A Plataforma das Artes Escénicas, novo colectivo expulsado do Parlamento

Membros da plataforma atenden á prensa tras o desaloxo CC-BY-SA Praza Pública

A nova engranaxe para botar persoas convidadas aos plenos do Parlamento xa funciona a pleno rendemento. Desta volta o colectivo afectado foi a Plataforma das Artes Escénicas, cuxos representantes asistían este mércores, convidados polo BNG, ao debate que a nacionalista Ana Pontón suscitou en torno á ausencia de "programación musical e escénica" nas redes dependentes da Consellería de Cultura e Educación. Nomeadamente, Pontón formuloulle unha pregunta sobre o tema ao conselleiro Jesús Vázquez, quen respondeu con xeralidade en torno ao sector. Os membros da plataforma, sentados na tribuna de convidados, amosaron a súa disconformidade coa reposta e reclamaron que Vázquez "contestase" ao que se lle estaba a preguntar. E foron expulsados.

Tal e como estipulan as novas normas de admisión, a presdienta da Cámara, Pilar Rojo, ordenou que a media ducia de representantes do sector fosen desaloxados do recinto parlamentario por parte dos servizos de seguridade da Cámara. Conducidos por traballadores do lexislativo galego e seguidos de cerca por algún efectivo policial tampouco puideron realizar declaracións ante a prensa ata que non franquearon a porta do Pazo do Hórreo, xa que membros do equipo da Presidencia, como adoitan, llelo impediron: "nos corredores do Parlamento só fan declaracións os deputados", argumentaron.

Aínda dentro do recinto pero xa na porta si houbo lugar para as explicacións. María Armesto, da Federación de Festivais das Artes Escénicas e Musicais, explica que as súas mostras de desaprobación na tribuna chegaron ao escoitar que o conselleiro "dicía cousas que non son certas". "Empezou a contestarlle mentiras á deputada e entón, indignámonos", resume. Na mesma liña outro dos membros da plataforma, Arturo López, censura que Jesús Vázquez se limitase a expoñer "un rollo sobre o que é a cultura, o teatro ou a música" pero non explica "por que non se está programando nada". "Hai unha rede de teatros e salas que tería que ter feito 150 espectáculos e non se fixo ningún, hai unha AGADIC que leva catro meses sen director e nin di por que", subliña.

Os membros da plataforma amosaron a súa disconformidade dende a tribuna porque Vázquez non respondía a pregunta do BNG

O sentimento xeral entre as persoas expulsadas é que o desaloxo "compensou", comenta López. "Polo menos, dixemos o que sentimos" e "probablemente, xunto coa deputada que fixo a pregunta, fomos os únicos que dixemos a verdade". Segundo as normas parlamentarias, estes representantes da Plataforma das Artes Escénicas non poderán volver como convidados a un pleno durante todo o período de sesións ou tempo equivalente. Pola súa banda o BNG, grupo que os convidou, non poderá cursar convites no próximo pleno.

Membros da plataforma atenden á prensa tras o desaloxo CC-BY-SA Praza Pública
Os servizos da Cámara desaloxan as persoas convidadas CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.