Abrente reivindica a traxectoria do BNG e desmárcase do documento base da asemblea

Aymerich intervén na asemblea constituínte de Abrente CC-BY-SA Praza Pública

"Pensamos que é un erro absoluto facer unha revisión do que fixo o BNG dende a asemblea do Carballiño (1987)". É unha das conclusións que se tira no entorno de Abrente, a corrente interna do BNG que lidera o vicevoceiro parlamentario da formación frontista, Carlos Aymerich, e que o pasado sábado no Consello Nacional se desmarcou, pola vía do voto particular, do documento base da vindeira asemblea. Despois de que na segunda metade de 2012 tanto dende a dirección nacionalista como dende o grupo de Aymerich se ofrecesen sinais tendentes a limar diferenzas, tamén cara ao exterior, as discrepancias a un mes da cita asemblear complican o que nalgúns sectores se vía como a situación máis axeitada: que a nova dirección do Bloque fose resultado dunha única lista sometida á aprobación da asemblea.

Segundo as fontes de Abrente consultadas por este diario boa parte das discrepancias aséntanse en que "o que latexa por tras" do documento, a devandita "revisión", supón "volver atrás", cara a un modelo máis semelante ao antigo Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG) que ao actual BNG. No seo desta corrente, que o vindeiro sábado se reunirá en asemblea en Santiago, percíbese que "a maioría" procura "unha organización cun partido hexemónico e con independentes arredor" que tome "o camiño contrario ao que se fixo nestes anos, de achegarse á sociedade" porque interpretan que a formación se converteu "nunha máquina electoral".

Abrente considera que o documento base tende a "levantar valados no nacionalismo"

Xunto á revisión da traxectoria, as diferenzas manifestadas por Abrente están tamén vinculadas á posibilidade de camiñar cara á recomposición da "unidade do nacionalismo" e ao xeito de facelo. "Unha cousa é que a sociedade queira que se lle digan as cousas claras e con toda a radicalidade que sexa necesaria" sobre "os problemas que padece no día a día", explican as mesmas fontes, en cuxa opinión o que non é acaído é "entrar en debates que o único que perseguen é levantar valados no campo do nacionalismo, cando co que hai que facer é deitalos abaixo", non avaliar "quen é nacionalista puro ou suposto nacionalista", din. Neste sentido, tampouco consideran "conveniente" que o "roteiro" do Bloque deba ser procurar alianzas con forzas do independentismo. 

Neste contexto, a dirección de Abrente, a comezar polo propio Aymerich, explicaranlles o vindeiro sábado aos membros da corrente as circunstancias que levan a "chegar á asemblea" do 17 de marzo "con todo aberto". "Unha cousa é que permanezamos leais ao BNG e outra, que abdiquemos das nosas ideas", resumen, para ilustrar que neste escenario ven "imposible" que "vaiamos nunha lista unitaria, cando non compartimos unhas posicións que supoñen unha revisión" da práctica política dos últimos anos. Segundo confirman as fontes consultadas estas posicións fóronlles trasladadas aos membros de Abrente a través dunha carta asinada por Aymerich para convocalos á asemblea do sábado.

Aymerich intervén na asemblea constituínte de Abrente CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.