A oposición planta o PP na aprobación 'exprés' do plan demográfico

Mesa da comisión que aprobou o plan demográfico CC-BY-SA Praza Pública

"Tomadura de pelo" e "unha burla". É o que, a xuízo dos grupos da oposición parlamentaria, protagonizaron esta mañá a coro o Goberno galego e o PP na comisión quinta da Cámara galega. Convocada con apenas dous días de antelación, esta xuntanza aprobou nunhas catro horas o plan co que a Xunta pretende inverter o "inverno demográfico" que sofre o país, con medidas en materias diversas como no ámbito da vivenda ou no social. Malia consideralo prioritario, o Executivo nin sequera enviou á máxima responsable do departamento que se encarga do plan, a conselleira de Benestar, Beatriz Mato -a esa hora participaba nunha inauguración dun foro na Coruña-, senón á directora xeral de Familia, Amparo González. Nin PSdeG, nin AGE nin BNG participaron da aprobación.

As voceiras da oposición, Carmen Gallego, Eva Solla e Carme Adán, explicaron en rolda de prensa conxunta o porqué do seu plantón. "Feijóo e o PP demostran que non lle dan importancia ao Parlamento e queren desviar a atención mediática", di a socialista gallego, quen censura a inexistencia de tempo para que a oposición formulase propostas ou, simplemente, para "debater a fondo". "A crise demográfica en Galicia ten unha importancia suficiente como para non ser despachada nunha soa mañá", subliña a parlamentaria, en cuxa opinión "se hai unha política que non precise de présa, esa é a demográfica".

PSdeG, AGE e BNG cren que a demografía é "un tema dabondo importante" como para "discutilo nun pleno" da Cámara

Tamén AGE considera unha "absoluta tomadura de pelo" que "a dereita pretenda despachar" deste xeito "un tema central para o futuro de Galicia". Alternativa, como o resto da oposición, explica Eva Solla, abandonou a comisión polo "ninguneo do PP" e dende a convicción de que o demográfico "é un tema dabondo importante como para discutilo en pleno". Así as cousas, como socialistas e Bloque, AGE dirixiuse tamén formalmente á Mesa da Cámara para queixarse formalmente "polas formas" en que foi tramitado este plan, con só dous días de tramitación formal e un texto "que ten como horizonte o ano 2020 e nin sequera ten informe económico anexo". "Isto -conclúe- amosa a falta absoluta de transparencia e democracia coa que a dereita entende o Parlamento".

Nun sentido semellante, a nacionalista Carme Adán reclama que o plan demográfico sexa tramitado en pleno e polo procedemento ordinario. "Un plan que supostamente debe ser transversal" para "dar solucións ao éxodo masivo da mocidade galega" non pode ser debatido fóra dunha sesión plenaria, subliña, tras lembrar que o Bloque tamén formulou unha queixa formal para esixir un "verdadeiro debate". Se cadra, di Adán, os conservadores aproveitan a fin de semana para "reflexionar" e adoptar "unha decisión razoable". Como elementos para a valoración, di, poden ter en conta que "Feijóo non pode usar esta Cámara" só "como sala de prensa ou plató para dar roldas sobre as súas fotos".

O PP ve "infantil" a "espantada"

Unha visión ben diferente do acontecido é a que ofrece o PP. Para o seu voceiro no debate, Román Rodríguez, a oposición protagonizou unha "deserción e espantada programada", cunha "actitude infantil que amosa a súa falta de respecto ás institucións e a todos os galegos, pero especialmente aos seus votantes". A Xunta, asegura, "aborda con valentía" un dos problemas "estrututurais" do país con este plan, e faino cun respecto "escrupuloso ao Regulamento do Parlamento", valéndose dun procedemento de urxencia que ten "numerosos precedentes, tanto na etapa do bipartito como na pasada lexislatura".

Dado que as voceiras da oposición expresaron que tiñan elaboradas cadansúas propostas de resolución para achegar ao plan, Rodríguez conclúe que isto "reforza a sensación de que o seu único obxectivo era montar unha algarada para non debater este plan, tan necesario para a sociedade galega". O conservador lamenta que a oposición "non tome en serio os plans que remite a Xunta" nun contexto no que, finalmente, o proxecto ficou aprobado cos únicos votos do partido da gaivota.

As voceiras da oposición, antes de abandonar a sesión CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.