O xuíz ratifica o financiamento ilegal do PPdeG en varias campañas electorais

A contabilidade de Pablo Crespo e a de Bárcenas, comparada por El Pais © El Pais

O xuíz Pablo Ruz abriu unha peza separada cos "papeis de Bárcenas" para investigar o posible financiamento ilegal do PP. O maxistrado fundamenta a súa decisión nun informe da Unidade de Delincuencia Económica e Financeira (UDEF) da Policía entregado este mércores, que atopou tres coincidencias entre a documentación do ex tesoureiro do PP e outros que figuran na causa caso Gürtel. Similitudes, di, "de elementos subxectivos, obxectivos e de coincidencia temporal" relacionados con pagos efectuados polos imputados Pablo Crespo, ex secretario de organización o PP de Galicia, e Alfonso García Pozuelo, presidente da sociedade Construtora Hispánica. As coincidencias apuntan o PP galego, tal e como se advertía xa, e ao pago de 21 millóns de pesetas realizado por Crespo o 5 de maio de 1999 e que se corresponde coa mesma anotación que aparecen nos documentos publicados por El País. Pero hai moito máis.

O auto do maxistrado especifica con detalle as mencionadas coincidencias. Así, sinala que o 19 de febreiro de 2009 a Policía incautou nunha caixa de seguridade da sucursal do Banco de Santander en Pontevedra, propiedade de Pablo Crespo, daquela número 2 dos populares galegos, diversos documentos correspondentes aos gastos realizados polo PP de Galicia no período comprendido ente abril de 1996 e setembro de 1999.

A documentación demostraría a existencia dun dobre sistema de facturación do PPdeG durante a campaña municipal e autonómica de 1997 e 1999

A UDEF sostén que esta documentación demostraría a existencia dun dobre sistema de facturación da formación política durante a campaña municipal e autonómica de 1997 e 1999. Entre as anotacións contidas na documentación, cualificadas como 'B' ou "relación entregas sen recibos", figura un apunte de 5 de maio de 1999 por importe de 21 millóns de pesetas, constando como acredor "sede nacional", e como concepto "pago débedas pendentes". Na documentación desvelada polo diario El País, correspondente á suposta contabilidade 'B' do partido que levaba Luís Bárcenas, consta unha entrada baixo o concepto P. Crespo por importe tamén de 21 millóns de pesetas.

Outra coincidencia cos papeis de Bárcenas alude ao financiamento por parte da trama Gürtel das campañas electorais celebradas en Galicia en 1999

Outra coincidencia descuberta pola UDEF é a relativa ao financiamento dos actos realizados pola organización de Francisco Correa nas campañas electorais celebradas en Galicia entre abril e outubro de 1999. Entre a documentación intervida no seu día no domicilio de José Luís Izquierdo López (contable da organización de Francisco Correa), figura unha entrega de fondos en efectivo de data 21 de outubro de 1999 por importe de 9 millóns de pesetas por parte de Alfonso García Pozuelo, (presidente de Construtora Hispánica S.A desde 1992 até 2009 e imputado na causa).

Noutro documento de Francisco Correa faise referencia a ingresos en B entre 1999 e 2001

Con todo, noutro documento denominado "Extracto PP Galicia" (incorporado á denominada contabilidade 'B' de Francisco Correa) achada nun pendrive no domicilio de Izquierdo, os ingresos que se recollen abranguen un período máis amplo, desde xuño de 1999 a xullo de 2001 e obsérvase que xa non consta esa anotación.

Nos documentos desvelados por El País constan varias entradas de fondos nos meses de xaneiro, xullo e novembro de 2000 baixo o concepto 'Alfonso Gª Pozuelo' por importes de cinco, dous e cinco millóns de pesetas, respectivamente, en total 12 millóns de pesetas, que a UDEF considera compatibles cos ingresos anotados na contabilidade B de Correa.

En terceiro lugar, entre a documentación intervida igualmente no domicilio de Izquierdo figuran varias anotacións relativas a pagos de Alfonso García Pozuelo que corresponden presuntamente con adxudicacións de contratos públicos á súa construtora e outras empresas relacionadas con el. Entre as devanditas operacións, con data 27 de novembro de 2003 figura anotada unha recepción de 600.000 euros correspondente a unha entrega do citado García Pozuelo unha de data 27, dos que el recibiría nun sobre 60.000 euros. Na documentación publicada por El País consta unha entrada de diñeiro a nome de 'Alfonso Gª Pozuelo' por importe de 60.000 euros de data 4 de decembro de 2003 (presumiblemente a que el recibira da organización de Correa) isto é, unha semana despois.

O maxistrado Pablo Ruz di que da información facilitada pola UDEF quedou evidenciada a "constatación de elementos subxectivos, obxectivos e de coincidencia temporal suficientes e relevantes (...), que adquiren maior relevancia tras a declaración prestada polo imputado Luís Bárcenas o pasado 25 de febreiro, na que recoñece comparecer ante notario o 14 de decembro de 2012, manifestando na acta ser o responsable, xunto con Álvaro Lapuerta (anterior tesoureiro do PP) do control dos ingresos e gastos do epígrafe Donativos do Partido Popular" entre 1994 e 2009.

O xuíz instrutor di que aínda que o caso Bárcenas debería incorporarse ao caso Gürtel , a Lei de Enxuizamento Criminal (LEC) permítelle abrir unha peza separada, como decidiu "para simplificar e activar o procedemento" evitando "atrasos inxustificados e inútiles na súa tramitación".

A contabilidade de Pablo Crespo e a de Bárcenas, comparada por El Pais © El Pais
Luis Bárcenas © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.