A Xunta aproba o reparto de 84 novas frecuencias de FM

Estudio de radio CC-BY Inés Saraiva

O Consello da Xunta aprobou este xoves a resolución do concurso que outorga 84 novas frecuencias de FM, unha convocatoria que se abriu o verán pasado e que practicamente esgota o espectro. O concurso fora declarado deserto en primeira instancia por irregularidades formais. Coa resolución deste concurso, que outorga estas licenzas por un prazo de 15 anos, duplícase a oferta informativa radiofónica, que pasa das 94 licenzas de FM xa existentes ás 178. Foron presentadas 400 ofertas por 53 empresas.

Duplícase o número de frecuencias que dispoñen de licencia de emisión pero semella que isto non implicará un gran cambio no que respecta á variedade da oferta ou á súa pluralidade. Boa parte das propostas gañadoras corresponden ás grandes cadeas radiofónicas do Estado e ás cabeceiras galegas de prensa escrita. A oferta presentada pola emisora comunitaria e non comercial Cuac FM quedou sen licencia de emisión na Coruña onde as tres frecuencias dispoñibles serán xestionadas por Radio Marca, Cope e Sauzal 66 (Intereconomia). 

Este panorama repítese nas restantes comarcas e cidades, xa que son foron as grandes cadeas as grandes beneficiadas polo reparto: Popular Radio (Cope e Punto Radio: 10 frecuencias), Cadena Ser (7 frecuencias), Uniprex (Onda Cero e Europa FM: 7 frecuencias), Kiss (5 frecuencias) e mesmo Libertad Digital e Intereconomia (dúas frecuencias cada empresa).

Tamén recibiron un número destacable de emisoras algunhas das principais empresas editoras de prensa impresa de Galicia: La Voz de Galicia (9 frecuencias), Faro de Vigo (5 frecuencias), El Correo Gallego (4 frecuencias), El Progreso (3 frecuencias), ademais de La Opinión da Coruña ou La Capital, editora de El Ideal Gallego, que xestionarán cadansúa frecuencia.

Cómpre salientar tamén o caso de empresas doutro perfil, como a Iniciativa Galega de Comunicación, con sede en Pontevedra, que obtivo 5 frecuencias en comarcas pequenas. Ou os Medios Autonómicos de Radiofusión Galegos (Radio Lider), con ofertas gañadoras en Arzúa e Celanova, pero que presentara 28 propostas. 

Reparto de licencias de emisión de FM © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.