Aymerich censura a "viraxe" do BNG e aclara que Vence non é o seu candidato

Aymerich intervén ante a Asemblea Nacional do Bloque CC-BY-NC-SA BNG

Carlos Aymerich volve deixar claro que non lle agrada "a viraxe" do BNG nos últimos tempos. O deputado nacionalista e líder do colectivo Abrente mostrouse este domingo en Radio Galicia-Cadena Ser disconforme coa liña política adoptada polo Bloque que, segundo el, "fai que retroceda a posicións de hai 30 anos".

"Xavier Vence non é o noso candidato, pero si espero que sexa o voceiro nacional de todos"

Logo de que o Consello Nacional aprobase por ampla maioría a proposta de nova executiva, que será liderada por Xavier Vence e aprobada na Asemblea Nacional do vindeiro domingo, Aymerich aclarou que o futuro portavoz nacional "non é o candidato de Abrente". "Non é o noso candidato, pero non sendo o noso candidato, si espero que sexa o voceiro nacional de todos", dixo, tras aclarar que "respectan" a decisión "maioritaria" da formación nacionalista.

Aymerich insiste en que Abrente "quedará no BNG", pero "en segunda fila"

Ademais, Carlos Aymerich volveu manifestar a súa disconformidade co "camiño" escollido polo Bloque de cara á vindeira Asemblea Nacional. "Cando hai diferenzas políticas, o lóxico é que non haxa unha candidatura conxunta", asegurou logo de que Abrente se autoexcluíse da lista única para a nova dirección, malia os esforzos do propio Xavier Vence por integrar o colectico na futura executiva. "Sabemos que a militancia non quere outra asemblea de confrontación e non presentaremos lista", engadiu.

Aínda así, aclarou tamén que os membros de Abrente "quedarán no BNG", aínda que no lugar que lles "corresponde, en segunda fila". "Se logo hai un cambio para recuperar a unidade, estaremos alí", dixo, tras asegurar que "ao igual que os bancos non dan crédito", eles "tampouco". "Acreditamos nos feitos, non nas palabras", insistiu, logo de reiterar en que a corrente que el lidera "non abandonará" a fronte nacionalista.

"Apostamos polo Bloque en momentos difíciles, pero se hai unha viraxe que, desde o noso punto de vista, fai que retroceda a posicións de hai trinta anos, eu creo que non se nos pode pedir que o compartamos", explicou Aymerich. "As nosas posicións e achegas non se quixeron incorporar e o papele que nos toca xogar agora é este; é democrático e quen defende esta liña ten dereito a levala adiante", insistiu o deputado no Parlamento, que explicou que o BNG decidiu "coller un camiño" que "se viu na manifestación do domingo pasado e nas declaracións públicas".

O deputado nacionalista pide "novas fórmulas" para "un achegamento" a Anova e Compromiso

Do mesmo xeito, Aymerich defende "un achegamento" a Anova e Compromiso por Galicia, pero "sobre todo a moita xente que quere unha alternativa real, nacionalista e de esquerdas ao PP". "Dóeme, pero o BNG xa non é a casa común do nacionalismo e non o é desde Amio", dixo, ao tempo que avogou por "novas fórmulas" de colaboración con outras forzas nacionalistas, xa que di estar convencido de que "os que marcharon do Bloque non van volver".

Ao tempo, o propio Xavier Vence, futuro voceiro nacional do BNG, aseguraba en declaracións a Europa Press que o seu obxectivo será "cohesionar o nacionalismo", polo que porá "en marcha todos os contactos necesarios" para "reconstruír a  unidade".

Aymerich intervén ante a Asemblea Nacional do Bloque CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.