"O PP quere deliberadamente que o rural non sexa produtivo e que a xente marche"

Manifestación a prol do ensino no rural CC-BY-SA Merixo

David Fernández, David de Toén, leva tres meses no Parlamento e para ben ou para mal saltou ás portadas pola súa expulsión a pasada semana. Enxeñeiro de Montes e docente, a súa carreira investigadora viuse truncada coma a de moitos outros mozos galegos. Coñece ben o mundo da universidade e tamén a realidade do mundo rural galego, por orixe e por formación. Militante de Anova, o pasado 21-O pasou de estar no paro a converterse en deputado liderando a lista de AGE pola provincia de Ourense.

Como está sendo a túa experiencia parlamentaria nestes primeiros tres meses?

Moi decepcionante. É un teatro, pero un teatro malo. As respostas que dan os conselleiros ás preguntas parlamentarias son absurdas, e as máis das veces non che contestan en realidade. Por veces isto convértese nunha burla á cidadanía. Cando nós preguntamos a respecto dun problema social que medidas baralla o Goberno para solucionalo, esperamos que nos presenten unhas liñas de traballo. Pode que sexan contrarias ás que defenderiamos nós, pero esperamos que o Goberno teña un plan. Pero case sempre saen cun “y tu más”. A min dáme a impresión de que nos debates que se dan alí ninguén escoita a ninguén. Ti vas alí, soltas o teu rollo e parece que nin che fan caso.

Nun artigo que publicou David Rodríguez hai uns dias sobre a túa expulsión afirmaba que "aquel que facía chanzas estaba a ser, coas prerrogativas do bufón que nos dramas de Shakespeare é quen canta as verdades, o máis serio de todos". Como te sentiches nese momento cando o vicepresidente optou por unha medida drástica e inédita?

Unha medida drástica e ilegal, ademais. Eu non lle faltei ao respecto a ninguén e non insultei. Como moito poderían terme chamado a atención ou retirado a palabra, pero nunca expulsarme do pleno. Debe ser que o tema do que eu estaba falando puxo excesivamente nervioso o señor vicepresidente e por iso me botou.

O traballo parlamentario non ten tamén a súa parte positiva, por exemplo no contacto con colectivos sociais ou cidadáns, e o traslado das súas preocupacións á cámara?

Dende logo para min é máis importante escoitar a xente e traer aquí as súas reivindicacións. Despois está o problema das cousas que teñen repercusión mediática e as que non. Por exemplo, lembro un discurso excepcional da miña compañeira Eva Solla, na que era ademais a súa primeira intervención no Parlamento. Non vin unha soa liña nos medios de comunicación e fixo un retrato perfecto de como funciona a sanidade privada. E como este caso hai outros: intervencións realmente boas que hai no Parlamento non saen en ningures e a xente non as coñece.

Como é a relación entre a xente de EU e a de Anova?

A relación é moi boa, realizamos accións conxuntas, avisámonos de todas as cousas. Non podemos andar con friccións cando a cidadanía está atravesando tantas dificultades.

Como está sendo o traballo de conformación de Anova e de AGE?

En Anova estamos traballando moito na rúa, falando con moita xente e en breve teremos a nosa primeira asemblea nacional. Imos tentar seguir en contacto coa sociedade para poder levar a súa voz ao Parlamento. En canto a AGE, está por ver: polo de agora está funcionando moi ben e o que sexa dependerá do que decidan as formacións que a compoñen. Eu espero que teña futuro.

Ti coñececes ben o mundo rural e os seus sectores produtivos, por orixe e por formación. É o grande esquecido nestes trinta anos de autogoberno?

Eu creo que o Partido Popular quere deliberadamente que o rural non sexa produtivo e que a xente marche. Porque iso déixalles o campo libre para grandes proxectos coma o de Corcoesto, que é unha aberración. Estou convencido de que se esa comarca estivese ben desenvolvida e tivese unha base agrogandeira importante, como ten por exemplo A Limia, e onde mesmo unha industria de transformación dependese dese sector primario forte, a sociedade non permitiría ese tipo de proxectos. Para min a clave da política do PP nas zonas rurais está no peche nos últimos anos de escolas rurais ou na supresión de prazas de médicos no rural. E todo o mundo, viva onde viva, quere ter uns servizos axeitados. Para min non pode haber unha política no medio rural sen que o rural teña os mesmos servizos que as zonas urbanas. Despois podes facer moitas cousas: mellorar as explotacións ou favorecer que os mozos e mozas se incorporen a elas, pero se non temos os mesmos servizos ca nas cidades é moi difícil que a xente queira quedar a vivir.

Ti desenvolviches durante anos unha carreira investigadora que non puideches continuar. Estase expulsando a toda unha xeración? Como analizas as politicas de I+D+I?

O PP cada vez que fala de I+D+I pon o énfase no investimento que fai a empresa privada en investigación. Por desgraza, en Galicia a empresa privada non está preparada para investigar. O que fixo a Xunta foi acabar con todos os programas de investigación pública que estaban funcionando, sobre todo nos campos das ciencias experimentais. Necesitamos programas de mobilidade para que a xente complete a súa formación en lugares nos que a investigación está máis desenvolvida. Pero iso require cartos. Póñoche un exemplo: no último ano do bipartito o programa de recursos humanos de investigación da Xunta tiña un orzamento de case 29 millóns de euros e iso destinábase á formación de investigadores. No ano 2012 os cartos que se destinaron a isto foron menos de catro millóns de euros. Con esta incerteza como se vai animar a xente a iniciar unha carreira investigadora?

Moitas veces semella que o PP non fai política, que se comporta como un contable. Como valoras a xestión do Goberno?

Por un lado, están obsesionados coa empresa privada, en que a empresa privada xestiona mellor que a pública. De feito, pedinlle no parlamento a un deputado do PP que me amosase algún apoio empírico no que basear esa afirmación e non me soubo contestar. Ese sistema que eles favorecen no que se acaba derivando a empresas privadas a xestión de servizos públicos é o caldo de cultivo no que agroma a corrupción. Por outro lado, vexo que a xente que está no Goberno galego está moi pouco formada e le moi pouco. Decátaste de que non saben nada de áreas nas que deberían ser expertos.

Representantes de Anova en Ourense © Anova
Manifestación a prol do ensino no rural CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.