Vence: "Empeza a haber capacidade de restablecer vínculos no nacionalismo"

Vence, na XIV Asemblea Nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Xavier Vence (Rodeiro, 1961) recibe a Praza Pública no seu despacho da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago. Rodeado de libros e cos teléfonos a soar, o novo portavoz nacional do BNG agradece as preguntas "sobre os problemas do país" mentres debulla co mesmo ton profesoral as cuestións económicas e os asuntos internos do Bloque que agora tamén lle toca xestionar. Elixido por máis do 90% da décimo cuarta asemblea nacional do Bloque, Vence dá por "pasada" a "páxina das divisións internas" e subliña que a "prioridade" da actividade política da formación debe ser constituírse en alternativa "ás políticas agresivas do PP e da dereita" mentres tenta contactar mellor coa cidadanía, sen "illarse" e tentando salvar os obstáculos sociais e "mediáticos" que "opacan" a súa mensaxe.

A piques de facer dous meses como portavoz nacional, cales son as súas primeiras impresións?
Estamos no momento de aterraxe dunha dirección completamente renovada. Somos xente que non tiñamos, a maioría de nós, unha vida orgánica a nivel de dirección no pasado e ademais a maior parte da dirección é xente moi nova. Estamos vendo a situación da organización e tratando de poñer en marcha as liñas de actuación política que se acordaron na asemblea. A sensación que teño é positiva; a militancia do BNG está activándose, collendo o novo período con ilusión, con ganas de converter o BNG de novo nun referente político clave na vida do país e con ganas de desenvolver unha política claramente enfrontada ao neoliberalismo e ás políticas do PP, tamén ilusionada co proceso de reverdecemento da conciencia nacional do país. Hai un certo reilusionamento dentro e tamén vexo que nos arredores do BNG, no ámbito da cidadanía nacionalista, hai unhas boas vibracións, bo sentimento e certa expectativa a respecto do que fagamos a nova dirección.

Chegou avalado por un consenso inédito nas asembleas do BNG dende hai moito tempo. Isto facilita o traballo inicial? Hai menos lumes que apagar?

"Hai unha grande unanimidade arredor da liña política e do novo equipo de dirección; non hai nada que debilite máis unha organización que a división interna"

A cohesión do BNG no proceso asemblear foi moi fonda, hai unha grande unanimidade arredor da liña política e do novo equipo de dirección e iso facilita as cousas. Hai unha vontade moi consciente por parte de toda a militancia de que non hai nada que debilite máis unha organización que a división interna. E hai unha vontade de contribuír xenerosamente a resolver aqueles pequenos problemiñas que aínda seguen, como en calquera organización. Pero ademais, froito dese estado de ánimo e vontade construtiva estanse resolvendo os pequenos problemas que quedaban nalgunhas localidades e con algunhas diferenzas que houbo no pasado e que se están resolvendo de boa forma.

Trátase tamén de que os titulares deixen de falar de controversias internas ou en certas localidades? O BNG ten que comunicar mellor?
Unha vía é a relación directa coa cidadanía. Estamos prestándolle moita atención aos encontros coa cidadanía, coa veciñanza, con persoas que participan en plataformas afectadas por diferentes políticas do PP... Queremos aproveitar esa conexión directa, porque é a mellor vía, a que ten mellores garantías de transmisión fidedigna da nosa mensaxe. Non podemos confiarnos só dos medios de comunicación; tamén as redes sociais están servindo para chegar á sociedade, estamos facendo un esforzo grande para transmitir mensaxes á traves desta vía, que chega ao sector máis activo e máis mozo da poboación. Nese sentido é unha canle que estamos tratando de privilexiar.

Isto está a facelo sen deixar o seu labor na universidade... Como compaxina esas dúas facetas?
Con moito traballo, con bastante sacrificio persoal, sobre todo de tempo libre. E tamén coa colaboración de moita xente; o labor no BNG está sendo moi de equipo, non depende estritamente do portavoz nacional. Teño moi claro que non quero desvincularme en absoluto da miña actividade como docente e investigador na universidade. Para min é moi importante como fonte que nutre tanto de ideas como de información sobre as pulsións que hai na sociedade. Un dos riscos dos políticos é enfrascarse en exceso na vida partidaria ou nos parlamentos e acabar perdendo contacto coas preocupacións e as formas de ver as cousas da cidadanía. Para min o traballo, ademais en contacto con xente nova, permite evitar ese risco.

Entre os primeiros labores que abordou estivo o inicio dos contactos con outras forzas do nacionalismo. Que disposición atopou, tanto de cara ao "movemento multicor" que propuxo na propia asemblea como para outros obxectivos?

