Feijóo: "Non poderemos borrar o que pasou; eu pido non esquecer tampouco o que fixemos"

Núñez Feijóo diríxese á prensa © Xunta

Praza Pública reproduce o artigo do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, tras o tráxico accidente ferroviario en Santiago de Compostela que provocou a morte de 80 persoas.

"Galicia recibiu o pasado mércores o golpe máis duro da súa historia recente. Nunca antes batera contra nós a traxedia coa forza coa que o fixo na fatídica véspera da festividade do Día de Galicia. O país preparado para celebrar o seu día grande pasou a vivir as súas horas máis sombrías e desde entón permanece, unido no pesar, ao carón dos que choran a perda dos seus seres queridos. A súa dor é a de todos. As súas bágoas son tamén as nosas.

"Os feridos están en boas mans: nas dos traballadores da saúde que demostraron ser, ademais de profesionais comprometidos, exemplos dunha extraordinaria humanidade"

Por iso agardamos esperanzados a pronta recuperación dos feridos que permanecen nos hospitais de Galicia. A confianza procede de saber que están en boas mans: nas dos traballadores da saúde que demostraron ser, ademais de profesionais comprometidos, exemplos dunha extraordinaria humanidade. Eles son un elo máis dunha auténtica cadea humana que ten salvado e está a salvar vidas desta catástrofe.

Galicia actuou como o que é: unha gran familia. Solidaria na dor e solidaria na acción. Son voceiro dun país que sente admiración polos seus profesionais sanitarios, polos efectivos de Protección Civil, polo persoal de emerxencias, polos bombeiros e polos corpos policiais. Que se rende ante a actuación dos veciños que, sen dubidar un instante, asumiron como responsabilidade propia o rescate e a asistencia aos feridos. Que se enche de orgullo ante os xestos espontáneos de hostaleiros, de taxistas, de empresarios dos sectores máis diversos que puxeron traballo e recursos a disposición dos afectados. Dos centenares de persoas que acudiron antes de ser chamadas a doar sangue para os feridos. Esa xesta colectiva está inscrita xa na historia de Galicia.

"Son voceiro dun país que sente admiración polos seus profesionais sanitarios, polos efectivos de Protección Civil, polo persoal de emerxencias, polos bombeiros e polos corpos policiais"

Con ese tren descarrilaron vidas de persoas de idades e nacionalidades diversas. O Goberno e o pobo galego comparten a mágoa por todos eles, estenden o seu sentido abrazo a cada familia, a cada amigo, a cada veciño ou compañeiro das vítimas. Solidarizámonos coas vilas, cidades e países sacudidos canda nós pola desfeita. O afecto fai neste suceso unha viaxe de ida e volta. Quero, como presidente da Xunta, agradecer sinceramente e facer chegar á sociedade galega as múltiples expresións de agarimo e apoio, así como as ofertas de colaboración transmitidas desde todas as partes de España. A súa Santidade o Papa e xefes de Estado de Europa e América, sumaron tamén as súas condolencias ás expresadas, desde todas as partes do planeta, por millóns de cidadáns anónimos conmocionados polo acontecido en Compostela. Galicia sentiuse arroupada por un manto de calor de todo o mundo.

No máis negro Día de Galicia, este pobo recibiu reconfortado a proximidade da Familia Real española. As Súas Maxestades os Reis primeiro, e poucas horas despois as Súas Altezas os Príncipes, achegaron alento na batalla a prol da saúde e da vida, e compañía na tristura pola morte. Recoñecemos tamén con gratitude a preocupación que desprazou ata a capital de Galicia, xa nos primeiros momentos do suceso, ao presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, que como un galego máis, sentiu moi persoalmente os efectos da desgraza. De igual xeito agradecemos o xesto de todos os responsables políticos que quixeron manifestar coa súa presenza a inquedanza por Galicia e as vítimas do sinistro.

"A festa de Galicia non volverá sernunca a mesma, pero temos que facela máis grande"

Diante dunha catástrofe de tal magnitude, cómpre activar dous tipos de resposta: a material e a emocional. Ambas as dúas funcionaron de xeito harmónico en días que son de loito, mais tamén de orgullo polo comportamento de todo un pobo. A festa de Galicia non volverá sernunca a mesma, pero temos que facela máis grande. Incorpórase a ela para sempre a memoria dos que perderon a vida neste tráxico suceso. Ao igual que a fazaña de tantos e tantos heroes que nos rodean. Non poderemos borrar o que pasou. Eu pido non esquecer tampouco o que fixemos".

Núñez Feijóo diríxese á prensa © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.