O PP eloxia a "calidade" de POVISA malia lastrar toda a lista de espera do Sergas

Vista das instalacións de Povisa © UVigo

Xa hai tempo que a Consellería de Sanidade amosa os seus rexistros de listas de espera de dous xeitos: "con POVISA" e "sen POVISA". Deste xeito, o departamento sanitario da Xunta vén admitir abertamente o lastre que supón para o Servizo Galego de Saúde a dependencia deste centro privado, integrado no sistema público polo sistema de concerto e que é o centro hospitalario de referencia para unhas 100.000 persoas da área de Vigo. Nos últimos datos dispoñibles, de decembro de 2012, a lista de agarda cirúrxica "sen POVISA" é de 63,6 días, pero sobe ata os 83,4 ao incorporarse o centro vigués. A razón é que o centro privado acumula agardas de 201,2 días. Malia estas evidencias, o PP aproveitou este mércores un debate parlamentario sobre o novo hospital de Vigo para gabar a "calidade" de POVISA.

O pleno abordaba unha proposición non de lei coa que o BNG apostaba por resolver o contrato público-privado para erguer e poñer a funcionar o novo centro. Un dos argumentos do Bloque para rexeitar o proxecto gobernamental é que a empresa privada que o leva adiante reduciu as dimensións do futuro hospital "para que POVISA siga tendo carta de natureza en Vigo", xa que o proxecto orixinal, do bipartito "ía eliminar a necesidade" de recorrer ao concerto coa privada", di Carlos Aymerich. Pola banda do PP o seu voceiro, Miguel Santalices, aproveitou a súa intervención para realizar unha acendida defensa do policlínico vigués, que mesmo chegou a ser investigado polo Valedor do Pobo a causa das súas disparadas lista de espera.

As listas de espera de POVISA, que superan os 200 días, chegaron a ser investigadas polo Valedor do Pobo

Segundo Santalices POVISA é un centro "complementario" ao sistema público que "presta unha asistencia sanitaria de calidade". Por iso os conservadores "confían" en que a futura lei de garantías, que permitirá a libre elección de hospital, "sirva para que POVISA teña unha adscrición voluntaria de poboación". Pola contra, acusa, os grupos da oposición "o que queren é pechar POVISA" e así "llo dixeron aos membros do comité de empresa"  nunha recente reunión, acusa. O persoal dese hospital "non marchou satisfeito" das xuntanzas co Bloque, con AGE e co PSdeG, asegura, mentres que o PP lles deu garantías sobre a súa continuidade.

"O BNG non quere que acabe a sanidade privada, o que non queremos é que ocupe o lugar da pública", retrucou Aymerich, quen lamenta ademais que o Goberno galego teime en seguir adiante co sistema público-privado aínda que a concesionaria "xa incumpra os prazos" e tampouco libere o Goberno galego dos riscos financeiros, toda vez que Sanidade xa tivo que "ir buscar financiamento ao Banco Europeo de Investimentos e ao ICO". "O rescate procede cando así o esixe o interese público" segundo as normas que regulan a concesión e "o que cabe agora xa é resolver o contato, porque hai un incumprimento das obrigas esenciais da empresa contratista; nin dá financiado a obra nin cumpre os prazos". Así e todo, a proposta non sairá adiante e todo seguirá igual no proxecto tras un debate no que a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, accedeu a retirar a expresión "amado líder" referida ao alcalde de Vigo, Abel Caballero -pronunciáraa Santalices- e aproveitou para facer o propio con "presidente vaidoso", neste caso referido a Feijóo.

Vista das instalacións de Povisa © UVigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.