A oposición galega, unida en torno aos dereitos das mulleres

'Confetti' reivindicativo guindado sobre os escanos do PP CC-BY-NC-SA BNG

Hai poucos temas que unan sen matices a toda oposición parlamentaria galega. A defensa dos dereitos das mulleres en xeral e do dereito á interrupción voluntaria do embarazo en particular é un deles. Ante a, en verbas do ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, "contrarreforma" da lei do aborto PSdeG, AGE e BNG defenderon este mércores unha iniciativa conxunta coa que pretendían, en síntese, que o Parlamento de Galicia se posicionase contra esa modificación legal e, por extensión, que a Xunta se dirixise ao Goberno central para que non a realice. Dado o máis que previsible resultado da votación, os tres grupos opositores apostaron por converter o debate nun xesto político na defensa do actual marco xurídico.

Co tempo dividido entre tres, os tres grupos incidiron nunha mensaxe moi semellante. "O que nos fai máis persoas é a liberdade", neste caso, para que as mulleres poidan "decidir se queren ser nais ou non selo", resumiu Carme Adán, do BNG, para quen a única modificación "xustificada" da lei do aborto sería para lograr que a sanidade pública dea cobertura a todas as solicitudes de interrupción voluntaria do embarazo, sen ter que acudir á privada. Á marxe disto, acrecenta Eva Solla, da AGE, o debate non é outro que o da "eliminación" de "dereitos humanos", algo "moi triste no Parlamento dun país democrático".

"Non hai democracia mentres todos os seres humanos non sexamos iguais", subliña Solla, para quen permitir ou non o dereito ao aborto é tanto como "discutir se a metade da poboación pode decidri sobre o seu propio corpo". "Imaxínense debatendo sobre o dereito dos homes a decidir sobre o seu corpo", ilustra, botando man dun "exemplo absurdo" para amosar "ata onde chega o machismo na política" do gabinete de Rajoy: "Imaxínanse debatendo se os homes poden ou non masturbarse porque é un derroche de gametos?", cuestiona.

"A liberdade de ser nai pasa pola liberdade de non selo", resumen PSdeG, AGE e BNG

"Obrigarnos a parir é violencia machista", advirte a parlamentaria de AGE na defensa dunha lei que, agrega Carmen Acuña, do PSdeG, "non obriga a ninguén a abortar", senón que, apoiándose "na ciencia", evita "que sufra a nai, o pai, a familia" e, sobre todo, evita "a forma máis cruel do sometemento da muller", a maternidade presentada como "obriga". "Só a santa inquisición na Idade Media e o señor Gallardón se atreven a antepoñer os designios da Igrexa aos avances da ciencia" pero, con independencia da opinión do PP, "a liberdade de ser nai pasa pola liberdade de non selo". Despois de dicilo no Parlamento "ímolo dicir na rúa o día 16", porque "xuntas e xuntos podemos", di.

Rexeitamento do PP e expulsión de activistas

Como en anteriores debates a encargada de erguer a bandeira da reforma de Ruiz-Gallardón foi a conservadora Julia Rodríguez, convencida de que "existen motivos dabondo" para reformar a lei porque a actual, do ano 2010, non "preserva" os que considera "dous dereitos en conflito", a saber, o da muller e o dos individuos que aínda non naceron. Como no caso lingüístico o PP tamén observa aquí unha "oposición maioritaria da sociedade" e ademais, teoriza, á luz dun treito das memorias de Alfonso Guerra cabe deducir que "nin sequera os que a aprobaron estaban de acordo". Así as cousas, o PP disponse a "cumprir o mandato electoral" dende a óptica, asegura, de que o asunto é "o suficientemente importante" como "para non trivializar con el".

A presidenta da Cámara resolveu expulsar as mulleres que defendían o "aborto libre e gratuíto" dende a tribuna de persoas convidadas

"Vostedes non garanten a vida", repuxo Carme Adán. "Se están tan preocupados póñanse a traballar pola educación sexual", sinalou Eva Solla. "Que unha moza de 16 anos non pode abortar e si pode ser nai iso ten un nome: cinismo", engadiu Carmen Acuña. O debate rematou no hemiciclo pero non na tribuna de persoas convidadas, na que sentaban activistas feministas a prol do dereito ao aborto. "Aborto libre e gratuito", "somos malas e podemos ser peores", corearon mentres guindaban panfletos favorables ao dereito a decidir sobre os escanos conservadores. A presidenta da Cámara, Pilar Rojo, resolveu expulsalas baixo a advertencia de estar a piques de "cometer un delito".

O servizo de seguridade da Cámara disponse á expulsión CC-BY-NC-SA BNG
Acuña, Solla e Adán, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.