A Xunta gasta ata 175.000 en renovar os traxes dos choferes dos coches oficiais

A contratación depende do vicepresidente, na foto, aos mandos dun coche da Xunta © Ana Varela

A temática automobilística foi un lugar común na política galega dende, aproximadamente, o ano 2008. O PP preparaba a súa artillería electoral e puxo no punto de mira os coches oficiais do Goberno galego, daquela sustentado por PSdeG e BNG, disparando dialecticamente con máis intensidade contra os automóbiles da Xunta a medida que se achegaban as eleccións de 2009. Catro anos despois daqueles comicios que lle devolveron o poder á dereita en Galicia os membros do Executivo autonómico seguen a viaxar, como era de agardar, en coches oficiais. Onde antes puña Audi agora pon maioritariamente Citroën. O que non cambia é que ao volante dos coches hai choferes rigorosamente vestidos de traxe. O gabinete de Feijóo renovou o seu vestiario en 2010 e en 2011 e agora vólveo facer. Para isto prepara unha partida de case 175.000 euros.

A Vicepresidencia da Xunta vén de iniciar os trámites para "a adquisición da uniformidade de verán e inverno" para os condutores e condutoras do parque móbil gobernamental. O departamento que dirixe Alfonso Rueda fixa un importe de licitación -a cantidade que está disposto a pagar como máximo- de 174.908 euros, uns 25.000 menos que hai dous anos para 408 traxes, 816 camisas, 404 gravatas, 404 pares de calcetíns e 404 pares de zapatos -metade de inverno, metade de verán-. A este pedido engádense catro panos, catro pares de medias, catro pares de zapatos feminininos e 143 prendas de abrigo de home.

Atendendo á documentación deste procedemento de contratación é posible afirmar que, en pleno inverno, un chofer da Xunta pode levar postos ata 487 euros en roupa. Farao se leva o abrigo posto (140 euros) e por baixo o correspondente traxe (230 euros) con camisa (37 euros), gravata (12 euros), calcetíns (7 euros) e zapatos (61 euros). No caso da condutora, o total do vestiario acadaría os 363 euros en período invernal. No verán a ausencia de abrigo e o lixeiro abaratamento no resto da roupa deixa os choferes en 338 euros e a condutora, en 348.

Un chofer da Xunta poderá levar 'postos' ata 487 euros en roupa

Na uniformidade de inverno os condutores van vestir "traxe de chaqueta" con "americana e pantalón recto sen voltas, en cor lisa azul mariño", camisa "de manga longa, en cor branca ou azul clara", gravata "lisa azul mariño", calcetíns negros e "zapatos de inverno en cor negra, pel e feitura lista e interior forrado cos materiais axeitados á estación", todo isto acompañado dun "chaquetón ou gabardina" tamén azul mariño. As condutoras, pola súa banda, levan tamén "traxe chaqueta pantalón" e no seu caso a gravata é substituída por un "pano ou bufanda" e os calcetíns, por "medias negras ou naturais, lisas".

Para decidirse por unha ou outra empresa a Xunta solicita "mostras" de todas as prendas e tecidos, que serán analizadas polo Laboratorio de Consumo de Galicia someténdoas a probas como a "formación de pilling -"bolitas", explica o documento orixinal-" ou unha "análise de encollemento tras o lavado doméstico de camisas". A empresa que se faga co contrato terá que ter "un local axeitado na cidade de Santiago para a toma de medidas, probas, entregas e reformas das prendas e calzado". Estas medidas tomaranse, como máximo, 15 días despois dende a sinatura do contrato e, unha vez medido o persoal, terá que dispoñer dos seus traxes de verán 30 días despois; para os de inverno a compañía adxudicataria disporá de catro meses.

A contratación depende do vicepresidente, na foto, aos mandos dun coche da Xunta © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.