"Hai algunha organización relativamente receosa para poder reconstruír o espazo nacionalista"

A acollida está sendo positiva, hai moitos sectores sociais no ámbito do nacionalismo e en sectores que non estaban tradicionalmente vincuilados a el que están tendo unha acollida moi favorable ao noso discurso e aś propostas que estamos lanzando. Con respecto á cuestión da configuración dese movemento multicor para unir forzas no proceso de revitalización da conciencia nacional no noso país tamén vemos que hai unha boa acollida. A semana pasada constituíuse en Santiago a Iniciativa pola Soberanía, na cal se sumou moita xente de diferentes organizacións nacionalista e de moitísima xente que non é militante de ningunha organización. E iso está permitindo que se empece a crear un verdadeiro movemento cívico que poida poñer en marcha un proceso de debate arredor dos problemas da recentralización que está impulsando o PP e arredor do que significa unha alternativa soberanista para o país. É necesario que ese espírito se espalle por todo o país para que se incorpore aínda máis xente. Quizais hai algunhas reservas por parte dalgunha organización que está relativamente receosa de que se poida reconstruír e retecer todo o espazo nacionalista, hai algunhas prevencións e mensaxes que tentan dificultar a difusión dese espírito de rexeneración do nacionalismo. Pero, de todas formas, vai callando na sociedade máis sensibilizada co problema nacional e empeza a haber capacidade de restablecer vínculos.

É de supoñer que espírito de "retecer" é o que estivo sobre a mesa no seu encontro con Xosé Manuel Beiras... Esas reticencias das que fala atopounas en Anova?

"Unha parte de Anova ve con bos ollos a recuperación do espírito de unidade"

Acordamos abrir unha xeira de contactos con todas as organizacións nacionalistas e independentistas e nesa fase estamos. A reunión con Beiras foi de carácter estritamente persoal e a idea é que haxa no futuro, tal como lle ofrecemos, un encontro formal entre as dúas organizacións. A cuestión, e iso percibino claramente nesa conversa con Beiras, é que Anova ten que aclarar cara a onde quere bascular de forma máis clara. Eu teño claro, pola información que vou tendo, que aí dentro hai diferentes sensiblidades e apostas estratéxicas. Hai algunhas persoas que apostan máis claramente por manter un perfil nacionalista e outras que apostan por construír unha alianza moi estable con Esquerda Unida. Para quen aposta por esa alianza con EU, un proxecto como Iniciativa pola Soberanía, abrir un debate claramente nacional no país para enfrontar o neocentralismo e infcorporar a Galiza ao proceso de debate de cambio institucional na UE e en España non é o que máis satisfai, porque EU ten unha posición algo reluctante ao debate nacional. Imos ver que pasa. Eu entendo que na asemble nacional de Anova, a principios de xuño, iso quedará máis claro. Pero sei que hai unha parte de Anova que que ve con bos ollos o inicio dun proceso de diálogo entre o nacionalismo e unha certa recuperación dun espírito de unidade.

Esa Iniciativa pola Soberanía ten obxectivos moi amplos; podería ter, a medio prazo, unha tradución orgánica ou electoral? As municipais están a dous anos vista, haberá espazo para unha fórmula de colaboración?
Son dous espazos diferentes, polo menos dende o punto de vista da súa organización e da súa dinámica social. Tal e como o BNG entende o proceso de debate soberanista, debe ser algo impulsado fundamentalmente pola sociedade civil, onde os noso militantes participen como membros máis da sociedade civil. Pero ese proceso, que non se debe entender como algo de curto prazo, non é unha campaña, non debe ter en si mesmo unha finalidade electoral. Debe manterse como un movemento cívico que alimente ese debate e que impulse a reivindicación nacional. Por outra banda debe haber a dinámica de alternativas políticas, programáticas e electorais. Son dúas dinámicas que deben manterse separadas. Obviamente, que haxa un amplo movemento social nacionalista e soberanista que medre na sociedade, reforzará as opcións políticas nacionalistas e ao mellor crea un ambiente favorable para que a unidade do nacionalismo sexa unha necesidade sentida por todas as organizacións. Pero hai que entendelo como dous procesos en paralelo.

A Asemblea Nacional na que foi elixido chegou nun momento duro, co BNG pasando a ser cuarta forza do Parlamento. Serviu esa asemblea para suturar feridas e inxectar optimismo? Agora toca outra cousa?

"Temos que ter unha actitude cooperativa e dinamizadora que evite calquera illamento a respecto das preocupacións da sociedade"

Eu creo que si. O BNG pasou páxina da fase de divisións internas, abriuse unha nova etapa de cohesión moi clara. Tamén se fixo balance dos métodos de traballo e de organización que levou a introducir cambios importantes en canto ao estilo de traballo na sociedade, nos movementos sociais, con vontade de abrir a organización aos simpatizantes, de establecer un diálogo máis fluído tanto fisicamente como a través da rede coa cidadanía... Son algunhas das conclusións do proceso de debate, que marcan unha posta ao día tanto no organizativo como no enfoque do traballo na sociedade, coa convicción de que temos que estar moito máis imbricados, máis mesturados con toda a poboación en todo tipo de actividades e movementos sociais. Temos que ter unha actitude cooperativa, proactiva e dinamizadora que evite calquera tipo de illamento a respecto das preocupación das sociedade.

Xavier Vence, nun intre da entrevista con Praza Pública CC-BY-SA Merixo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.