua galega". Aqueles eloxios duraron apenas catro meses. En xuño, cando a Xunta se dispuña a promulgar o novo decreto, López Besteiro convocaba a prensa para argumentar que o decreto "non garante o equilibrio entre as linguas nin os dereitos lingüísticos", xa que "abre a porta a un modelo monolingüista" en galego.

O PP pasou de gabar o decreto de 2007 a consideralo un instrumento de "imposición"

Co consenso xa escachado e mentres no Estado arreciaba a treboada política a conta do Estatut catalán os populares instaláronse nun novo argumentario, reiterado a xeito de bucle -concepto que o dicionario da RAG define como "conxunto de instrucións que se executan repetidamente de forma indefinida ou ata que se verifica unha condición de saída"-. Este bucle presentárono os populares en múltiples ocasións xa antes de chegar ao Goberno, caso por exemplo dunha rolda de prensa no outono de 2008 na que Feijóo anunciaba que, se chegaba a gobernar, derrogaría o decreto e permitiría "que os pais elixan a lingua vehicular do ensino" ou que "os alumnos elixan libremente a lingua" nas "aulas e nos exames". "Plan de Normalización, si, imposición do galego, non; bilingüismo, si, bipartito, non", resumía o candidato.

Rexeitamento aos preceptos do PXNL

Este foi o pano de fondo que acompañou o retorno do PP á Xunta. Con grupúsculos como Galicia Bilingüe agardando pola súa ansiada derrogación, Feijóo encomendáballe o departamento de Educación a Jesús Vázquez, quen pouco despois de chegar ao cargo definía o consensuado PXNL como un "remuíño de ideas". Da súa Consellería saíu o denominado decreto do plurilingüismo, agora parcialmente ilegalizado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e sempre acompañado dun intenso rexeitamento entre colectivos de defensa da lingua, sindicatos, representantes da comunidade educativa e a oposición política. Esa mesma oposición vén instando sistematica e infrutuosamente a Xunta a volver ao PXNL. O último intento produciuse este mesmo martes, desta volta cunha proposición de lei do BNG.

A través da súa deputada Ana Pontón o Bloque defendeu a toma en consideración dunha iniciativa asentada na "necesidade dunha oferta en positivo" en galego en todos os ámbitos da vida pública, a comezar pola propia Xunta. Trataríase, en definitiva, de despregar a Lei de Normalización Lingüística de 1983 con todas as súas capacidades e de "recoller os principios do Plan Xeral de Normalización" e usalos para "modernizar e ampliar o marco legal". Por exemplo, "no ámbito do ensino elevamos á lei o que establece o PXNL", isto é, a metade das materias escolares en galego, explicou Pontón.

O BNG propuña fixar na lei os preceptos do Plan Xeral; obtivo o apoio de PSdeG e AGE pero o PP rexeitouno

O iniciativa obtivo o apoio de AGE e tamén do PSdeG que, representado por Francisco Caamaño, considerou a proposta do BNG como "necesaria e pertinente" para regresar ao "altísimo valor dos consensos" aos que o PP lles "prendeu lume". Pero a resposta dos conservadores foi a do devandito bucle. A través de Agustín Baamonde os populares desdeñaron a proposición do "grupo minoritario", na que identifica unha "ambigüidade perfectamente estudada" para, ao seu xuízo, "expulsar o castelán dos espazos públicos de Galicia", convertelo "nunha lingua residual e marxinal". "Non podemos aceptar de ningunha maneira unha proposta deste calibre so pena de traizoar os nosos votantes", afirma.

Co conselleiro de Educación ausente do pleno -abandonou o escano na metade do debate- Pontón lamentou que o PP non queira "abordar ningún cambio nin ningunha posiblidade de avanzar no proceso de normalización", para o que non valen só "declaracións de amor" ao idioma. O PP, lamenta, está "empeñado" en que o galego fique na "marxinalidade". Mentres, non obstante, a parlamentaria congratúlase que "neste lado das bancadas", o da oposición, si hai "unha actitude realista sobre cal é situación do idioma e unha vontade de invertela".

Baamonde, voceiro de lingua do PP CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.