A Xunta recorta un 25% as axudas ás vítimas da violencia machista

Acto simbólico da Marcha Mundial das Mulleres CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Nova tesoirada social, desta volta nun dos elos máis febles da cadea. A secretaría xeral de Igualdade, órgano dependente da Vicepresidencia da Xunta, vén de convocar as "axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero", isto é, o coñecido como "salario da liberdade", creado en tempos do bipartito e que, "con carácter xeral", supón unha asignación económica de 600 euros -pode oscilar entre os 400 e os 800 en determinados casos- ás vítimas de violencia machista para liberalas da dependencia económica a respecto do maltratador. A convocatoria para 2013 vén cunha desagradable sorpresa: unha redución do 24,5% na súa dotación orzamentaria en comparación co ano anterior.

Na convocatoria do ano 2012, o derradeiro da pasada lexislatura, Igualdade achegoulle a estas axudas unha partida económica de 2,4 millóns de euros. Non obstante, o gran "volume" de solicitudes fixo necesario que, contra finais do exercicio económico, no mes de outubro, o departamento autonómico tivese que ampliar o crédio destes subsidios. O número de solicitudes provocou que "non poida sen atendidas polo esgotamento do crédito inicialmente asignado" e por iso "resulta necesario incrementar a dotación orzamentaria" en 218.886,66 euros, argumentaba o goberno.

En anos anteriores a Xunta tivo que ampliar o crédito das axudas ante o gran volume de solicitudes

Non foi 2012 o primeiro ano en que as axudas solicitadas superaron as previsións gobernamentais. Tamén en 2011 aconteceu, malia seren obxecto dunha ampliación de crédito, remataron os recursos asignados e, a mediados de decembro dese ano daba "a coñecer o esgotamento do crédito dispoñible". Malia a todo isto, en 2013 as vítimas das agresións machistas -en 2012 presentáronse en Galicia 4.788 denuncias- estarán economicamente menos protexidas polo Executivo autonómico. Concretamente, disporán de case 600.000 euros menos, xa que a partida económica queda en 1,9 millóns de euros.

Este recorte prodúcese nun contexto no que os principais organismos e persoas expertas na prevención e tratamento da violencia machista advirten de que a crise económica e as retalladas sociais se están a converter nun obstáculo para "saír do círculo" da violencia machista. A última en advertilo ata o momento foi a presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, Inmaculada Montalbán, quen en días pasados sinalaba que o descenso no número de denuncias por maltrato nos últimos anos -en Galicia foi de case un 20% entre 2011 e 2012- pode "ser debida ao impacto da crise económica, tanto na vítima como na súa familia e na propia sociedade".

"As mulleres que están metidas na espiral da violencia agora saen con maior dificultade, porque moitas non teñen de que vivir"

Neste contexto, Montalbán subliña o "esforzo social e institucional realizado nos últimos anos" na loita contra o maltrato e considera necesario "manter todos os recursos imprescindibles para asistir de maneira integral e recuperar ás vítimas". Nun sentido semellante Raquel Castillejo, catedrática de Dereito Procesual da USC e experta no estudo e na abordaxe da violencia machista, explicaba hai poucos meses en Praza Pública que "as mulleres que xa están metidas na espiral da violencia agora saen con maior dificultade, porque moitas aguantan porque non teñen de que vivir". 

Feijóo e a secretaria de Igualdade, nos actos oficiais do 8 de marzo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.