As noticias, mellor se acontecen en 'Orense' ou 'Arteijo'

Fragmento do manual, cos topónimos deturpados (premer para ampliar) CC-BY-SA A Mesa

A Comarca, Orense, Mordor, Arteijo, Nunca Xamais, Carballino, Atlántida, Poyo... Todos estes topónimos teñen en común que nomean lugares inexistentes. A diferenza é que algúns deles foron asimilados a vilas e cidades galegas tan reais como a vida mesma como produto de traducións máis ou menos habilidosas da toponimia galega. Outra diferenza é que os topónimos derivados da castelanización ás bravas foron oficiais durante moito tempo e defendidos a capa e espada dende múltiples instancias aínda cando a súa oficialidade xa pasou á historia. O último destes casos atopouno este martes A Mesa pola Normalización Lingüística nunha institución dedicada, precisamente, ao coñecemento, como é a Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED).

A asociación en defensa da lingua soubo deste caso a través dunha estudante da UNED que, explican, "viu con abraio como nos manuais e nos exames da materia Comunicación Oral y Escrita en Lengua Española II había toda unha listaxe de topónimos galegos nos que as formas xenuinas e oficiais eran marcadas como incorrectas e se prescribía a súa substitución polas formas deturpadas". Así, explica A Mesa, o alumnado vese "obrigado" ao absurdo de "corrixir", "tanto nos exercicios como nos exames", "Ourense por Orense, Arteixo por Arteijo, Poio por Poyo, O Carballiño por Carballino ou Ponteareas por Puenteareas. Estas, di o libro, son as formas "correctas".

O manual da UNED explica que o "lóxico" é "empregar o topónimo tradicional español", como La Coruña

E isto, por que? Neste manual, explica o colectivo, explícase que unha cousa é o "uso oficial" e outro, o "uso xeral", dando "a entender que só as administracións deben respectar a legalidade no que aos topónimos se refiren". "Tan absurdo é opoñerse a un uso aprobado por leo como pretender que tal uso se estenda por sistema aos ámbitos non oficiais", xustifica o libro, no que esta particular tese se apoia nunha crítica aos medios de comunicación: "en España, muchos periódicos, cadenas de radio, televisión, etc., no radicados en Galicia utilizan la forma A Coruña, cuando lo lógico, en estos casos, es emplear el topónimo tradicional español: La Coruña"

Para A Mesa esta curiosa tese é "falaz e demagóxica", xa que implica "situar a toponimia galega no mesmo caso" que, por exemplo, a inglesa, alemana ou neerlandesa. "Hai unha razón evidente para que un medio de comunicación estatal utilice A Coruña mais non London, e é que o inglés non é unha lingua oficial no Estado español", evidencian, ao tempo que lembran que a Constitución "sinala que a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección. A propia UNED, abondan, estipula nos seus estatutos que "unha das súas misións fundamentais é o paoio ás linguas e culturas de España". Por todo isto, anuncian, tomarán "medidas para esixir qeu a UNED", institución "amplamente subvencionada por concellos e deputacións galegas", respecte "a toponimia galega, única xenuina, oficial e correcta dos nomes de lugar" en Galicia.

Fragmento do manual, cos topónimos deturpados (premer para ampliar) CC-BY-SA A Mesa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.