A irrelevancia da Xunta na venda de Novagalicia Banco

Feijóo, con Gayoso e Varela, na sinatura da escritura de Novacaixagalicia © Conchi Paz

Pasaron menos de tres anos, pero semella un mundo. Cando o 29 de novembro de 2010 Julio Fernández Gayoso e Mauro Varela subiron ao escenario do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) para asinar a escritura da entidade resultante da fusión de Caixanova e Caixa Galicia o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou a xornada como un día histórico. Para engrandecer o ritual o documento asinouse cunha pluma estilográfica Mont Blanc gravada coa lenda Fusión das caixas galegas. Santiago, 29/11/2010, que Feijóo mandou gardar nun lugar preferente. Os principios de "solvencia e galeguidade" estaban conseguidos e a Xunta amadriñaba a unión. A poucos días de iniciarse o proceso de venda da entidade na que derivou aquela fusión, Novagalicia Banco, os feitos ratifican a irrelevancia da Xunta no proceso.

Coa bancarización o Goberno galego perdeu o papel que, malia non exercelo en exceso, lle asignou o Estatuto de Autonomía: a tutela financeira das caixas de aforro. Coa intervención estatal o destino último de Novagalicia non depende máis que do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), a entidade estatal que é a súa propietaria e se dispón a vendela, e da supervisión do Banco de España. Neste contexto é no que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo vén mantendo a súa aposta por que o banco manteña "centros de decisión" en Galicia. Pero, hai algo que poida facer, alén de declaracións políticas?

O propio presidente aseguraba no Parlamento hai menos dunha semana que traballa para que NCG Banco manteña a súa "vinculación" con Galicia. O conselleiro de Economía, Francisco Conde, afirmaba hai poucos días que ve con "esperanza" e "moito optimismo" a marcha do proceso de cara a que a entidade faga permanecer os seus centros de decisión en territorio galego, "vinculada ao aforro galego e ás necesidades da pequena e mediana industria". Diante destas verbas o director xeral do FROB, Antonio Carrascosa, aproveitaba este mércores unha conferencia en Madrid para deixar claro que a "influencia" da Xunta no proceso, sinxelamente, non existe. Ben ao contrario, reduce a súa capacidade de actuación á dunha simple opinadora.

"A Xunta pode ter a súa opinión, pero quen decide é o FROB"

"Eu non falaría de influencia", explicou Carrascosa, quen sinala que "a Xunta pode ter a súa opinión" e "manifestala", algo ao que "ten todo o dereito do mundo". Pero "quen ten que tomar a decisión sobre a venda é a comisión reitora do FROB". Unha vez tomada, "o mantemento do centro de decisión en Galicia depende de quen sexa o comprador". Se, por exemplo, "resulta que é unha entidade española a que a adquire, ela terá que valorar se lle resulta rendible e eficiente manter o 100%, o 50% ou o 25% de determinados servizos centrais en Galicia". 

En venda "ao longo de outubro"

O capital estranxeiro será "benvido" á poxa por NCG Banco

Ademais de mandar a Xunta a opinar Carrascosa tamén ratificou ante a prensa e os empresarios madrileños a intención do FROB de iniciar a venda da herdeira das caixas galegas "o longo de outubro". Polo momento a poxa non comezou nin "hai un proceso aínda intenso de comunicación coas entidades potencialmente compradoras", o que non impide que xa se estean a abordar con elas "cuestións xerais", pero "en ningún caso houbo esixencias" concretas. Neste contexto, os grandes bancos españois están a xogar pero tamén os fondos de investimento estranxeiros, como o que vén de comprar Evo Banco, a marca coa que Novagalicia operou no resto do Estado durante un curto período de tempo.

Neste contexto, para Carrascosa a "entrada de capital estranxeiro" tería un "efecto positivo" para o proceso e para o sistema financeiro español en xeral. "O capital estranxeiro xa entrou na compra doutros bancos pequenos, na compra de redes de oficinas, na compra de sociedades de financiamento...". Polo tanto, "todo o capital estranxeiro para a compra de pequenas e medianas entidades" será "benvido", "non hai ningún problema", maís aínda tendo en conta que o Banco de España non observa ningún elemento que faga dubidar da "idoneidade destes investidores".

Carrascosa, durante a súa comparecencia en Madrid © Nueva Economía Forum

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.