O Bloque renova a súa executiva nun 80%

Vence, Guillerme Vázquez e Ana Miranda, nun acto de Galiza Nova CC-BY-NC-SA BNG

O Bloque renova profundamente a súa dirección. Tan só tres dos quince membros da actual cúpula do BNG mantéñense no seu posto, logo de que o consello nacional da formación nacionalista aprobase este sábado a proposta da nova executiva, que será referendada na Asemblea Nacional que se celebrará o vindeiro domingo en Compostela. Só Francisco Jorquera, Rafael Vilar e Montse Prado continúan nunha dirección da que saen, entre outros, Carme Adán, Ana Pontón ou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. O 80% da executiva será nova.

Tan só tres dos actuais quince membros da cúpula do BNG manterán o seu posto na dirección

A proposta para a nova cúpula foi aprobada con 49 votos a favor e con tan só un en contra e oito abstencións. Xa que logo, máis do 84,5% do Consello Nacional deu o visto e prace a unha lista que está liderada polo economista Xavier Vence, que será o portavoz nacional en substitución de Guillerme Vázquez. Na dirección tamén entran Goretti Sanmartín, Bieito Lobeira -que se podería converter no número dous da formación, a eurodeputada Ana Miranda, a deputada no Congreso Rosana Pérez, Néstor Rego, Ximena González, Xabier Campos, María do Mar Vila, Xosé Antonio Rubal, Saleta Chao e Adrián Dios.

Guillerme Vázquez destaca a pluralidade da proposta e ve en Vence "a persoa idónea para encabezar esta nova etapa"

Nunha rolda de prensa posterior, o aínda voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, incidiu na pluralidade dunha lista que cualifica como "moi renovada" e "con moitas persoas vencelladas a movementos sociais". Ademais, o aínda líder do Bloque considera a Xavier Vence "a persoa idónea para encabezar esta nova etapa" e asegura que contará co seu "apoio incondicional". 

Nesa nova etapa non haberá na cúpula ningún representante do colectivo Abrente, liderado por Carlos Aymerich, e que optou por autoexcluírse de calquera acordo para formar parte da dirección. Guillerme Vázquez anunciou que os representantes desta corrente crítica "permanecerán no BNG" e contarán con postos no novo Consello Nacional.

Ademais, Vázquez amosouse "satisfeito" polo traballo realizado á fronte do BNG, así como "agradecido" pola confianza que a militancia depositou na súa figura.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Xavier Vence, Fernández Lores e Jorquera © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.